0 Gardados para despois

Unhas 1.800 hectáreas arderon en Galicia desde o pasado xoves

Redacción | @prazapublica

O primeiro grande incendio do verán continuou a crear problemas nesta fin de semana, malia quedar estabilizado hai días e controlado este domingo á mañá. Con focos aínda activos, as lapas que se iniciaron o pasado xoves ás 16.30 horas na parroquia de Vilamario en Verín queimaron xa unhas 1.400 hectáreas e fixeron estender o lume ata os concellos veciños de Riós e Vilardevós. "Segue evolucionando favorablemente", asegurou a última hora da tarde deste domingo a Consellería do Medio Rural.

O grande incendio de Verín queimou unhas 1.400 hectáreas e quedou controlado o domingo á mañá

Este incendio de Verín obrigara ao corte da autovía das Rías Baixas (A-52) na contorna de Queirugás e tamén a estrada convencional N-525. Un vídeo gravado o pasado venres dende o seu vehículo polos membros do grupo musical Amparanoia, que viaxaba cara ao festival Sonrías Baixas de Bueu, amosaba a virulencia do incendio. Na súa extinción levan traballado 5 técnicos, 61 axentes, 107 brigadas, 69 motobombas, 7 pas, 18 helicópteros e 9 avións, e tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) de Laza e bombeiros comarcais da zona. 

Precisamente, en Laza quedou estabilizado á tardiña deste domingo un lume forestal na parroquia de Camba, que comezaba o sábado arredor das nove da noite e que, segundo as últimas estimacións, queimou xa unhas 70 hectáreas de monte raso. Aínda non está controlado. No concello lucense de Pantón, pola súa banda, o incendio que comezara o pasado venres á tarde afectou xa 250 hectáreas (192 de monte raso e 57 de arborado). Ademais, as lapas tamén queimaron pequenas superficies en Monterroso, Guntín, Sarreaus, Trasmiras, Xinzo, A Gudiña ou Lobios.

No caso do de Laza, o incendio comezou simultaneamente en catro focos diferentes e xa achegándose á noitiña, o que fai temer que non só foi provocado, senón que intentou provocar o maior dano posible na zona. 

Incendio en Laza

Xa que logo, e despois da importante afectación do lume de Verín, no que vai de ano xa arderon en Galicia máis de 5.000 hectáreas por mor dos incendios forestais e en medio dunha importante seca que afecta, sobre todo, a provincia de Ourense. Desde o pasado xoves, cando se declarou o grande incendio do verán, arderon no país unhas 1.800 hectáreas. 

No que vai de ano arderon xa máis de 5.000 hectáreas en Galicia por mor dos incendios forestais

Unha vez máis, as visións foron ben diferentes segundo a proximidade ao lume das administracións. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, queixouse xa o venres da falta de medios de "intervención rápida" cos que, segundo el, podería terse "atallado" o incendio cando "era pequeno" e evitar así a súa propagación. "Está claro que a vixilancia non funciona. É conveniente pensar nalgún sistema de intervención inmediata para que o lume non se propague porque despois é incontrolable", dixo.

O vicepresidente Rueda gaba o dispositivo contraincendios e di estar convencido de que se "evitaron danos maiores"

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegurou que houbo unha "rápida resposta" e que o operativo foi despregado en só "oito minutos" tras o aviso de incendio. Xa a fin de semana, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, gabou a efectividade dos medios e do dispositivo contraincendios. "Estou seguro de que evitamos danos maiores, e non me remito só aos incendios en Portugal senón aos doutros sitios de España", asegurou quen insiste na necesidade "da concienciación e tolerancia cero". "Non pode haber consentimento nin silencio ningún ante os incendiarios porque é un delito grave", insistiu quen destacou que no que vai de ano xa se detiveron tantos presuntos incendiarios (máis de 70) como en todo o exercicio pasado. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.