0 Gardados para despois

Pontevedra foi a provincia do Estado con máis manifestacións prohibidas en 2016

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O número de manifestacións celebradas en Galicia aumentou o pasado ano, crecendo das 3.524 de 2015 ás 3.935 de 2016. Sen chegar, iso si, ao nivel acadado en 2013 (4.674). Este dato, feito público polo Ministerio do Interior no seu anuario estatístico, sitúa Galicia como a segunda comunidade con máis protestas nas rúas, só por detrás de Andalucía (con moita máis poboación), e por diante de Madrid ou a Comunidade Valenciana, tamén máis poboadas.

É, ademais, unha das poucas que incrementa o seu número de manifestacións, nun contexto de descenso xeral no conxunto de España: dende o 2012 (44.233 convocatorias) a cifra total acumula catro anos consecutivos de caídas, ata as 27.880 marchas celebradas en 2016 (os datos do Ministerio non inclúen a información de Cataluña e País Vasco).   

Na Coruña e Lugo o número de manifestacións reduciuse notablemente en 2016

Con todo, analizando os datos galegos polo miúdo, atopamos que o incremento só se produce na provincia de Pontevedra (de 1.583 a 2.689) e un pouco na de Ourense (de 190 a 215), mentres que na Coruña e Lugo o número de manifestacións comunicadas en 2016 decreceu notablemente (de 1.260 a 808 na Coruña e de 491 a 223 na de Lugo).

Outro dos indicadores que chama poderosamente a atención refírese ao número de manifestacións prohibidas pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra. En 2016 un total de 299 marchas foron expresamente prohibidas nesta provincia, o que a sitúa como o territorio do Estado con máis marchas non autorizadas, por diante doutras moito máis poboadas como Sevilla (187), Alacante (103) ou Madrid (77). De feito, nas outras tres provincias galegas só 4 manifestacións foron prohibidas (2 na Coruña, 1 en Lugo e 1 en Ourense).

A frecuente prohibición de manifestacións foi unha constante en Pontevedra entre 2013 e 2016, coincidindo coa xestión de Antonio Coello Bufill como Subdelegado do Goberno

A frecuente prohibición de manifestacións foi unha constante en Pontevedra entre 2013 e 2016. Se en 2012 ningunha marcha foi prohibida, en 2013 a cifra elevouse a 228, moderándose algo en 2014 (68) e 2015 (33), para de novo dispararse o pasado ano. As prohibicións coinciden coa xestión de Antonio Coello Bufill como Subdelegado do Goberno, un cargo do que tomou posesión en febreiro de 2012 e que abandonou en novembro de 2016.

Descenden as manifestacións convocadas por sindicatos (de 1.602 a 1.132), traballadores a través de comités de empresa (de 126 a 70) ou partidos políticos (de 99 a 85)

A análise detallada dos datos revela igualmente que o incremento no número de manifestacións celebradas en 2016 en Galicia é debido unicamente a un tipo específico de convocatoria: a realizada por asociacións cidadás a conta de asuntos veciñais (na nomenclatura empregada polo Ministerio do Interior nos seus rexistros). Así, con respecto ao ano 2015, descenden notablemente as manifestacións convocadas por sindicatos (de 1.602 a 1.132), traballadores a través de comités de empresa (de 126 a 70) ou partidos políticos (de 99 a 85). Pola contra, aumentan moito as convocatorias de asociacións cidadás (de 1.574 a 2.536).

Redúcense as manifestacións por motivos laborais (1.489 a 1.059), agrarias (de 160 a 4) ou de protesta contra medidas políticas e lexislativas (de 611 a 238)

De igual xeito, redúcense as manifestacións por motivos laborais (1.489 a 1.059) ou de protesta contra medidas políticas e lexislativas (de 611 a 238). Tamén, de forma moi destacada, as protestas agrarias trala mobilización polos prezos do leite en 2015 (de 160 a 4). E, así mesmo, as manifestacións contra a violencia de xénero (de 90 a 57) ou por asuntos ligados á sanidade (de 100 a 45). Pola contra, só crecen de forma notable as ligadas ao ensino (de 75 a 112, pero moi lonxe das 212 de 2013). E, sobre todo, as relacionadas con asuntos veciñais (de 366 a 1.954).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.