0 Gardados para despois

"Queremos que se mobilice a inmensa maioría de galegos e galegas que están en contra das touradas"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O vindeiro sábado ás 20 horas unha manifestación protestará contra a organización da feira taurina de Pontevedra. A marcha, apoiada por máis dun cento de entidades e convocada por Touradas fóra de Pontevedra, partirá da Praza da Peregrina e rematará coa lectura dun manifesto a cargo de Diana López (autora do libro No es País para Coños e da obra de teatro do mesmo nome).

Será a sétima vez que se leve a cabo esta manifestación, que ano a ano incrementa a súa cifra de asistentes, superando o milleiro de participantes o pasado ano. Trala desparición da feira taurina da Coruña en 2015 e a supresión das touradas en Sarria, Pontevedra ficou como a única localidade galega que acolle este espectáculo de maltrato animal. Porén, tamén aquí este tipo de eventos ve reducirse os seus apoios, nomeadamente tralo cambio de goberno na Deputación hai dous anos, que decidiu deixar a feira sen subvencións e declarar a provincia "territorio libre de touradas". Falamos cun dos voceiros, de Touradas fóra de Pontevedra, Borxa González.

"O importante para nós era abrir este debate na sociedade pontevedresa sobre as propias touradas e tamén sobre o seu financiamento por parte dos organismos públicos"

Que expectativas tedes de cara á manifestación do sábado? Percíbese unha maior mobilización na cidade?

Nos últimos anos foi medrando o apoio social ao movemento antitaurino en Pontevedra, tanto no que respecta a entidades e colectivos, coma a organizacións políticas coma á propia cidadanía. A primeira manifestación que se convocou, hai anos, tivo o apoio de 15 colectivos; o pasado ano foron 116 e este ano esperamos incrementar esa cifra. O importante para nós era abrir este debate na sociedade pontevedresa sobre as propias touradas e tamén sobre o seu financiamento por parte dos organismos públicos. Galicia é un territorio no que a tradición taurina é practicamente inexistente e seguramente por iso non hai realmente un debate social sobre o tema. Pero a mobilización dos últimos anos está conseguindo que cada vez máis xente se molle, cun apoio xeneralizado ás demandas das entidades antitaurinas. Queremos que esa inmensa maioría de galegos e galegas que segundo as enquisas están en contra das touradas -un 85%- se mobilicen.

Nos últimos dous anos déronse pasos adiante, nomeadamente a través da Deputación de Pontevedra. Que efecto tiveron as decisións adoptadas polo organismo provincial?

Si, a Deputación de Pontevedra era o principal financiador do empresario taurino. Cando mudou o goberno, en 2015, tomáronse unha serie de medidas, coma a declaración de Pontevedra como provincia contraria ás touradas e a eliminación da subvención que ata entón lle entregaba todos os anos. Foi un paso adiante moi importante, tanto a nivel simbólico como económico, que se uniu aos avances que xa se deran a nivel municipal dende a mudanza de Goberno de 1999. Daquela elimináronse unha serie de privilexios, a subvención directa que recibía a feira, a compra de entradas por parte do Concello, a presenza institucional na praza e a publicidade do Concello no recinto. Máis recentemente vimos como se eliminou a mención á Feira no programa de festas da Peregrina e aprobouse ademais unha declaración institucional no pleno. Queda pendente, iso si, a supresión do convenio de 40 mil euros anuais que aínda mantén o Concello cos propietario da praza.

"Recoñecémoslle ao Concello os avances que se produciron nos últimos anos, pero cremos que pode facer algo máis"

Hai que poñer fin ao convenio que aínda mantén o Concello? Credes que o Goberno municipal podería facer máis do que fai?

É fundamental acabar con el. Sabemos que non sería definitivo para rematar coas touradas, pero sería un golpe económico moi importante. O convenio conta co rexeitamento de todos os grupos políticos da oposición, agás o PP, e da maioría dos movementos sociais da cidade. O Concello argumenta que o convenio para o uso deste recinto é imprescindible para a organización do torneo medieval da Feira Franca, entre outras actividade. Nós cremos que si hai alternativas que non financien indirectamente o empresariado taurino. De feito noutros lugares de Galicia tamén se celebran torneos medievais e non hai prazas de touros. Nós recoñecémoslle ao Concello os avances que se produciron nos últimos anos, pero cremos que pode facer algo máis. Sería importante tamén, a nivel simbólico, que Pontevedra se declarase cidade libre de touradas.

"No propio Partido Popular hai moitísima xente contraria ás touradas. Só pedimos un pouco de coherencia: se a lei quere loitar contra o maltrato animal, as touradas non poden quedar fóra"

En calquera caso, a prohibición da celebración das touradas debe chegar a través dunha lei autonómica. Vedes próxima a aprobación dunha norma semellante á existente en Canarias, Cataluña e, dende este verán, en Baleares? 

Nós insistimos moito niso, que a prohibición das touradas non depende do Concello, senón que depende da Xunta de Galicia. Agora mesmo está a debaterse un proxecto de Lei de Benestar Animal que para nós é insuficiente e hipócrita, pois por un lado reproba o maltrato animal, pero polo outro exime ás touradas. A lei conta co rexeitamento de todas as forzas da oposición e do movemento animalista. Simplemente modificando esa lei, cortaríamos de raíz este problema, como xa sucedeu en Cataluña ou está a suceder en Baleares. No propio Partido Popular hai moitísima xente contraria ás touradas. Só pedimos un pouco de coherencia: se a lei quere loitar contra o maltrato animal, as touradas non poden quedar fóra.

"Eles son conscientes de que non só aumenta a mobilización social contra as touradas, senón que cada vez é menos a xente que acode á praza"

Nos últimos anos a progresiva desaparición das touradas e o seu apoio social cada vez máis reducido están provocando nos grupos pro-taurinos unha acusada violencia verbal nas redes sociais. Credes que é froito do nerviosismo ante unha situación semella que imparable?

Eles son conscientes de que non só aumenta a mobilización social contra as touradas, senón que cada vez é menos a xente que acode á praza. Antes a feira incluía catro días de actividades; agora por cuestións económicas xa só quedan tres. Esta fin de semana houbo un espectáculo de recortes, con vaquillas, e a praza estaba practicamente baleira, a pesar de que medios de comunicación e empresas estiveron regalando entradas. E o domingo houbo corrida e non conseguiron encher a praza, reunindo apenas cinco mil persoas. Isto leva a que se incremente a súa violencia verbal nas redes sociais ou a que nas últimas semanas aparecesen varias veces arrancados os nosos carteis ou pintados por riba. Todo froito do nerviosismo que existe no bando taurino.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.