0 Gardados para despois

Denuncian que un neno leva 451 días agardando unha resonancia magnética no CHUS

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un neno de dous anos -con posible macrocefalia progresiva- leva 451 días agardando por unha resonancia magnética no Hospital Clínico de Santiago (CHUS). Así o denuncia a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS nun comunicado, no que critica "a vulneración do dereito dos pacientes a recibir asistencia sanitaria en tempos razoables".

A situación foi denunciada pola nai do pequeno, que explica que hai máis dun ano (o 23 de maio de 2016) o seu pediatra solicitou no centro a realización dunha resonancia magnética

A situación foi denunciada pola nai do pequeno, que explica que hai máis dun ano (o 23 de maio de 2016) o seu pediatra solicitou no centro a realización dunha resonancia magnética. Ese mesmo día o servizo de admisión rexistra a solicitude e quedo en espera de recibir unha chamada telefónica para fixar a data de realización da proba", indica a muller, que engade que ante a demora, presentou catro escritos de reclamación (en novembro, febreiro, abril e xullo). Nos tres primeiros casos (a última reclamación está aínda pendente de resposta) a contestación do centro hospitalario foi a mesma: "Valorado o historial clínico do paciente por facultativos especialistas, estimaron que non ten prioridade preferente. A citación se fará en función da antigüidade da súa inclusión en lista de espera e en función dos recursos planificados". A nai sinala que, ante o atraso na realización da proba, sofre "unha situación de incerteza e preocupación respecto do estado de saúde do meu fillo, ao non poder descartar a doenza que se trata de diagnosticar e atrasar o tratamento e a terapia que no seu caso proceda".

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS afirma que a denuncia "pon de manifesto que se está producindo un intolerable desamparo legal de innumerables pacientes que non temos asignada cita preferente ou con data recomendada polo facultativo para unha proba diagnóstica ou consulta externa, sen que teñamos forma de facer valer o dereito para recibir o tratamento necesario nun período de tempo predeterminado e rápido". A entidade cita o artigo 7 da Carta Europea dos Dereitos dos Pacientes, que recolle este dereito.

"Todos aqueles que estamos na súa mesma situación non estamos sendo considerados aos efectos do cómputo dos tempos medios de espera que se publican semestralmente, xa que só computan aqueles que teñen data de cita asignada"

A asociación denuncia que este procedemento empregado polo SERGAS, "consistente en deixar os pacientes nun limbo administrativo baixo a fórmula de 'xa o chamaremos' cando se solicita unha proba diagnóstica ou consulta externa", implica na práctica "que quedamos sen ser incorporados a unha lista de espera non estrutural e polo tanto descoñecemos o momento no que imos recibir asistencia". O caso deste neno, indica a entidade, "é a proba de que todos aqueles que estamos na súa mesma situación non estamos sendo considerados aos efectos do cómputo dos tempos medios de espera que se publican semestralmente, xa que só computan aqueles que teñen data de cita asignada". Para a asociación, o SERGAS "non só se vulnera o noso dereito a unha atención rápida ou en tempos razoables, senón que ademais falsean os datos das listas de espera publicadas omitindo como pendentes aqueles que non temos fixada a data e que, polo tanto, non figuramos en ningún tramo de espera".

A entidade esixe "tempos máximos de espera garantidos para consultas externas e probas diagnósticas" e que se fixe "a data da cita no mesmo momento que se produce a incorporación a unha lista de espera estrutural"

A lexislación galega establece un tempo máximo de 180 días naturais de espera estrutural para as intervención cirúrxicas, porén non se fixa un límite para a espera nas consultas externas. "Todos os pacientes que non teñamos asignada preferencia estamos destinados a engrosar unha lista de espera na que podemos permanecer meses ou anos agardando recibir a asistencia solicitada clinicamente", afirma a entidade, que denuncia a "inseguridade xurídica e arbitrariedade" que sofren os e as usuarias do SERGAS e critica a ausencia de "mecanismos xurídicos para que os pacientes poidan facer valer o dereito subxectivo que se lles recoñece legalmente".

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS esixe "a aprobación de normas que establezan tempos máximos de espera garantidos para consultas externas e probas diagnósticas" e, igualmente, que se fixe "a data da cita no mesmo momento que se produce a incorporación a unha lista de espera estrutural".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.