A colaboración duns bañistas permitiu salvar un golfiño varado en Ares

Imaxes do golfiño que apareceu en Ares © Esther Pérez

Hai apenas uns días liamos a noticia de que a actuación irresponsable de centos de bañistas nunha praia de Almería provocara a morte por estrés dunha cría lactante de golfiño. Este domingo a costa de Ares foi o escenario dunha historia cun final moito máis feliz na que, ademais, a actuación dunha familia que acudira parar o día a praia foi determinante para salvar a vida dun golfiño que quedara varado no lugar.

Nunha zona de cantís elevados próxima ao núcleo urbano da vila apareceu un macho de golfiño común adulto que superaba os dous metros de lonxitude e os cen quilos de peso

Nunha zona de cantís elevados próxima ao núcleo urbano da vila, entre as praias da Miranda e a Barrosa, apareceu un macho de golfiño común adulto, Delphinus delphis, que superaba os dous metros de lonxitude e os cen quilos de peso. A familia achegárase ata alí nunha pequena embarcación ata este lugar, ao que non se pode acceder a pé. Atoparon o animal atrapado na baixamar nunha zona rochosa, onde levaba varias horas; sufría, ademais, algunhas lesións epidérmicas. Aínda que no lugar xa había unha embarcación, os seus ocupantes non se preocuaran do golfiño en ningún momento nin avisaran os servizos de emerxencias.

En cambio, a familia lanzouse á auga para socorrer o cetáceo, tentando primeiro devolvelo augas máis profundas e chamando despois o 112 para solicitar instrucións. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) explica que dende hai anos o convenio de colaboración entre o 112 e a entidade permite a posta en contacto directa dun alertante co teléfono de emerxencias da asociación. Así, un técnico do CEMMA comezou a guiar os bañistas no proceso de recuperación do animal.

"A situación era moi difícil: polo inaccesible do lugar, as dificultades para chegar por mar, o tamaño do animal, o ser domingo, a falta de dispoñibilidade de embarcacións..."

"A situación era moi difícil: polo inaccesible do lugar, impedindo calquera operación de evacuación, as dificultades para chegar por mar, o tamaño do animal, o ser domingo, a falta de dispoñibilidade de embarcacións, a distancia á que estaban as unidades móbiles. Todo inconvenientes, mais había unha vantaxe: a dispoñibilidade dos bañistas e a entrega destas persoas desinteresadas que estaban na auga asistindo ao golfiño", salientan dende CEMMA.

De inmediato, unha técnica veterinaria e a unidade móbil da CEMMA saíron da Coruña e do centro de coordinación de Nigrán respectivamente, mentres o técnico continuaba dándolles instrucións aos bañistas e a Protección civil. Os consellos que lles foron dando e que os integrantes da familia levaron a cabo foron, primeiro, estabilizar a temperatura do golfiño mediante a súa introdución no mar; segundo, acompañalo e facerlle masaxes e movementos para o desentumecimento e a incitación á natación; terceiro comprobaron a súa flotabilidade; e, finalmente, tentaron a súa reintrodución en augas profundas.

Os técnicos de CEMMA explican este verán "está a ser especialmente malo dende o punto de vista dos varamentos"

"Todos estes pasos foron levados escrupulosamente. Era fundamental o factor tempo pois fai falla tempo para que o animal poida reintegrarse no mar, mais non se pode empregar moito para liberalo", salientan dende CEMMA. Tras case dúas horas de asistencia, o golfiño foi reintroducido a 500 metros da costa, onde marchou "nadando con forza para separarse da embarcación". Coa chegada da Unidade móbil da CEMMA púxose en marcha un dispositivo de seguimento por terra para comprobar que non volvía a costa.

Os técnicos de CEMMA explican este verán "está a ser especialmente malo dende o punto de vista dos varamentos, pois dende o mes de xuño lévanse rexistrado un total de 66 casos, cando o normal é que descenda o número de casos, cunha media de 30 nos anos anteriores nestes meses". "No mar parece primavera, e iso fai que a presenza de cetáceos sexa máis frecuente que noutras ocasións, o que aumenta as interaccións coa pesca e a probabilidade de varamentos", sinalan.

"Hai xente concienciada e sensible coa que se pode contar para unha asistencia de urxencia a un golfiño varado, sempre baixo as instrucións dos especialistas"

CEMMA quixo salientar o comportamento dos bañistas: "Logo de diversos casos que teñen saído nos medios de malas prácticas na asistencia aos animais varados, podemos dicir que hai xente concienciada e sensible coa que se pode contar para unha asistencia de urxencia a un golfiño varado, sempre baixo as instrucións dos especialistas". "Que se siga o exemplo", conclúen.

 

Imaxes do golfiño que apareceu en Ares © Esther Pérez
O animal foi atopado nas proximidades da Illa de Miranda © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.