O lume levou a preocupación á veciñanza de Celanova e Gondomar

Incendio de Gondomar, visto dende o centro da vila © @stopxthink

Foi unha noite dura en moitos lugares de Galicia. Os incendios que comezaran ao longo da calorosa xornada do luns seguiron ardendo tralo solpor, levando a preocupación á veciñanza de varias comarcas. Especialmente en Celanova, onde toda unha urbanización tivo que ser desaloxada debido á proximidade das lapas. E tamén en Gondomar, onde o incendio -visible dende numerosas localidades da comarca- avanzou durante a noite en dirección ao Parque Natural do Monte Aloia, aínda que finalmente non afectou a este espazo. Ademais, en Montederramo, Negueira de Muñiz, Cervantes e Pobra de Trives outros cinco incendios queimaron 155 hectáreas de terreo.

Segundo a información comunicada por Medio Rural pouco antes das dez da mañá deste martes, esta era a situación nese momento. Só permanece activo un incendio, en Pobra de Trives, que leva arrasadas unhas 20 hectáreas. Están estabilizados o de Gondomar (20 hectáreas queimadas) e un dos dous declarados en Cervantes, parroquia de San Tomé de Cancelada (40 hectáreas). Permanecen controlados o segundo dos incendios de Cervantes, na masma parroquia (20 hectáreas), o de Celanova (16 hectáreas) e o de Montederramo (42 hectáreas). E foi xa extinguido o que dende a noite do domingo ardía en Negueira de Muñiz (32 hectáreas). Estes sete incendios obrigaron a un gran despregue de medios de extinción, sumando un cento de brigadas, e máis de 50 motobombas.

En Gondomar os traballos de loita contra o lume complicáronse pola presenza de forte vento e pola gran lonxitude da fronte do incendio, de varios quilómetros. O incendio foi claramente provocado intencionadamente, pois as lapas comezaron en cinco focos distintos. Tamén se creou unha situación difícil por tratarse dunha zona moi poboada, con moitos núcleos habitados, diseminados polo lugar. Antonio Araújo, concelleiro de Medio Ambiente de Gondomar que permaneceu toda a noite alerta para colaborar nos traballos de control do incendio, agradeceu a través das redes sociais o traballo "das brigadas de bombeiros que actuaron, Policía Local e Garda Civil que estiveron activas e controlando a situación por se era necesario actuar e o lume chegaba ás casas. E a todos vós por estardes activos e informar. Isto é cousa de todos". "Agora só falta conseguirmos que os gobernantes cambien as nefastas políticas forestais", engadiu.

En Celanova tivo que ser declarado o nivel 2 de alerta por mor da proximidade do lume ás casas, preto da estrada que une a vila ourensá con Quintela de Leirado. Unha urbanización e o aparcamento dun tanatorio tiveron que ser desaloxados e, ademais, dúas estradas (OU-0209 e OU-531) foron cortadas.

 

O incendio de Montederramo afectou tamén a varias casas © @BrifLaza
En Celanova tivo que ser desaloxada toda unha urbanización © @furon53

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.