Os tres principais incendios da nova vaga de lume en Ourense achéganse ás 1.000 hectáreas

O incendio de Monterrei, dende a distancia Dominio Público @L4vrA

350 hectáreas en Monterrei, 300 en Chandrexa de Queixa, 250 en Castro Caldelas. Os tres principais incendios da nova vaga de lume que atinxe á provincia de Ourense arrasaron xa unhas 900 hectáreas de terreo, segundo datos facilitados por Medio Rural a mediodía deste mércores. Aínda que a última hora da tarde do martes estes incendios eran aínda pequenos -ao redor de 20 hectáreas como máximo, segundo as primeiras estimacións-, as lapas avanzaron de forma importante ao longo da noite

O máis perigoso e, egundo as últimas medicións tamén o máis extenso, é o que se iniciou na tarde deste martes en Infesta (Monterrei) e que deixou sen electricidade milleiros de persoas neste concello, Verín e Oímbra durante tres horas.

Este incendio obrigou ademais a cortar de novo a A-52 (nos quilómetros 160 e 173) por causa do fume e do po. Vinte e catro horas despois do seu inicio levaban traballado no operativo contra as lapas en Monterrei máis dunha trintena de brigadas, 15 medios aéreos entre helicópteros e avións, 17 axentes, 19 motobombas e tres pas.

Case á mesma hora do martes no que comezaba o incendio de Monterrei declarábase outro na parroquia do Burgo, en Castro Caldelas, que queimou xa 250 hectáreas. No seu control levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 24 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 4 avións, asistidos ademais por efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.

Aínda que inicialmente semellaba de menores dimensións, durante o mércores tamén adquiriu proporcións notables o terceiro destes incendios, en Chandrexa de Queixa, iniciado ás sete e media da tarde do martes e que xa levou por diante unhas 300 hectáreas. O volume de efectivos que traballan nel é menor, con 8 medios áereos, 4 brigadas e 3 axentes á fronte do dispositivo.

Imaxes do incendio de Chandrexa, tomadas por membros da BRIF de Laza

Alén dos incendios de Ourense dende Medio Rural informouse durante a tarde do mércores doutros tres incendios activos máis. Dous afectan á provincia de Lugo, cunhas 40 hectáreas na parroquia de Pambre, en Palas de Rei, e unhas 20 en Carballedo, na parroquia de Aguada. Mentres, no litoral da Coruña volve arder un concello tradicionalmente castigado polos incendios do verán, Porto do Son, cunhas 50 hectáreas estimadas na parroquia de Nebra. En Palas e Porto do Son os incendios foron xa controlados, segundo Medio Rural, mentres que de Carballedo xa puido ser extinguido.

Inicio do incendio en Porto do Son / @UGTForestaisGZ

Controlados e extinguidos

O Goberno galego deu conta ademais mércores da situación doutros catro incendios, todos eles xa controlados. Trátase de dous en Cervantes, que sumaron unhas 99 hectáreas, un na Pobra de Trives, con 20 hectáreas ardidas e outro en Montederramo, de 42 hectáreas de superficie. Ademais, deu xa por extinguidos os incendios de Gondomar (39 hectáreas), Celanova (16 hectáreas) e Guntín (23 hectáreas).

Que estes incendios fosen revelados pola Consellería de Medio Rural non implica que sexan os únicos que están a afectar aos montes galegos. Dende o ano 2009, co retorno do PP ao Goberno, o Executivo optou por informar só dos incendios que superan as 20 hectáreas e, por baixo desta superficie, dos que se achegan a zonas habitadas ou espazos protexidos. Con esta política informativa interrompeu a publicación dos dous partes diarios con todos os incendios que instaurara o anterior Goberno e tornou en práctica habitual que concellos, axentes forestais ou bombeiros revelen incendios que a Xunta oculta.

Imaxes dos equipos de extinción loitando pola noite contra o lume iniciado en Monterrei © @BifLaza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.