"A praga da velutina vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas"

Unha das trampas eléctricas desenvolvidas pola asociación © AGA

A avespa velutina segue a estenderse por Galicia. A Asociación Galega de Apicultura (AGA) calcula que en todo o país hai xa cen mil niños desta especie invasora, unha cifra produto de estimacións conservadoras, pero que -alertan- podería ser maior. A cantidade real, indican, coñecerase este outono, coa caída das follas das árbores. En calquera caso, a praga continúa e comeza a notarse en todo o territorio, tamén nas cidades.

“A praga está moito máis estendida que o ano pasado e chegou a moitos concellos onde aínda non chegara, sobre todo ao medio urbano e periurbano”, explica Xesús Asorey, voceiro de AGA. “Ao comezo afectaba sobre todo ás zonas rurais, a lugares onde había ríos ou auga, pero agora chegou de forma moi importante ás cidades”, engade. “Este ano é unha praga o que hai en Santiago, onde xa case non se ve outro insecto que non sexan as velutinas, tanto nas flores dos parques, nas froitas da Praza de Abastos ou nos contedores de lixo”, comenta. Asorey subliña que “isto é debido ao grao de abandono que hai no campo; as avespas atopan xa máis alimento no medio urbano que no medio rural. O seu alimento favorito son as abellas, pero cando non hai válelles a carne ou o peixe”. Asorey destaca tamén o efecto negativo que a presenza da velutina está tendo para os produtores de froita.

“A praga está moito máis estendida que o ano pasado e chegou a moitos concellos onde aínda non chegara, sobre todo ao medio urbano e periurbano”

“Aparecen niños por todas partes. Afortunadamente o que atopamos é que os niños son máis pequenos, seguramente porque hai unha superpoboación, e as familias tenden a ser máis pequenas”, destaca. Por desgraza, os prexuízos para as abellas son moi importantes, salienta: “moitas colmeas foron completamente liquidadas e só resisten aquelas nas que hai moitas colonias, pero mesmo nestes casos están moi febles, sometidas a estrés e non saen buscar alimento nin auga”

AGA reclama unha actuación máis decidida das distintas administracións, máis coordinación e maior concienciación social, "para que se tomen medidas imprescindibles para loitar contra a avespa asiática. A asociación é unha das impulsoras da plataforma Stop Velutina, xunto co Sindicato Labrego Galego e outras 24 entidades. Hai xa moitos meses a plataforma insistiu na importancia de facer un trampeo primaveral "masivo e sobre todo coordinado" para deter o avance da velutina capturando raíñas fundadoras, un traballo que -denuncian- foi insuficiente. "Un niño evitado na primavera son 18.000 exemplares de Velutinas evitadas no verán", subliñan.

"É un traballo fundamental, pero o que se fixo non foi suficiente", comenta Asorey. "O ano pasado Medio Rural facilitounos unhas 4.000 trampas, pero non foron para nada suficientes", di. "Esta loita preventiva debe ser masiva e organizada, non pode ser que sexamos unicamente os apicultores os que a levemos a cabo", engade.

 

Trampas eléctricas

“É unha praga o que hai en Santiago, onde xa case non se ve outro insecto que non sexan as velutinas, tanto nas flores dos parques, nas froitas da Praza de Abastos ou nos contedores de lixo”

Dende hai uns días AGA pon a disposición dos socios e socias as instrucións necesarias para elaborar unha trampa eléctrica para defender as súas colmeas dos ataques desta especie invasora. Trátase dunha técnica que xa probou en China, de onde procede esta avespa, e tamén en Francia. A guía acompáñase referencias web para a fabricación, tamén caseira, dun sistema de alimentación baseado en placas solares (un sistema de alimentación fabricado por Miguel Ángel Meizoso Maroño, autor do sitio web onde explica como construír o alimentador, de licenza libre). "Pretendemos ofrecer un sistema eficaz de protección dos apiarios e baseado nun' Faino ti mesm@' que abarate custos e sexa accesible a todos", sinalan. "As probas feitas ata o momento permiten ser optimistas pois parece que esta trampa ademais de protexer o ratio entre as colmeas, ten efecto disuasorio sobre as Velutinas", din.

O sistema é resultado do traballo dun grupo de investigación formado por distintos expertos na materia e que actualmente segue recibindo melloras de abelleiros e abelleiras. "Ante a falta dunha actuación decidida por parte das Administracións, AGA chegou á conclusión de que debemos traballar nestes métodos caseiros xa que a nosa táboa reivindicativa non é atendida como é debido e o problema vai a máis cada día", sinalan.

 

Marcha pola cornixa cantábrica

"Ante a falta dunha actuación decidida por parte das Administracións, AGA chegou á conclusión de que debemos traballar nestes métodos caseiros"

AGA organizará do 19 ao 23 de outubro a Marcha Stop Velutina, unha marcha reinvindicativa que percorrerá en tren a Cornixa Cantábrica atravesando as comunidades máis afectadas. Durante a marcha faranse actos informativos coa poboación e colectivos locais e unha gran concentración abelleira en Torrelavega, coincidindo coa Feira Nacional Apícola. O medio de transporte escollido é o tren, o FEVE, "que une estas comunidades de igual xeito que están unidas agora pola loita contra a Vespa velutina". A viaxe partirá dende Ferrol e pasará por Luarca, Torrelavega e Bilbao.

"Esta praga vai a toda velocidade, vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas. Estamos perdendo claramente a batalla e non sei como vai rematar isto"

“Queremos concienciar a sociedade. Esta praga é un atentado á biodiversidade, un problema que afecta a todo o mundo. Sobre todo agora que están chegando de forma masiva a zonas moi poboadas. Isto non quere dicir que sexan agresivas fóra dos seus niños; se non te metes con elas, elas non atacan porque si. Pero si que poden provocar accidentes”, destaca Asorey. “Queremos chamar a atención das autoridades. As administracións deben poñerse en serio a traballar contra esta praga. Esta praga vai a toda velocidade, vai nun bólido e as institucións van detrás nun carro de vacas. Estamos perdendo claramente a batalla e non sei como vai rematar isto", conclúe.

 

Coordinación e axudas

A Plataforma STOP Velutina considera esta situación "non só como un problema de Medio Rural, senón que tamén ten unha grande dimensión medio ambiental"

A Plataforma STOP Velutina considera esta situación "non só como un problema de Medio Rural, senón que tamén ten unha grande dimensión medio ambiental". "É necesario que as Administracións con competencia medio ambiental asuman as súas obrigas na problemática da Vespa velutina, constitúe unha especie exótica invasora e estas son competencia de Medio Ambiente, tanto a nivel autonómico como estatal", di.

A Asociación Galega de Apicultura leva tamén moito tempo reivindicando a necesidade de que exista "un organismo único que xestione a problemática da Velutina" pois "a existencia de tres consellerías ocupándose do tema non parece o mellor xeito de coordinar". Si existe unha Comisión de Seguimento na que participan as tres consellerías e a FEGAMP. A AGA solicitou estar presente para achegar o seu "coñecemento de campo" sobre a velutina e sobre as propias abellas; ademais, sinala que os documentos aprobados polo Ministerio sobre a xestión desta problemática falan da necesidade de contar co sector asociativo apícola para que empreste asesoramento. Porén, de momento a Xunta non accedeu a permitir a participación do sector.

Os apicultores piden a posta e marcha de axudas económicas para paliar perdas, unha liña de subvencións que teña en conta "non só a reposición dos enxames perdidos senón tamén o lucro cesante derivado da perda da colleita de mel

Os apicultores piden a posta e marcha de axudas económicas para paliar perdas, unha liña de subvencións que teña en conta "non só a reposición dos enxames perdidos senón tamén o lucro cesante derivado da perda da colleita de mel e outros custos asociados á velutina, como tarefas de transporte de colmeas, sobrealimentación, limpeza, etc.", sinalan. "A inactividade da administración neste sentido fainos pensar que serán os apicultores e apicultoras quen soporten todo o dano que a Velutina fai sobre as abellas e sobre o sector do mel en Galicia", denuncia a asociación.

 

Unha das trampas eléctricas desenvolvidas pola asociación © AGA
Unha das charlas organizadas pola entidade © AGA
Acción organizada no Día das Abellas © AGA
Representantes da plataforma Stop Velutina © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.