A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en contra das gasolineiras que carecen de persoal laboral. A entidade demanda que estas estacións de servizo contraten traballadores de atención ao público "para que as persoas con discapacidade poidan exercer os seus dereitos como consumidores e facer a súa vida coa maior autonomía posible".
UCGAL salienta que "as estacións de servizo desatendidas non lles ofrecen garantías aos consumidores"
De igual xeito, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) salienta que "as estacións de servizo desatendidas non lles ofrecen garantías aos consumidores". A entidade subliña igualmente razóns de seguridade e de defensa dos postos de traballo como argumentos para incentivar as gasolineiras con persoal. Para UCGAL "non cabe discusión á hora de falar da necesidade de que as estacións de servizo conten con persoal. Trátase de instalacións onde se manipulan produtos perigosos e que se rexen por unhas normas específicas no relativo á seguridade e á protección medioambiental que só poden ser certificadas e levadas a cabo por persoal debidamente formado". "Un consumidor medio non pode actuar ante un vertido ou fuga dunha mercancía perigosa, inflamable e contaminante porque non coñece o procedemento específico para esas situacións. Se ninguén supervisa o espazo non se pode garantir que se fai un bo uso da instalación ou que se cumpren as normas de seguridade", salienta.
Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia xa contan con normativas que obrigan á contratación de persoal para estas funcións
UCGAL e COGAMI súmase á iniciativa presentada pola Plataforma Gasolineiras Atendidas e Seguras, Unha sinatura polo emprego, a inclusión e a seguridade nas estacións de servizo, para acadar un cambio lexislativo que prohiba a existencia destas estacións de servizo low cost. Na actualidade as comunidades de Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia xa contan con normativas que obrigan á contratación de persoal para estas funcións
Non sucede así en Galicia. Esta mesma semana a Xunta descartou sancionar as gasolineiras sen persoal, argumentando que na actualidade "a normativa estatal non o esixe". O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde limitouse a sinalar que as estacións de servizo galegas se terán que "adaptar á nova normativa que vén de aprobar o Goberno central".
Nos últimos anos o Goberno galego defendeu publicamente en varias ocasións o modelo de gasolineiras sen persoal, sinalando que a súa existencia favorece a competencia e que iso axudará a rebaixar os prezos
Nos últimos anos o Goberno galego defendeu publicamente en varias ocasións o modelo de gasolineiras sen persoal, sinalando que a súa existencia favorece a competencia e que iso axudará a rebaixar os prezos. As gasolineiras low cost "non supoñen maiores riscos para a seguridade do usuario e si teñen reportado beneficios para os consumidores en termos de maior variedade, innovación e, especialmente, menores prezos", sinalaba a Xunta o pasado ano, defendendo que funcionaban con éxito en toda Europa. E en 2014 o Goberno galego presentou unha batería de medidas para fomentar a competencia e reducir os prezos dos combustibles. Entre estas medidas había máis facilidades para a apertura de estacións de servizo independentes, para a instalación de gasolineiras en centros comerciais ou unha simplificación dos trámites administrativos e das súas obrigas.