Cosmos segue usando explosivos preto da Cova Eirós, a pesar da sentenza que anulou a súa licenza

Efecto dunha das explosións realizadas este xoves na canteira © Petón do Lobo

O pasado 31 de xullo o xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo anulou a licenza que permitía a Cementos cosmos explotar a canteira próxima á Cova Eirós. Ademais, a Xunta iniciou en abril o procedemento para declarar BIC o espazo, cedendo finalmente ante as reiteradas demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG. Porén, Cementos Cosmos mantén a actividade na canteira, realizando este mesmo xoves varias voaduras con explosivos, desobedecendo a sentenza, que aínda non é firme.

O xacemento arqueolóxico, que se atopa dentro do perímetro da explotación, "continúa a estar ameazado por unha actividade mineira a ceo aberto que arestora carece dunha declaración de impacto ambiental"

Os traballos para o arranque de material teñen lugar na área de amortecemento da cova. Polo tanto, sinala a Asociación Petón de Lobo, o xacemento arqueolóxico, que se atopa dentro do perímetro da explotación, "continúa a estar ameazado por unha actividade mineira a ceo aberto que arestora carece dunha declaración de impacto ambiental favorable, e por elo, carece dunha avaliación dos impactos da actividade sobre o mesmo".

Varias entidades pedíronlles a Concello e Xunta que adoptasen medidas cautelares mentres non se resolvían os recursos presentados pola empresa contra o ditame xudicial. Porén, nada se fixo

Entidades como a Asociación Cultural O Iribio, Verdegaia ou Petón do Lobo demandáronlles nas últimas semana ao Concello de Triacastela e á Consellería de Cultura que adoptasen medidas cautelares mentres non se resolvían os recursos presentados pola empresa contra o ditame xudicial. Porén, nada se fixo. "Ante a pasividade das administracións con responsabilidades en materia de patrimonio cultural", Petón do Lobo e outras entidade dirixíronse á Fiscalía de Lugo para que adoptase "con carácter de urxencia" as medidas provisionais necesarias "para a adecuada protección do xacemento arqueolóxico e a paralización da actividade ilegal da canteira".

En xuño cinco entidades (Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Cultural O Iribio de Triacastela, Verdegaia, a Asociación Sexta Columna de San Fins de Lousame, a a Asociación Ouriol do Anllóns e Cova Crea) alertaron de que a declaración BIC nos termos en que estaba deseñada polo Goberno galego resultaría insuficiente para a a correcta protección do espazo. Agora Petón do Lobo reitera as críticas e afirma que "a normativa de protección da Cova Eirós é papel mollado" e que "o Conselleiro Román Rodríguez non está a altura da protección do patrimonio galego".

Petón do Lobo denuncia que "a normativa de protección da Cova Eirós é papel mollado" e que "o Conselleiro Román Rodríguez non está a altura da protección do patrimonio galego"

A entidade lembra que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia sinala no seu artigo 17.5 que "a incoación do procedemento de declaración de interese cultural dun ben inmoble determinará a suspensión da tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación". E que a propia resolución de incoación da declaración BIC para a Cova Eirós prevé "a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados". Este réxime de protección implica que "calquera actuación que comporte a remoción de terras no xacemento arqueolóxico ou no seu contorno requirirá a devandita autorización previa".

Petón do Lobo conclúe, no entanto, que "nada do anterior semella ser suficiente para que os intereses mercantilistas se superpoñan á protección do patrimonio cultural e arqueolóxico galego".

 

Perímetro da explotación mineira, e no seu interior localización da Cova Eirós © Petón do Lobo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.