A Xustiza anula a licenza municipal da canteira de Cementos Cosmos na Cova de Eirós

Canteira de Vilavella, en Triacastela © Salvemos Cabana

A Xustiza anula a licenza municipal que lle fora concedida a Cementos Cosmos para a explotación dunha canteira que afecta a Cova de Eirós, o principal expoñente da Historia Paleolítica de Galicia e a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres. O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Lugo vén de revogar a resolución do Concello de Triacastela, que en xaneiro de 2015 desestimara o recurso de reposición que a Asociación Sociocultural O Iribio presentara fronte a concesión da devandita licenza á cementeira en novembro de 2014. Case tres anos despois, o maxistrado Marcos Amboage bota atrás o permiso dado á empresa para a explotación na zona nunha sentenza ante a que se pode presentar recurso de apelación, algo que ten previsto facer a administración local. 

O xulgado revoga a resolución do Concello de Triacastela na que desestimara o recurso da asociación O Iribio pola concesión da licenza

O conflito vén de lonxe. Malia que a canteira de Vilavella foi explotada durante décadas por diferentes empresas -agora é a brasileira Votorantim a propietaria de Cosmos-, facíao de maneira ilegal e con licenzas provisionais. A disposición transitoria 12ª do Lei do Solo, feita no seu día para legalizar canteiras á marxe da lei, permitiulle volver aos traballos, para os que obtivo aquela licenza municipal en 2014 da que carecía e que a obrigara a estar parada durante dez meses. O goberno liderado por Olga Iglesias (PP) desestimou o recurso posto polo colectivo O Iribio en 2015. 

Entidades sociais e ecoloxistas e forzas políticas denunciaran que se trataba dunha "licenza nula de pleno dereito" porque omitía "o legalmente establecido na Lei de Ordenación Urbanística de Galicia ao estar parte dos terreos clasificados como rústico de protección patrimonial" e por referirse a terreos sobre a Cova de Eirós. A asociación O Iribio, unha das máis mobilizadas contra a explotación e a súa afectación a zonas protexidas, de valor patrimonial ou natural ou ao Camiño de Santiago, esgotou a vía administrativa e decidiu acudir á Xustiza nun proceso contra o Concello de Triacastela no que se personou como codemandada a empresa Cosmos. 

O Iribio decidiu acudir á Xustiza tras esgotar a vía administrativa contra os permisos concedidos á canteira

Na súa demanda, o colectivo reprocha diferentes cuestións á actuación administrativa levada a cabo polo Concello, pero principalmente dúas: a ausencia dunha declaración favorable de impacto ambiental e a ausencia do trámite preceptivo previsto na disposición transitoria 12ª da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (Louga). A devandita disposición advirte da necesaria autorización por parte do Consello da Xunta ante a existencia de solo rústico de especial protección agropecuaria e de interese patrimonial, histórico ou artístico no ámbito territorial que comprende a licenza. 

O xuíz entende que a licenza concedeuse sen a necesaria autorización do Consello da Xunta que esixe a lei por ser solo de especial protección

Na sentenza, á que tivo acceso Praza.gal, o xuíz di estar "acreditado" que a explotación de Cosmos "estaba en activo no momento da entrada en vigor da Louga", polo que "para continuar a súa actividade debeu obter a licenza urbanística previa autorización do Consello da Xunta e oída a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia e a proposta da consellería competente en materia de minas". "Nada de isto se fixo e, polo tanto, a licenza impugnada está viciada de nulidade radical e debe ser revogada para que, no seu caso, se poida conceder tras a tramitación legal", di.

Ademais, e respecto da declaración de impacto ambiental, o maxistrado lembra que a actividade da canteira viña realizándose "desde moito tempo atrás e con anterioridade ás normas" vixentes desde hai anos pero "sen a pertinente licenza urbanística". Xa que logo, non pode ser considerada "como un novo proxecto", polo que tería que contar coa declaración favorable de incidencia ambiental prevista nas leis estatal e autonómica de 2013. 

A loita pola protección da Cova Eirós e da súa contorna vén tamén de lonxe e ten moitos ámbitos. O pasado mes de abril a Xunta viuse obrigada a iniciar o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o xacemento. A decisión chegaba despois de oito anos de demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG por unha demanda de Adega. En outubro do pasado ano, o propio Consello da Cultura Galega lle esixira esa figura de protección ante a ameaza que para a súa integridade supón a actividade mineira de Cosmos. Con todo, diversos colectivos advertían de que esta declaración como BIC podería ser insuficiente

O pasado mes de marzo, un grupo de investigación que dende o ano 2008 estuda a Cova de Eirós datou con precisión a antigüidade das pinturas rupestres achadas nas súas paredes. Os seus máis de 9.000 anos de historia convértenas nas máis antigas de Galicia, superando en máis de 3.000 anos as pinturas megalíticas existentes noutros puntos da comunidade.

Imaxe da sala interior de Cova Eirós © GEPN-AAT/IPHES

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.