O feminismo sae á rúa este sábado ao berro de "un maltratador non é un bo pai"

Cartel da convocatoria © PFG

O movemento feminista galego manifestarase este sábado ás 19 horas nas Pontes, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Vigo para reclamar, ao fío do caso de Juana Rivas e os seus fillos, unha xustiza "sen machismo" e cos medios suficientes para loitas contra a violencia de xénero. As marchas están covocadas en ducias de localidades de todo o Estado, baixo o lema de "un maltratador non é un bo pai" e salientando que "Juana Rivas é só un exemplo mediático do que a xustiza machista fai todos os días, tamén no noso país".

O manifesto da convocatoria da Plataforma Feminista Galega sinala que "a situación á que se enfrontaron Juana e os seus fillos non é un caso illado. Hai moitas mulleres que se atopan nunha situación similar e sabemos que a Xustiza non responde protexéndoas senón que, en demasiadas ocasións, prioriza os dereitos do maltratador", pois "na creación das leis e na aplicación que delas se fai operan mecanismos ideolóxicos e sociais que favorecen sempre a quen ten o poder". De igual xeito, denuncian a falta de profesionais formados en moitos ámbitos da xustiza no referente aos dereitos da infancia ou aos mecanismos a través dos que opera o machismo, unha falta de formación "que lles impide comprender por que as mulleres actúan como o fan, ou a que teñen que enfrontarse cando deciden pór unha denuncia por malos tratos".

"Hai moitas Juanas. Temos exemplos sobrados de mulleres que entregaron ás súas fillas e/ou fillos, como lles ordenou o xulgado correspondente, e non os volveron ver", di a PFG

"Hai moitas Juanas. Temos exemplos sobrados de mulleres que entregaron ás súas fillas e/ou fillos, como lles ordenou o xulgado correspondente, e non os volveron ver. Ben sabemos que moitas veces os maltratadores ameazan con matar as súas fillas e/ou fillos (e demasiadas veces non fica só en ameaza) para someter as mulleres", salienta o texto. E subliña que "calquera de nós poderiamos vernos nesa situación: o terrorismo machista, dunha forma ou outra asexanos a todas e non debemos rendernos nin ser indiferentes". "Juana non é a única, hai outras nais que están tamén en paradoiro descoñecido. Non loitan pola súa vida unicamente, senón pola das súas fillas e fillos e, sáibano ou non, pola de moitas outras mulleres e outros tantos nenos e nenas", engade. O manifesto da PFG péchase chamando a participar nas manifestacións "por Juana Rivas e todas as demais mulleres que teñen que loitar contra as leis machistas que non nos protexen".

De igual xeito, a Marcha Mundial das Mulleres difundiu un comunicado no que fai explícito o seu "apoio a Juana Rivas e a todas as mulleres que se atopan nesta terrible situación de indefensión". "A decisión de Juana é moi valente, mais ela non pretendía ser unha heroína, só quería protexer aos seus fillos dun pai que a fixo vivir nun inferno de maltrato e que resultou condenado por violencia machista no 2009", sinala a MMM. "Juana demostroulle á sociedade que fronte a indefensión que crean certas leis só lle cabe as afectadas a desobediencia. Unha desobediencia que non é gratuíta. Juana enfróntase a pena de prisión e a privación da custodia sobre os seus fillos", engade o texto.

A Marcha lembra que "os e as menores son tamén vítimas da violencia machista que viven nos fogares. Ou ben porque sofren agresións directas ou ben porque medran nun entorno de medo e violencia"

A Marcha lembra que "os e as menores son tamén vítimas da violencia machista que viven nos fogares. Ou ben porque sofren agresións directas ou ben porque medran nun entorno de medo e violencia". "Que dereitos está a defender a lei? Os do pai ou os d@ menor? Sabemos que se están a dar algúns pasos neste eido, mais a realidade berra que son coma maquillaxe, lentos e insuficientes", conclúe a MMM.

 

Cartel da convocatoria © PFG
Cartel da Marcha Mundial das Mulleres © MMM

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.