A cidadanía coruñesa vota xa como repartir os 3 millóns de euros dos orzamentos participativos

A votación, que comezou hai uns días, chegará ata o 24 de setembro © Concello da Coruña

Dende o pasado 8 de setembro está aberta a votación definitiva dos orzamentos participativos da cidade da Coruña. Ata o día 24 poderase escoller entre 141 propostas, tras unha peneira técnica que as seleccionou entre as 628 presentadas inicialmente. Todas as persoas empadroadas na Coruña maiores de 16 anos poderán votar propostas para toda a cidade ata 1 millón de euros e propostas para un distrito da súa elección ata 200.000 euros (un total de 10 distritos).

Entre as propostas de cidade que chegaron á fase final, teñen un peso importante aquelas destinadas á mobilidade e peonalización de rúas, mellora e iluminación dos pasos peonís, plantación de árbores, rede de carril bici e outros investimentos en infraestruturas. Noutros ámbitos atópanse propostas relacionadas co equipamento de centros de ensino, a dotación de espazos deportivos ou museos.

Entre as propostas destacan as de mobilidade e peonalización de rúas, plantación de árbores, rede de carril bici e outros investimentos en infraestruturas

A proposta de peonalización da contorna do Mercado de San Agustín e a Mellora da accesibilidade no Barrio das Flores son os dous proxectos cun orzamento meirande. Entre as propostas atopamos tamén a creación dunha escola municipal de teatro e danza na cidade, a modernización dos museos científicos da Coruña, a construción de microinstalacións deportivas en toda a cidade, a creación dunha ruta do modernismo ou a creación da Casa do Cómic.

“Os Orzamentos Participativos e a decisión directa da veciñanza sobre os investimentos municipais chegaron para quedar”, sinalou Claudia Delso

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou hai uns días na presentación desta fase decisiva do proceso a consolidación desta proposta, que se realiza por segundo ano consecutivo e que nesta ocasión triplica o seu importe. “Os Orzamentos Participativos e a decisión directa da veciñanza sobre os investimentos municipais, chegaron para quedar”, sinalou. Ademais da posibilidade de votar a través da web, un autobús percorrerá os barrios e prazas da cidade para facilitar a participación da cidadanía, que tamén poderá recibir información nas bibliotecas municipais e noutros centros públicos.

 

A votación, que comezou hai uns días, chegará ata o 24 de setembro © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.