Carne Cruda, este sábado no FicBueu e en directo

Carne Cruda emitirase en directo dende Bueu Dominio Público Praza Pública

Carne Cruda botou a andar esta semana a súa cuarta tempada como programa independente, sustentado polos seus e as súas oíntes e asociado a Eldiario.es. Despois de ser desaloxado de Radio3 primeiro e da Cadena Ser despois, o espazo conducido por Javier Gallego Crudo foi quen de construír unha "república independente" para seguir facendo radio, grazas ao apoio das ao redor de catro mil persoas que a través das súas achegas se converteron en produtoras.

Este sábado emítese en directo dende Bueu, para celebrar o 10º aniversario do Festival Internacional de Curtas FICBUEU. O programa comezará ás 19.45 horas fronte ao Centro Social do Mar (Rúa Montero Ríos s/n) e nel falarase de Fariña, a serie sobre o narcotráfico en Galicia que Antena 3 comezará a emitir nos vindeiros meses. Fariña, baseada no libro homónomo de Nacho Carretero, está protagonizada por Javier Rey, Marta Larralde, Tamar Novas, Tristán Ulloa, Celso Bugallo, Mela Casal, Manuel Lourenzo ou Pepo Suevos.

Tamén entrevistarán a actriz premiada co Premio Honorífico desta edición do festival, Nieve de Medina e repasarán a historia do FICBUEU falando con algúns dos responsables do certame e con autores e autoras dalgunhas das curtametraxes. A música correrá da conta do grupo vigués Moon Cresta, que actuarán en directo.

Carne Cruda pode escoitarse online, no seu podcast e a través dunha trintena de emisoras en FM e web que emiten o programa en directo ou en diferido.

 

Carne Cruda emitirase en directo dende Bueu Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.