O mapa do 'Vigo Rebelde'. Péchase a investigación sobre o movemento obreiro na cidade

'Manifestación' performántica polas rúas de Vigo na inauguración da mostra no MARCO © Niquelarte

"Queren que se esqueza, estanlle cambiando o nome ás cousas. Cando hai alguén que quere mudar a historia, contala doutra maneira, busca de forma premeditada que a memoria se esqueza. Pero a memoria non está esquecida". Con esta declaración de Eduardo García (presidente da comunidade de montes de Teis) péchase a curta realizada por Fon Cortizo como parte de Vigo Rebelde. O metal en loita, a investigación colectiva impulsada dende o MARCO e que vén de finalizar tras tres meses de traballo.

O proxecto compila nesta web os seus primeiros resultados, obtidos a través de entrevistas, un proceso de recuperación de documentos e arquivos, galerías fotográficas de bens comúns, un roteiro polo barrio de Teis e a elaboración dun mapeo colectivo realizado pola veciñanza que amosa os espazos das loitas obreiras das últimas décadas, os lugares e as experiencias vividas. Parte dos resultados deste traballo puideron verse durante as últimas semanas nunha exposición do MARCO.

O obxectivo era "localizar espazos afectados e experiencias vividas, recoñecer espazos sociais, recoñecer ás súas xentes e recoñecernos neles e, finalmente, diagnosticar entre todos eses bens e facilitar procesos colaborativos arredor da memoria común do movemento obreiro na urbe de Vigo". Unha diagnose ollando cara atrás e tamén cara ao presente, cara aos procesos e situacións actuais. "O movemento sindical é coma un carro do que tiramos todos. Tiramos todos e vais subindo. Se se detén, malo, pero se comeza a camiñar para atrás cada vez colle máis velocidade e vas perdendo todo o que conseguiches. Houbo que loitar moito. A xente non se lembra, non ten memoria", subliñase no vídeo

"As loitas obreiras en Teis veñen de moito antes, dende o século XVIII, dende que se comezou a industrializar a Ría de Vigo", destaca tamén Eduardo García, facendo fincapé nunha longa xenealoxía de loita social, especialmente intensa dende os anos setenta e oitenta, e que aínda se mantén moi viva no barrio. Unha vez rematado o período expositivo no MARCO, os materiais regresarán a Teis, no marco do Plan Comunitario, para que os veciños e veciñas poidan seguir desenvolvendo o proxecto.

O proxecto incluíu a realización de entrevistas a veciños e un mapeo colectivo © Niquelarte
A investigación buscou implicar a cidadanía viguesa, en especial a do barrio de Teis © Niquelarte
O proxecto convidou a cidadanía de Teis a debuxar nun mapa os espazos clave nas loitas obreiras © Niquelarte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.