14N, 14 motivos para a folga xeral

Cartel a prol da folga xeral © CIG

Unha nova folga xeral. A segunda contra o Goberno de Mariano Rajoy e en menos dun ano. Os principais sindicatos galegos e estatais convocan a un paro xeral contra os recortes e as políticas de axuste dun Executivo que, desde a súa chegada ao poder, non só non logrou reactivar a economía coas súas medidas, senón que ve como segue incrementándose o número de desempregados, a pobreza e a desigualdade social.

A folga xeral coincide por primeira vez cunha xornada de loita europea

Con preto de 270.000 parados e un aumento do desemprego constante, Galicia asiste a unha folga xeral convocada por todos os sindicatos de clase e numerosas organizacións, moitas delas agrupadas na Alianza Social Galega. E será un paro que por primeira vez se enmarca nunha xornada de loita europea convocada pola Confederación Europea de Sindicatos e que se adoptará de diferentes formas en diversos países europeos, con folgas parciais ou xerais, como as que se levarán a cabo en España e Portugal. Será un paro laboral, pero tamén pretende ser un paro social e de consumo. Un paro total.

En Galicia, os tres sindicatos maioritarios (CCOO, CIG e UGT) convocaron once manifestacións nas sete principais cidades e nalgunhas vilas, sendo Vigo a sede da marcha principal. Á súa vez, CUT, CGT, CNT, STEG  e SF levarán a cabo a súa manifestación unitaria tamén na cidade olívica, mentres que noutras urbes tamén haberá convocatoria destas centrais.

Así, sindicatos e diversos colectivos e agrupacións sociais chaman a unha folga xeral para que cren que hai motivos dabondo. Unha reivindicación nun 14 de novembro cuxos argumentos pódense resumir tamén en 14 puntos:

1. Máis desemprego. O paro segue medrando en Galicia e en todo Estado, alcanzando cifras récord nos últimos meses e con previsións (incluídas as oficiais da UE) que non prevén unha rebaixa do número de desempregados nos vindeiros dous anos. Ademais, o Goberno central recortou as prestacións aos parados a partir do sétimo mes. Os novos parados cobrarán o 50% e non o 60% da base reguladora, ao tempo que se endurecen as condicións para acceder ás axudas dos desempregados sen ingreso ningún.

2. Reforma laboral. Os sindicatos levan meses criticando a reforma laboral e recordan que desde a súa aprobación, no pasado mes de febreiro, non só non axudou a recuperar emprego, senón que axudou á destrución de milleiros de postos de traballo en Galicia e no Estado. O despido é máis fácil para as empresas e os EREs multiplícanse a cada mes.

3. Soldos máis baixos. O poder adquisitivo dos cidadáns redúcese a pasos axigantados durante os últimos meses. A reforma laboral favorece o cambio nas condicións esenciais dos convenios e facilita a baixada de salarios o que, unido á suba de impostos, provoca un descenso do devandito poder adquisitivo.

Un de cada cinco habitantes vive na pobreza en Galicia, onde hai case 270.000 desempregados

4. Aumento da pobreza. Un de cada cinco habitantes de Galicia vive na pobreza, segundo datos do INE. No conxunto do Estado, 1,7 millóns de fogares ten a todos os seus membros no paro, mentres que un 20% dos cidadáns atópoase baixo o limiar da pobreza.

5. Suba do IVE. A suba do tipo xeral do IVE até o 21% está a lastrar aínda máis o consumo no Estado e prexudicando a unha teórica recuperación da economía que non chega. Varios sectores, como o da cultura, víronse especialmente afectados polo incremento de impostos.

6. Recortes nas pensións. O futuro das pensións segue sendo un tema no que o PP non ofrece resposta ningunha. Mentres, as pensións conxeláronse o ano pasado, mentres que en 2012 creceron un 1%, xusto cando o copagamento farmacéutico ou os recortes na Sanidade afectan os máis vellos.

Os recortes son continuos en Sanidade, Educación e servizos públicos

7. Recortes en Sanidade. Retirouse a subvención dunha morea de medicamentos, moitos deles básicos para calquera cidadán, ao tempo que se exclúe os inmigrantes da Sanidade Pública. A privatización de moitos centros de saúde e os recortes constantes no sector complican aínda máis o futuro duns servizos sanitarios que cada vez son menos universais e menos gratuítos. 

8. A situación da educación pública. Máis alumnos, menos profesores e menos recursos. A situación da educación pública en Galicia é criticada constantemente por uns sindicatos que advirten do perigo que supón recortar no ensino dos máis pequenos. A redución de bolsas de estudo, a reforma do ministro Wert ou o incremento das matrículas universitarias son outros dos factores que complican o futuro da Educación.

9. Os servizos públicos. Ademais dos recortes en Sanidade e Educación, son moitos os sectores públicos que están a sufrir axustes e políticas de austeridade que diminúen o Estado de Benestar. Os traballadores da Administración Pública denuncian despidos, recortes ou a supresión da paga de Nadal, ademais da aprobación dunha nova normativa que permite os despidos masivos de traballadores públicos.

A banca leva recibidos 140.000 millóns de euros en axudas, mentres as entidades expulsan a xente das súas casas

10. Menos dependencia e menos política social. Os recortes nas políticas de protección social ou a conxelación da lei de dependencia condena milleiros de persoas a unha situación de sufrimento constante.

11. Fraude e amnistía fiscal. A amnistía fiscal aprobada polo Goberno acaba beneficiando os grandes defraudadores. En España, as grandes empresas supoñen o 73% da evasión de impostos, segundo datos dos sindicatos.

12. Rescate á banca e non ao pobo. Mentres a baca leva recibidos uns 140.000 millóns de euros en axudas, os dereitos e servizos sociais do pobo continúan recortándose. Malia a inxección de capital na banca, o crédito segue sen fluír. Os escándalos das indemnizacións a ex directivos como os de Novacaixagalicia completan a posición das entidades bancarias nesta crise.

13. Os desafiuzamentos. Dous suicidios consumados e un intento máis no conxunto do Estado tiveron que ocorrer para que PSOE e PP intentasen modificar a lei hipotecaria e evitar os desafiuzamentos que sofren milleiros de persoas en España e Galicia. Os mesmos bancos que reciben axudas públicas botan da súa casa a xente por non poder pagar a hipoteca.

14. As políticas da troika. En marzo de 2011, o Consello Europeo aprobaba o Pacto do Euro, un documento que marca as grandes liñas das políticas de austeridade que se están a implantar nos países afectados pola crise da débeda. Esta é a folla de ruta das que se derivan as medidas consignadas nos diferentes memorandos e o texto que seguen os estados rescatados pola UE ou gobernos como o de Mariano Rajoy.

Manifestación da CIG no día da última folga xeral en Vigo CC-BY CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.