A Xunta nega ter incumprido nunha festa a normativa de protección de Corrubedo

Na celebración plantáronse árbores non axeitadas para este ecosistema © Xunta

O pasado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, o Goberno galego organizou un acto conmemorativo en Corrubedo (Ribeira), aproveitando para festexar o 25 aniversario da creación do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan. O acto foi moi criticado por varias entidades ecoloxistas, entre elas a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que denunciou que o evento -que paradoxalmente servía para celebrar o Día do Medio Ambiente- supuxo unha agresión ao propio medio ambiente e á integridade do complexo dunar, un espazo dun gran valor ecolóxico e tamén dunha gran fraxilidade.

O PSdeG-PSOE denuncia que "no sarao" se instalaron "palco, toldos, mesas e bancos; megafonía propia dunha verbena de verán"

A polémica chegou ao Parlamento galego, onde o grupo socialista realizou unha pregunta dirixida á Consellería de Medio Ambiente sobre o asunto, que o Goberno vén de responder. O PSdeG-PSOE sinalaba na pregunta que "a festa celebrada polo Goberno, co seu presidente á cabeza, incumpriu o Plan de ordenación do parque Natural de Corrubedo, o Decreto de declaración do parque natural de 1992 e o propio Plan Director da Rede Natura 2000", engadindo que "no sarao" se instalaran "palco, toldos, mesas e bancos; megafonía propia dunha verbena de verán" e que o acto rematara "coa inadecuada plantación de árbores sobre unha área do ecosistema dunar, con especies que só contribúen a degradar estas áreas". Os socialistas concluían que "este tipo de actos reflicten claramente o desinterese na protección da biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia".

Pola súa banda, a SGHN explicaba na súa denuncia que "o Decreto de Declaración do Parque Natural prohibe o uso de megáfonos ou de calquera instrumento de amplificación de son", que si foron empregados na festa organizada pola Xunta. Así mesmo, lembraba que o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) deste espazo protexido restrinxe a tipoloxía de actividades de uso público nestas áreas a actuacións de “paseo, baño, xogo, e actividades deportivas non permanentes” e "non contempla nin as actividades musicais nin a organización de comidas campestres multitudinarias". A SGHN subliñou que "pola súa gravidade, estes feitos poderían ser constitutivos dunha acción tipificable como delito polo actual Código penal" e solicitou o cese da Directora Xeral de Patrimonio Natural, a Xefa Territorial de Medio Ambiente da Coruña, o Xefe do Servizo de Parques Naturais e o Xefe do Servizo Provincial de Patrimonio Natural da Coruña.

A Xunta di que todas as actividades "foron respectuosas coa contorna e totalmente compatibles coa conservación do espazo"

Na súa resposta, a Consellería nega todas as acusacións a afirma que "todas as actividades" organizadas foron "compatibles coa conservación deste espazo", tiveron lugar "nunha zona destinada ao uso público" e "foron respectuosas coa contorna e totalmente compatibles coa conservación do espazo". A Xunta asegura que "en ningún caso, as actuacións desenvolvidas puxeron en perigo a salvagarda dos valores da biodiversidade e do patrimonio natural deste espazo natural protexido".

 

Na celebración plantáronse árbores non axeitadas para este ecosistema © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.