Máis de media Galicia, en alerta pola seca

Muro do encoro de Belesar © Asolagados

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil decretou esta mañá o estado de alerta por seca. Tamén o fixo a demarcación Galicia-Costa en 6 das súas 19 concas. En concreto trátase das dos ríos Verdugo, Baíña e Lagares (sistema 1) e os ríos de Oia (sistema 2), en Vigo e O Rosall; tamén da bacía do río Castro (sistema 8) e o río Xallas e río Cee (sistema 7), ambos na Costa da Morte; e do río Mero e outros ríos que desembocan na ría de Coruña (sistema 11) e da bacía do río Mandeo e outros ríos que desembocan na ría de Betanzos (sistema 12). Ademais, establecerase un especial seguimento nas bacías do Lérez e do Ulla, por presentar unha situación "desfavorable" nos últimos meses.

O estado de alerta non implica a posta en marcha de restricións para o consumo da poboación, senón a "protección dos recursos" mediante a mellora na xestión e o uso conxunto de augas superficiais e subterráneas, aforros e limitacións do consumo dos grandes sistemas de abastecemento, segundo indicou esta mañá o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, que subliñou que "o abastecemento á poboación está garantido incluso naquelas concas que presentan uns niveis por debaixo do 50%". Galicia levaba en prealerta pola seca dende o mes de xaneiro.

A razón principal é a falta de precipitacións rexistrada nos últimos 12 meses. Durante o último inverno e a pasada primavera as precipitacións situáronse moi por debaixo do habitual: a porcentaxe de precipitación no inverno 16-17 foi un 44% inferior con respecto ao período de referencia 1971-2000 e un 36% inferior con respecto ao período de referencia 1981-2010; e na primavera a chuvia caída foi un 17% inferior ao valor agardado, por mor dun abril moi seco, con precipitacións un 83% por debaixo da media dos últimos anos. Posteriormete, xuño foi un mes normal en canto a precipitacións, mentres que xullo e agosto foron meses secos, por debaixo da media -xa escasa- dos anos anteriores. Neste cadro podemos ver o deficit de precipitacións nos últimos 12 meses nas cinco concas da demaración Miño-Sil situadas maioritariamente en Galicia:

  Precipitacións totais 2016-17 2015-16 Media 1982-2017
Miño baixo 846,9 1.670,9 1.363,8
Limia 782,9 1.630,4 1.063,4
Cabe 587,7 1.152 1.154,2
Miño alto 750,6 1.343,6 1.165,2
Sil inferior 557,6 1.198,8 998,8

 

Situación dos encoros

Os encoros da demarcación Miño-Sil situábanse a pasada semana ao 45% da súa capacidade, 17 puntos por debaixo do nivel que rexistraban hai doce meses (62%) e lonxe da media histórica neste momento do ano (57%). É o peor dato dende os anos 90

Os encoros da demarcación Miño-Sil situábanse a pasada semana ao 44,68% da súa capacidade, 17 puntos por debaixo do nivel que rexistraban hai doce meses (61,84%) e igualmente lonxe da media histórica neste momento do ano (57,08%). É o peor dato dende os anos 90 do pasado século. Algo semellante sucede na demarcación Galicia-Costa, cunha media de ocupación do 56%, lonxe do nivel do pasado ano (63,96%) e da media histórica nestas datas.

Os encoros que abastecen Baiona (Baíña) e Vilagarcía (Con) rexistran unha ocupación do 44% e do 14%, respectivamente. O de Cecebre, do que depende A Coruña e a súa área metropolitana, está no 55%

Na demarcación Miño-Sil é especialmente baixo o nivel nos encoros de Belesar (26,03%), Alvarellos (31,42%), Bao (32,48%), San Sebastián (31%) e Vilasouto (19%). Na Galicia-Costa, os encoros que abastecen Baiona (Baíña) e Vilagarcía (Con) rexistran unha ocupación do 44% e do 14%, respectivamente. O de Cecebre, do que depende A Coruña e a súa área metropolitana, está no 55,21%. E os dous que dan servizo a Vigo atópanse no 54% (Zamáns) e no 61% (Eiras). Os encoros de produción eléctrica nestas zonas rexistran niveis mesmo inferiores, coma o Barrié de la Maza no Tambre (17,96%), os dous que Ferroatlántica ten no Xallas (46,93% e 55,46%) ou o de Portodemouros no Ulla (52%). 

 

Os ríos pasan moi baixos

Practicamente todos os ríos levan menos auga que o máis seco dos anos na última década

Ademais de no nivel dos encoros, a seca é xa evidente á vista no nivel de moitos dos ríos galegos. Practicamente todos, sen excepción, levan menos auga que o máis seco dos anos na última década e en varios casos o seu nivel roza a metade da media dos últimos anos. Esta é a achega dos ríos da demarcación Miño-Sil no mes de setembro:

  • Miño (en Cela): 300 hm3, fronte a unha media de case 800 hm3 na última década
  • Arenteiro (no Carballiño): 42 hm3, fronte a unha media de 120 hm3 na última década
  • Arnoia (en Arnoia): 101 hm3, fronte a unha media de 330 hm3 na última década
  • Tea (en Ponteareas): 200 hm3, fronte a unha media de  case 500 hm3 na última década 
  • Lor (en Parada): 160 hm3, fronte a unha media de case 420 hm3 na última década
  • Cabe (en Monforte): 50 hm3, fronte a unha media de case 190 hm3 na última década
  • Limia (en Ponteliñares): 60 hm3, fronte a unha media de máis de 290 hm3 na última década

E unha situación semellante atopámola nos ríos da demarcación Galicia-Costa:

  • Lérez (en Pontevedra): 252 hm3, fronte a 560 hm3 o pasado ano e 786 hm3 en 2015
  • Umia (en Ribadumia): 321 hm3, fronte a 347 hm3 o pasado ano e 576 hm3 en 2015
  • Landro (en Viveiro): 135 hm3, fronte a 159 hm3 o pasado ano e 255 hm3 en 2015
  • Tambre (en Oroso): 192 hm3, fronte a 240 hm3 o pasado ano e 339 hm3 no 2015
  • Xubia (en San Sadurniño): 39 hm3, fronte a 80 hm3 o pasado ano e 310 hm3 no 2015
  • Ulla (en Teo): 714 hm3, fronte a 864 hm3 o pasado ano e 1281 hm3 no 2015
  • Castro (en Cee): 24 hm3, fronte a 30 hm3 o pasado ano e 315 hm3 no 2015

 

Muro do encoro de Belesar © Asolagados
Encoro de Portomarín CC-BY-NC Francisco Martins
Encoro de Frieira © embalses.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.