0 Gardados para despois

"A Lei de Depredación busca modificar outras leis, sen custo político e desactivando a voz da oposición"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


ADEGA é unha das vinte entidades que impulsan a mobilización social contra a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, presentada polo PP e que se debaterá no Parlamento este mes. A norma, rebautizada como Lei de Depredación de Galicia, modificará normas tan importantes coma a Lei 8/2009 de aproveitamento eólico, da Lei 3/2008 de minería, ou da Lei 7/2012 de Montes, reducindo os controis medioambientais e a capacidade dos concellos para decidir ante grandes proxectos empresariais e facilitando a expropiación de terras en beneficio destas actividades.

A pesar da importancia da lei proposta, e dos efectos que pode ter en moitos ámbitos nos vindeiros anos, esta pode completar o seu urxente trámite parlamentario sen apenas ser coñecida pola sociedade e sen mobilizacións previas. Falamos con Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, sobre o contido da norma, as consecuencias que pode ter para a xestión do territorio, e sobre o modelo produtivo que debuxa en Galicia para os vindeiros anos. Este venres ás 12 horas está convocada unha concentración ante o Parlamento para protestar contra a Lei de Depredación.

"A lei ten repercusións non só ambientais, senón económicas, sobre a autonomía dos concellos... Significa unha completa desregulamentación, elimina moitas cautelas ambientais e atenta contra os dereitos dos administrados"

Que consecuencias terá a aprobación desta norma?

A lei abrangue moitos ámbitos distintos e ten repercusións non só ambientais, senón económicas, sobre a autonomía dos concellos... Significa unha completa desregulamentación, elimina moitas cautelas ambientais e atenta contra os dereitos dos administrados. Todo para trasladarlles a determinadas empresas, o capitalismo de amiguetes de Feijoo, unha especie de bula para que poidan facer practicamente o que queiran no territorio. O PP tirou a careta, se é que algunha vez a tivo posta, e bótase directamente aos brazos das grandes multinacionais co argumento de que van prover un desenvolvemento que non é tal, porque só vai xerar un beneficio especulativo para esas empresas. Para nós hai catro cuestións transversais que permean toda esta norma: atenta contra os dereitos da cidadanía, vai tamén contra o dereito á propiedade, limita a autonomía dos concellos e déixalle á Consellería de Industria todo o poder de decisión, pasando por riba de calquera outro organismo.

"Esta norma atenta tamén contra o dereito á propiedade. Vai haber un basculamento da propiedade da terra cara ás grandes empresas, favorecendo os trámites de ocupación e expropiación, sexa cal sexa o seu uso"

De que xeito limita os dereitos da cidadanía?

O que entende o PP por axilizar determinados trámites implica na práctica reducir a capacidade de control da administración e recortar determinados dereitos cidadáns, como a información pública. Significa tamén unha maior opacidade, camiñando no sentido contrario do que pide a Lei de Transparencia. Esta norma atenta tamén contra o dereito á propiedade. Vai haber un basculamento da propiedade da terra cara ás grandes empresas, favorecendo os trámites de ocupación e expropiación, sexa cal sexa o seu uso. A lei toca algo que en Galicia é moi importante, como é a propiedade da terra, porque a norma efectivamente facilita que che expropien un terreo cunha baixa indemnización.

"A lei abusa da supramunicipalidade, facilitando que determinadas empresas sexan beneficiadas con esta fórmula, co que os concellos quedarían apenas como taboleiros de anuncios, sen capacidade de decisión sobre os proxectos que afectan ao seu territorio"

En que medida limita a autonomía dos concellos?

Os concellos, como administración máis próxima, teñen competencias sobre o ordenamento territorial. E a súa capacidade de actuación neste ámbito vai ser recortada. Primeiro, a través da redución dos prazos (de dous meses a un mes) para a análise e alegación de proxectos, que xa hoxe é un proceso complexo abondo para localidades pequenas, con pouco persoal e recursos. Pero, ademais, a lei abusa da supramunicipalidade, facilitando que determinadas empresas sexan beneficiadas con esta fórmula, co que os concellos quedarían apenas como taboleiros de anuncios, sen capacidade de decisión sobre os proxectos que afectan ao seu territorio. Os concellos son a administración máis próxima e son os que primeiro acusan unha mobilización da cidadanía. Así sucedeu por exemplo en Mesía con Erimsa, onde a mobilización social forzou ao Goberno local a emitir un informe negativo sobre os efectos do proxecto mineiro. A lei quere pechar a pequena porta que as administracións locais tiñan para poder influír nestes procesos, defendendo os intereses dos seus veciños. Os concellos deberían mobilizarse, porque a norma é un asalto á súa capacidade de manobra.

"O último criterio, o que vale, vai ser o de Industria. Para que quedan o resto das consellerías? Para que queda Medio Ambiente? Para tramitar licenzas de caza e pesca?"

Destacabas tamén a concentración de poder que se vai dar na Consellería de Industria, en detrimento doutras consellerías e organismos...

Si, é tamén moi rechamante o desequilibrio de competencias e de capacidade de toma de decisións que se produce entre diferentes consellerías. Dáselle a Industria un poder case absoluto sobre case todos os temas, sen necesidade de ter en conta calquera consideración que outra consellería poida facer, nin Medio Ambiente, nin Medio Rural, nin Urbanismo. Os informes destes outros departamentos van ser preceptivos pero non van ser determinantes. O último criterio, o que vale, vai ser o de Industria. Tahoces vai virar nun sultán, nun virrei en canto ao seu poder de decisión. Para que quedan o resto das consellerías? Para que queda Medio Ambiente? Para tramitar licenzas de caza e pesca? Pois para iso pecha o chiringuito e aforramos unha gran cantidade de cartos.

"Vaise crear unha especie de casta, formada sobre todo por grande multinacionais do sector mineiro, enerxético, pasteiro..., que van ter privilexios sobre as empresas galegas, explotacións agrarias ou cooperativas"

O PP e o Goberno galego destacan os beneficios que a lei terá para as empresas e a xeración de emprego. Todas as empresas vanse beneficiar?

Non, hai un claro agravio comparativo entre unha empresas e outras. Por unha banda estarán aquelas compañías que terán unha posición máis favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos, con simplificación dos procesos, con declaracións automáticas de supramunicipalidade, con declaracións de preeminencia de interese público. E pola outra estarán o resto de empresas, pequenas e medianas, que van ver como quedan relegadas, porque outras pasan por diante. Vaise crear unha especie de casta, formada sobre todo por grande multinacionais do sector mineiro, enerxético, pasteiro..., que van ter privilexios sobre as empresas galegas, explotacións agrarias ou cooperativas. Haberá ademais un tipo de actividades extractivas que se imporán sobre outras, agrarias e produtivas. Isto debería facer reaccionar á patronal galega, porque as empresas beneficiadas non van ser as súas.

"Se agora a Xunta quixese modificar a lei de montes, a lei de minaría ou a lei eólica, exporíase a múltiples críticas e a campañas concretas dos colectivos afectados, e isto suporía un custo político importante para o Goberno"

A pesar de todo isto, dá a impresión de que o PP pode ser capaz de aprobar unha lei que modifica normas importantísimas -montes, minería, aproveitamento eólico- case sen oposición social...

Máis aló das súas repercusións inmediatas e concretas, esta lei é un moi mal precedente. Se ao PP lle sae ben esta xogada, vai tentar repetir a fórmula: leis-autobús que minimizan a participación da cidadanía e dos propios partidos políticos no Parlamento. Na tramitación da Lei de Montes, da lei eólica ou no inicio da tramitación da nova Lei de Conservación da Natureza pasaron meses de exposición pública, alegacións da cidadanía, trámites e debates parlamentarios. Se agora a Xunta quixese modificar a lei de montes, a lei de minaría ou a lei eólica, exporíase a múltiples críticas e a campañas concretas dos colectivos afectados, e isto suporía un custo político importante para o Goberno. Se a Administración pode minimizar este custo, vaino facer. E a través desta lei está facéndoo. É unha manobra mestra por parte de Feijoo e dos seus asesores, porque desactiva as protestas sociais e deixa moi pouca marxe de reacción aos grupos políticos da oposición. Se isto lles sae ben, detrás desta van vir moitas outras leis-autobús.

Ademais, a norma foi presentada no verán, por vía de urxencia, con todos os ollos postos en Cataluña...

Si, o da presentación no verán é un clásico, sempre o fan cando impulsan unha norma que vai xerar un gran malestar. Pero se ademais coincide co referendo catalán e co debate sobre o Estado da Autonomía, e se ademais se tramita por vía de urxencia nun Parlamento do que á sociedade transcende moi pouco o que alí sucede, temos unha xogada mestra de Feijoo.

"É unha xigantesca lei de acompañamento que busca modificar outras leis, sen custo político e desactivando a voz da oposición, aproveitando un contexto informativo moi favorable para conseguir ocultalo"

Os colectivos que impulsades a campaña contra a Lei de Depredación tivestes que vos organizar de forma moi rápida. Porén, o texto da lei é complexo, bastante abstracto, supoño que é difícil facer entender a súa importancia. Como se pode mobilizar a sociedade para que sexa consciente dos seus efectos?

É moi difícil. A norma toca tantos temas que mesmo inclúe algún elemento positivo, como a posta en marcha dun proxecto de compostaxe en Sogama, que implica un recoñecemento de que este é o camiño axeitado na xestión de residuos e que ata agora o viñeran facendo mal. A mostra de que estamos ante unha lei diferente ás anteriores é que ten máis disposicións adicionais que artigos, o que é curioso. Normalmente estas disposicións que seguen ao articulado e que serven para matizar ou modificar outras normas son o accesorio. Pero aquí son o principal. É o que habitualmente se vén facendo a través das famosas leis de acompañamento dos orzamentos, que inclúen ao remate unha serie de disposicións que non teñen nada que ver coas normas financeiras, pero que se insiren para ser aprobadas conxuntamente. Isto é o mesmo: unha xigantesca lei de acompañamento que busca modificar outras leis, sen custo político e desactivando a voz da oposición, aproveitando un contexto informativo moi favorable para conseguir ocultalo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.