0 Gardados para despois

"Os xuíces do TOP non foron depurados trala morte do ditador, senón recompensados con ascensos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O TOP (Tribunal de Orde Pública) estivo en funcionamento durante 12 anos, entre 1964 e 1976, co obxectivo de perseguir os delitos políticos ou -como se describía na súa creación- aqueles "cuya singularidad sea subvertir los principios básicos del Estado o sembrar la zozobra en la conciencia nacional". Polo temido TOP, que tiña a súa sede no madrileño Palacio das Salesas, pasaron milleiros de persoas, pertencentes na súa maior parte aos movementos políticos e sindicais da oposición ao réxime. Entre eles, centos de galegos, en procesos tan sinalados coma o xuízo aos 23, no que foron procesadas outras tantas persoas tralas protestas de marzo de 1972 en Ferrol.

Francisco Xavier Redondo Abal vén de publicar Arelas de liberdade na Galiza (Laiovento), no que estuda os expedientes de 484 galegos xulgados entre 1964 e 1976 polo TOP. Na obra, analiza o funcionamento do propio tribunal, debullando con detemento a información existente na base de datos TOPDAT, e ofrecendo unha descrición sobre os lugares, profesións, acusacións, sentenzas... E, de forma detallada, presenta os casos particulares de sete dos procesados. O libro complétase ofrecendo indicacións sobre a identidade dos maxistrados e fiscais deste tribunal de excepción e a traxectoria que seguiron tralo remate da ditadura e a Transición. En anteriores traballos, coma o ensaio Bibliotecarias e bibliotecarios infames, editado tamén por Laiovento, facía un percorrido pola represión sufrida por moitos destes profesionais trala vitoria franquista.

"Non todos os procesados militaban en organizacións políticas ou sindicais: darlle unha patada a unha coroa de loureiro na Quintana na honra dos mártires da Cruzada significaba ser acusado de aldraxes ao Movimiento Nacional"

Este é un libro que, sobre todo, parte dunha detallada e profunda investigación dos arquivos existentes. Como foi ese traballo?

En realidade, o ensaio parte da curiosidade tras ler o traballo de Juan José del Águila titulado El TOP: la represión de la libertad, editado por Planeta no 2001, un libro fundamental para entender aquel tribunal. Nel, unhas estatísticas reflicten o número de persoas de orixe galega procesadas pola xudicatura franquista. Iso chamoume a atención e quixen saber quen eran, por que foron xulgados, que acusacións recaían sobre eles, cales foron as sentenzas ditadas, as multas impostas... O traballo de Del Águila tivo un epílogo en forma de base de datos que foi publicado pola Fundación Abogados de Atocha de Madrid, grazas ao traballo de recompilación das sentenzas –que eran públicas– levado a cabo por Rubén Vega e José Gómez Alén. Nese momento, esmigallar naquel TOPDAT e atopar os nomes de máis de catrocentos galegos e galegas procesados polo franquismo na súa etapa final, fixo que o meu estudo fora cobrando corpo e rematara no libro publicado por Laiovento, unha editorial combativa e resistente.

"O PCE/PCG e CCOO foron os que máis persoas achegaron ás bancadas do TOP. Tamén a Unión do Povo Galego soubo ben o que foi a represión xudicial"

Analizas 484 procedementos xudiciais. A que tipo de persoas xulgaba o TOP en Galicia? Que afiliación tiñan? De onde eran? Que delitos se lles imputaban?

O TOP xulgaba condutas políticas ou sociais, públicas ou non, que segundo entendía atacaran as bases fundamentais do Estado franquista e a súa orde pública; criticar o Estado franquista era algo absolutamente prohibido polas leis e, como tal, perseguido e reprimido sen miramentos. Así, a militancia política ou sindical, a folga, a reunión, a libre expresión, a manifestación, todas elas sempre prohibidas, foron perseguidas e xulgadas por esa xurisdición especial que foi o TOP. Este tribunal xulgou a ducias de persoas por delitos como asociación ilícita, propaganda ilegal, desordes públicas... Agora ben, non todos os procesados militaban en organizacións políticas ou sindicais:  profesar a fe nas Testemuñas de Xehová levaba a ser acusado de asociación ilícita; darlle unha patada a unha coroa de loureiro colocada na Praza da Quintana na honra dos mártires da Cruzada significaba ser acusado de aldraxes ao Movimiento Nacional e condenado a varios meses de cárcere... Con todo, a maioría dos procesados si mantiñan unha postura de loita antifranquista inequívoca. Por iso militaron, con moito risco, en agrupacións ilegais e perseguidas: o PCE/PCG e CCOO foron os que máis persoas achegaron ás bancadas do TOP. Tamén a Unión do Povo Galego soubo ben o que foi a represión xudicial institucionalizada dos últimos anos do réxime franquista. E non debemos esquecer a todos aqueles situados na chamada nova esquerda ou esquerda revolucionaria: PCE (m-l), Organización Obreira, OMLE..,

"Non importa que o nome sexa Méndez Ferrín ou Arcadio Rojo Amil ou Pedro Ordás de la Fuente. Todos merecen a mesma consideración pois todos foron vítimas e todos deixaron un exemplo de compromiso por un país máis libre e democrático. E todos pagaron un custo moi alto"

Debullas sete casos polo miúdo. Hai algún que queiras destacar, que che pareza particularmente interesante?

Escollín eses casos independentemente da notoriedade dos protagonistas pois o obxectivo é tentar reparar ás vítimas esquecidas, devolverlles, dentro do posíbel, a dignidade roubada e promover a verdade, a xustiza e o recoñecemento. Non importa que o nome sexa Méndez Ferrín ou Arcadio Rojo Amil ou Pedro Ordás de la Fuente. Todos merecen a mesma consideración pois todos foron vítimas e todos deixaron un exemplo de compromiso por un país máis libre e democrático. E todos pagaron un custo moi alto.

Como xulga o TOP algúns destacados movementos de protesta que tiveron lugar en Galicia nese tempo, por exemplo as folgas de 1972?

Pois como sempre: cunha dureza desproporcionada. 1972 foi o ano no que máis procesos foron incoados polo TOP e que máis persoas foron levadas ao Pazo das Salesas. Por exemplo, so en Vigo durante a folga xeral de setembro –unha folga que marcou un antes e un despois–, case corenta cidadáns foron procesados. E outros moitos sufriron os hábiles interrogatorios nas comisarías do réxime, os despedimentos dos traballos...

"No TOP as garantías xudiciais eran mínimas: as algazaras entre avogados da defensa e os maxistrados do tribunal foron constantes, especialmente cando os primeiros preguntaban polo trato recibido polos seus defendidos durante os interrogatorios"

Que diferenciaba -sobre todo dende o punto de vista dos acusados e as súas posibilidades de defensa- o TOP dos tribunais franquistas ordinarios?

O TOP foi unha xurisdición especial creada dende e polo poder político franquista cunha finalidade moi clara: esmagar toda disidencia política ou social. No contexto no que inicia a súa andaina, 1964, pretendeu unha maquillaxe do aparello xudicial franquista, substituíndo os consellos de guerra militares e a Lei para a Represión da Masonaría e o Comunismo. Con todo, a xustiza castrense nunca desapareceu totalmente e un bo exemplo foron os cinco fusilados o 27 de setembro de 1975. No TOP as garantías xudiciais eran mínimas: as algazaras entre avogados da defensa e os maxistrados do tribunal foron constantes, especialmente cando os primeiros preguntaban polo trato recibido polos seus defendidos durante os interrogatorios policiais. Foi moi común a celebración de xuízos coas portas pechadas, impedindo a asistencia de familiares e compañeiros dos procesados. Así, a sala quedaba libre do rebumbio.

O TOP foi creado en decembro de 1963, nun momento de intensificación da oposición política e social ao réxime. Como era a oposición en Galicia nese momento? Que persoas e grupos a formaban? Que forza tiñan?

En efecto, o Xulgado e Tribunal de Orde Pública aparecen a principios de decembro de 1963, malia que non comezan a funcionar até marzo de 1964, coincidindo coa celebración dos XXV Anos de Paz, que con tanto entusiasmo impulsou Fraga Iribarne (o camarada Fraga, como dixo Manuel Monge), entón ministro de Información e Turismo. Na Galiza, naqueles intres a oposición antifranquista ía in crescendo: a década dos anos sesenta contempla o nacemento do Partido Socialista Galego e, especialmente, da Unión do Povo Galego, en 1964. Para entón, xa viñan traballando en moitos centros operarios as Comisións Obreiras e a oposición estudantil, nomeadamente na única universidade pública existente, en Compostela, amosa unha faciana reivindicativa na loita polas liberdades. En 1968 nace o PCG, en París, e ao mesmo tempo comezan a súa andaina os grupos da esquerda revolucionaria.

"Non só non foron depurados, senón que foron recompensados con ascensos na estrutura do persoal tras a morte do ditador, mesmo durante as maiorías absolutas do PSOE dende 1982. Isto explica, en parte, a subsistencia do franquismo, mesmo trala morte de Franco"

Quen eran os maxistrados responsables do TOP e dos procesos que analizas? Que foi deles despois de 1975?

Os tres maxistrados-presidentes do TOP foron Amat Casado, Hijas Palacios e Mateu Cánoves. Entre a nómina de maxistrados destacan Antonio Torres-Dulce Ruiz, Carlos Entrena Klett, Fernando Méndez Rodríguez, Fernando Cid Fontán... mentres que entre os fiscais sobresaen Antonio González Cuéllar, Luis Poyatos, Jesús Silva Porto... A eles habería que engadir os xuíces de instrución: José Garralda, Jaime Mariscal de Gante, Rafael Gómez Chaparro...

Todos eles xuraran no seu momento fidelidade absoluta ao xefe do Estado e aos principios do Movemento Nacional e todos, absolutamente todos, foron promocionados dende 1976 e acadaron postos de alta responsabilidade na maxistratura do Estado, quer no Tribunal Supremo quer na Audiencia Nacional. É dicir: non só non foron depurados, senón que foron recompensados con ascensos na estrutura do persoal tras a morte do ditador, mesmo durante as maiorías absolutas do PSOE dende 1982. Isto explica, en parte, a subsistencia do franquismo, mesmo trala morte de Franco.

"A Audiencia Nacional é a herdeira directa do TOP, isto resulta indiscutíbel. Mais permíteme deixalo así, non vaia ser o demo..."

O TOP desaparece a finais de 1976. Hoxe afortunadamente non existe e a xustiza española (madía leva) ofrece máis garantías. Con todo, ves nalgún órgano (por exemplo a Audiencia Nacional) ou nalgúns comportamentos restos ou mecanismos que proceden ou recordan ao vello TOP?

En efecto, a Audiencia Nacional é a herdeira directa do Tribunal de Orde Pública, isto resulta indiscutíbel. Mais, Marcos, permíteme deixalo así, non vaia ser o demo...

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.