Dous lumes, en Viana do Bolo e Lobios, foron declarados como Situación 2 por aproximarse a vivendas
Desde que o pasado 22 de setembro rematou o verán e comezou un outono especialmente solleiro, xa son máis de 700 as hectáreas ardidas na provincia de Ourense só contabilizando os únicos oito incendios dos que informou a Xunta. Ademais, dous deles foron declarados como de Situación 2 por ameazar persoas ou infraestruturas. A última hora deste sábado aínda permanecían sen extinguir tres deles (dous en Chadrexa de Queixa e outro en Lobios) e outro en Vilariño de Conso aínda non estaba controlado.
Segundo a Xunta, no que vai de ano se está a rexistrar un menor número de hectáreas queimadas que o ano pasado. Porén, o Goberno galego non detalla os datos e só informa dos lumes de máis de 20 hectáreas ou que poñen en risco á cidadanía. No que vai de outono o Goberno galego informou de só oito incendios, todos na provincia de Ourense, dos que o máis importante foi o orixinado na parroquia de Tabazoa de Umoso, no concello de Viana do Bolo, que queimou 362 hectáreas e foi declarado de Situación 2. Esa mesma consideración, malia afectar a só 20 hectáreas, tamén a recibiu un dos dous incendios declarados nestas dúas semanas en Lobios.
Por outra banda, esta pasada semana produciuse a baixa de 436 traballadores da loita contra o lume, os que só son contratados durante tres meses. Quedan aínda despregados outros 1.400, pero deles só 800 traballan os doce meses do ano, mentres que os restantes 600 cesarán en novembro para reincorporarse en febreiro.