A sanidade veu sendo un dos grandes atrancos para o PP de Alberto Núñez Feijóo na provincia de Lugo. Os cinco anos de demora na implantación da radioterapia que deron lugar á alcumada como ruta do cancro ou a atención a infartos só en horario de oficina no Hospital Lucus Augusti xeraron un clima de mobilización que semellaba acalmar nos últimos anos pola instalación, aínda que serodia, dos servizos prometidos. No entanto, a supresión de áreas sanitarias previstas na Lei de Saúde que impulsa a Xunta vén de facer rexurdir as protestas no norte e no sur da provincia, con senllas manifestación que sacaron milleiros de persoas ás rúas de Burela e Monforte en apenas tres días.
Tras a resposta masiva ás protestas convocadas en Vilagarcía e no Barco de Valdeorras para rexeitar que cadanseus hospitais perdan autonomía e, din, tamén servizos, o pasado venres a contorna do centro hospitalario burelao inzáronse de persoas opostas ao proxecto do Goberno galego. Sindicatos e todos os partidos con representación na comarca agás o PP, pero tamén asociacións e organizacións profesionais da zona, esixiron que a Xunta "escoite". "As maiorías absolutas outorgan o poder de gobernar, pero non dan razóns absolutas", resume a Plataforma na Defensa da Sanidade Publica da Mariña, quen esixe ademais á cúpula do PP que "estea á altura dos cargos que desempeñan e deixen de descualificar e insultar" a quen promoven as mobilizacións.
A sanidade volve tornar un conflito para o PP en Lugo tras o éxito das protestas en Burela e Monforte
Despois do éxito da protesta en Burela chegou, este domingo, a quenda da de Monforte. O contexto da xornada non era o mellor para a organización dunha manifestación; as altas temperaturas e a celebración en Lugo dun dos días grandes do San Froilán que adoita atraer poboación de toda a provincia, o Domingo das Mozas, puña en risco unha convocatoria á que, non obstante, responderon tamén milleiros de persoas mentres algúns negocios da vila con apertura dominical pechaban para sumarse á mobilización.
Un intre da mobilización en Monforte, este domingo
Os populares ven a manipulación da esquerda por tras das masivas mobilizacións contra a nova Lei de Saúde
A imaxe da Praza da Compañía chea de manifestantes a portar pancartas contra o proxecto de nova Lei de Saúde é toda unha mostra de que a mobilización sanitaria regresa. "Non á xestión provincial", repetían as faixas que encabezaban unha comitiva na que se berrou insistentemente "sanidade pública en igualdade", "servizos públicos en igualdade". A esixencia é a mesma que a escoitada en Burela: "retirada do anteproxecto" e reformulalo para evitar que o centro hospitalario monfortino pase a depender do Lucus Augusti.
O alcalde socialista da capital de Lemos, José Tomé, marchou tras unha das pancartas flanqueado polo voceiro de En Marea, Luís Villares, e mais pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ambos de orixe lucense. O apoio das forzas da oposición a estas protestas é, para o PPdeG -e, moi especialmente, para o PP lucense-, unha mostra da manipulación partidaria da mobilización, que ven sustentada en medos irreais. Neste sentido, nas últimas semanas os xerentes de ambos hospitais ofrecen diversas declaracións á prensa local nas que aseguran que os servizos sanitarios en Burela e Monforte serán os mesmos coa nova lei.