Os efectos da seca que afecta a Galicia son máis evidentes e os concellos comezan a adoptar medidas cada vez máis drásticas para limitar o consumo de auga. En Ourense, o Concello anunciou este luns que reducirá a presión da auga da billa polas noites, entre a 1 e as 6 da madrugada. É a primeira acción de aforro que afecta ao subministro aos fogares, aínda que o Goberno local garante que o servizo está asegurado e que a redución da presión realizarase en forma alterna en distintos puntos da cidade, non durante todo o tempo. Ademais, suprimirase o consumo continuo nas fontes da urbe; así mesmo, limitaranse os horarios de rego nos parques municipais e tamén se reducirá o uso de auga pola noite para limpar as rúas.
Igualmente, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e Gas Natural Fenosa anunciaron este luns que "blindarán" as captacións de auga nas localidades situadas ao norte do encoro de Velle, e que nos últimos días estaban atopando dificultades para garantir a captación completa, ante o baixo nivel que presentaba o Miño. Trátase de Amoeiro, Coles, Nogueira e Pereiro de Aguiar, concellos que nas últimas horas alertaran do risco de non poder bombear auga abonda. Os alcaldes de Amoeiro e Coles solicitaran o peche das comportas do encoro, para así elevar o nivel das augas e permitir un bombeo suficiente. Durante a fin de semana, os técnicos optaron por unha solución provisional para garantir o subministro: a colocación de bombas no medio do río, onde hai máis caudal, unha medida a curto prazo que se podería demostrar insuficiente se nas vindeiras semanas segue sen chover.
Os catro rexedores apelaron tamén á "responsabilidade" de Gas Natural ante a situación de alerta pola seca, instándoa a primar o subministro para a poboación antes que a xeración de enerxía. A empresa respondeu asegurando que está a respectar os caudais ecolóxicos fixados pola lei para este momento do ano, algo que foi confirmado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).
ENCE gasta 32.825 metros cúbicos de auga ao día, unha cantidade semellante á que consumen os habitantes e empresas de Poio, Marín, Sanxenxo e Ponte Caldelas (32.800)
En Pontevedra a situación non é tan grave coma en Ourense, pero o baixo nivel do río Lérez obrigou a recorrer á captación dende o encoro de Pontillón do Castro para asegurar o subministro á cidade. Dende este luns, o 60% da auga cáptase no Lérez e o 40% no Pontillón. O encoro do Pontillón atópase ao 94% da súa capacidade, o que (unido á achega do Lérez) asegura a auga para a cidade durante varios meses. Con todo, dende o Concello de Pontevedra advírtese de que se a situación de seca persiste, será necesario adoptar medidas de aforro, reducindo o rego en parques e xardíns e, igualmente, reclamándolle a ENCE que reduza o seu actual consumo de auga. A pasteira instalada en Lourizán gasta 32.825 metros cúbicos de auga ao día, unha cantidade semellante á que consumen os habitantes e empresas de Poio, Marín, Sanxenxo e Ponte Caldelas, que en conxunto chegan aos 32.800 metros cúbicos ao día.