0 Gardados para despois

O Concello de Ourense reduce a presión da auga da billa polas noites

Redacción | @prazapublica

Os efectos da seca que afecta a Galicia son máis evidentes e os concellos comezan a adoptar medidas cada vez máis drásticas para limitar o consumo de auga. En Ourense, o Concello anunciou este luns que reducirá a presión da auga da billa polas noites, entre a 1 e as 6 da madrugada. É a primeira acción de aforro que afecta ao subministro aos fogares, aínda que o Goberno local garante que o servizo está asegurado e que a redución da presión realizarase en forma alterna en distintos puntos da cidade, non durante todo o tempo. Ademais, suprimirase o consumo continuo nas fontes da urbe; así mesmo, limitaranse os horarios de rego nos parques municipais e tamén se reducirá o uso de auga pola noite para limpar as rúas.

Igualmente, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e Gas Natural Fenosa anunciaron este luns que "blindarán" as captacións de auga nas localidades situadas ao norte do encoro de Velle, e que nos últimos días estaban atopando dificultades para garantir a captación completa, ante o baixo nivel que presentaba o Miño. Trátase de Amoeiro, Coles, Nogueira e Pereiro de Aguiar, concellos que nas últimas horas alertaran do risco de non poder bombear auga abonda. Os alcaldes de Amoeiro e Coles solicitaran o peche das comportas do encoro, para así elevar o nivel das augas e permitir un bombeo suficiente. Durante a fin de semana, os técnicos optaron por unha solución provisional para garantir o subministro: a colocación de bombas no medio do río, onde hai máis caudal, unha medida a curto prazo que se podería demostrar insuficiente se nas vindeiras semanas segue sen chover.

Os catro rexedores apelaron tamén á "responsabilidade" de Gas Natural ante a situación de alerta pola seca, instándoa a primar o subministro para a poboación antes que a xeración de enerxía. A empresa respondeu asegurando que está a respectar os caudais ecolóxicos fixados pola lei para este momento do ano, algo que foi confirmado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).

ENCE gasta 32.825 metros cúbicos de auga ao día, unha cantidade semellante á que consumen os habitantes e empresas de Poio, Marín, Sanxenxo e Ponte Caldelas (32.800)

En Pontevedra a situación non é tan grave coma en Ourense, pero o baixo nivel do río Lérez obrigou a recorrer á captación dende o encoro de Pontillón do Castro para asegurar o subministro á cidade. Dende este luns, o 60% da auga cáptase no Lérez e o 40% no Pontillón. O encoro do Pontillón atópase ao 94% da súa capacidade, o que (unido á achega do Lérez) asegura a auga para a cidade durante varios meses. Con todo, dende o Concello de Pontevedra advírtese de que se a situación de seca persiste, será necesario adoptar medidas de aforro, reducindo o rego en parques e xardíns e, igualmente, reclamándolle a ENCE que reduza o seu actual consumo de auga. A pasteira instalada en Lourizán gasta 32.825 metros cúbicos de auga ao día, unha cantidade semellante á que consumen os habitantes e empresas de Poio, Marín, Sanxenxo e Ponte Caldelas, que en conxunto chegan aos 32.800 metros cúbicos ao día.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Consulta aquí o estado dos encoros da túa comarca

Semana a semana o nivel dos encoros galegos descende, ante a ausencia de chuvias. A situación é máis grave nas instalacións da demarcación Miño-Sil, sobre todo na provincia de Ourense e tamén no sur da de Lugo, na conca do Cabe. Belesar, por exemplo, atópase ao 23%, case a metade do nivel que rexistraba o pasado ano nestas datas (45%).

Na demarcación Galicia-Costa chama a atención o estado dalgúns encoros de abastecemento de zonas urbanas, que comezan a presentar cifras moi reducidas. É o caso das instalacións que dan servizo a Vilagarcía ou Baiona, situados ao 12% e ao 39%. Ou mesmo os datos que presenta o de Cecebre, de onde bebe A Coruña e a súa área metropolitana, e que xa baixa do 50%. O mesmo sucede cos dous encoros da área metropolitana de Vigo (nos ríos Zamáns e Oitavén), que tamén roldan o 50%. Podes consultar neste gráfico interactivo o nivel dos encoros da túa comarca.

En conxunto, os encoros da demarcación Miño-Sil (que inclúen catro instalacións na provincia de León) están ao 42% da súa capacidade, 17 puntos por debaixo do nivel do ano pasado e 14 por debaixo da súa media histórica. Os da demarcación Galicia Costa están ao 53% de ocupación, 8 puntos por baixo do nivel do pasado ano. Sumados, presentan o nivel máis reducido nas últimas dúas décadas.