- MAPA | Estes son os 72 incendios máis importantes
- Feijóo lamenta o "terrorismo incendiario" e di que hai "máis medios que nunca en outubro"
Caos de incendios. Once anos despois da peor vaga de lume en vinte anos a práctica totalidade do país asistiu dende este domingo con horror a unha nova crise de incendios sen apenas ser quen de saber canto e onde arde e, sobre todo, por que. Tras cinco días de incendios en aumento con especial impacto no interior de Ourense e Lugo, a chegada dos restos do furacán Ophelia incrementaron as temperaturas e a velocidade do vento e tornaron en escenario ideal para a traxedia con ata 132 incendios que tiveron a súa faciana máis dramática na morte de catro persoas; dúas mulleres en Nigrán, un home en Carballeda de Avia e outro, en Vigo.
Nun escenario de incógnita practicamente absoluta a respecto da superficie ardida, da que non existen datos oficiais dende media tarde do domingo -cando a superficie ardida en outubro roldaba as 5.000 hectáreas-, se contra ás once da mañá deste luns a Xunta informaba dun total de 105 incendios, dos cales 67 permanecían sen control, no parte que distribuiu cara as oito da tarde informaba de 65 incendios, dos que 46 permanecían sen control, a maioría deles no interior de Galicia. En varios focos a proximidade do lume a áreas habitadas provoca o mantemento da situación 2. Segundo a última información dispoñible trátase de incendios nos concellos de Cervantes, Boborás, A Gudiña, Parada de Sil, San Cristovo de Cea, Baños de Molgas, Paderne de Allariz, Lobios e Vilar de Barrio. Na provincia de Pontevedra, foron desactivadas todas estas situacións de alerta á tardiña.
Esa proximidade ás veciñanzas das vilas afectadas estivo por tras dos tres falecementos xa confirmados. As dúas primeira perderon a vida na contorna de Chandebrito, en Nigrán, ao seren cercadas polas lapas na furgoneta na que viaxaban. Foron achadas polo concelleiro de Vías e Obras da localidade, Rubén Rial, membro do Grupo de Emerxencias do Val Miñor, tal e como confirmou a Praza.gal o alcalde da vila, Juan González. Na mañá deste luns confirmouse a identidade das falecidas, Maximina e Angelina, dúas octoxenarias.
Chandebrito, a tan só 15 quilómetros do centro de Vigo, está atravesado pola autoestrada Vigo-Baiona, que este domingo nalgún punto actuou de cortafogos. Porén, a parroquia non ten comunicación directa con ela, senón só a través de reviradas estradas secundarias como nas que este domingo faleceron as dúas mulleres. A furgoneta na que viaxaban atopouse de fronte co lume, que ascendía de leira en leira dende Camos, pero cando quixo dar a volta xa estaba arrodeada. O vehículo, do que conseguiu escapar a condutora, quedou lixeiramente metido no monte, a un par de metros do asfalto, e no seu interior morreron as dúas mulleres falecidas, arrodeadas de eucaliptos. No núcleo de Chandebrito, de onde tentaban escapar, leiras queimadas alternábanse con outras intactas.
O terceiro falecemento, coñecido de madrugada, tivo como escenario o concello ourensán de Carballeda de Avia, onde as primeiras hipóteses apuntan a que o home falecido, de avanzada idade, tentaba atallar cos seus propios medios o lume que ameazaba a súa casa. "Probablemente", di Medio Rural, tentaba ceibar os seus animais para evitar que morresen abrasados.
A cuarta morte transcendeu xa na mañá deste luns. Trátase, segundo confirmou a Radio Galega, dun home que morreu ao caer dun muro mentres loitaba contra as lapas na parroquia viguesa de San Andrés de Comesaña e que, tras ser descuberto, ingresou cadáver no hospital Álvaro Cunqueiro.
Vista da zona ardida en Chandebrito (Nigrán) / Praza Pública
Medio Rural non revela a superficie afectada polos incendios, pero si concreta que o país viviu ata 132 incendios durante o domingo
A chegada das chuvias contribuíu na zona oeste do país a paliar un chisco unha situación na que o Goberno galego pon o foco na orde pública, a "elevada actividade incendiaria, con clara intencionalidade e virulencia", e dende o Executivo e o PPdeG insístese en non falar de que o país "arde", senón que é "queimado" por "terroristas". Definicións á parte, o certo e que esta vaga de lume trouxo consigo escenas practicamente inéditas, como o lume a cercar barrios estritamente urbanos na cidade de Vigo, ademais de repetir escenas vividas na gran vaga de 2006, como vías de comunicación cortadas entre escenas de pánico, caso da Autovía das Rías Baixas, a A-52, ademais de multitude de vías convencionais e secundarias.
Ante esta situación, este domingo o presidente Feijóo realizou unha comparecencia pública. "Estamos nunha situación difícil, estamos preocupados, sabemos apagar lumes pero as condicións adversas deste domingo nunca as vivíramos nunha década. É unha actividade incendiaria homicida", asegurou Feijóo á tarde, tras visitar o Centro de Coordinación de Incendios. O presidente da Xunta, que este luns reúne o Consello de xeito extraordinario, fixo especial fincapé no feito de que Galicia tamén ten que "loitar", ademais de contra incendiarios e as condicións meteorolóxicas, contra os fogos que chegan desde Portugal ao "saltaren o río Miño" por non "seren apagados". Feijóo dixo que Galicia non pode "seguir soportando os fogos que entran desde Portugal".