A Proposición de lei de corresponsabilidade parental e de relacións familiares no cese da convivencia iniciará o seu trámite parlamentario despois de que a ILP presentada pola Asociación de Pais e Nais Separados de Galicia co apoio de 15 mil sinaturas fose tomada en consideración, grazas aos votos de PP e PSdeG-PSOE. O BNG opúxose á proposta, mentres que En Marea rexeitou participar no debate demandando que a cámara tratase a problemática dos incendios.
A proposta que hoxe iniciou o seu camiño parlamentario imporía esta opción de forma xeral agás en casos de violencia de xénero con condena penal
A ILP presentada pretende que a custodia compartida de nenos e nenas sexa a opción preferente en caso de separación dunha parella, mesmo se non hai acordo entre eles. Na actualidade, a custodia compartida xa é unha realidade cando ambos os dous proxenitores están de acordo. Mesmo no 18% dos casos nos que a ruptura das parellas chega a tribunais, estes optan pola modalidade compartida. Pola contra, a actual normativa e procedemento xudicial outorga habitualmente unha preferencia ás nais cando ese acordo entre as partes non se produce, como unha forma de protexer os seus dereitos. A proposta que hoxe iniciou o seu camiño parlamentario imporía esta opción de forma xeral agás en casos comprobados de violencia de xénero (cando "a persoa proxenitora fora condenada penalmente por sentenza firme por un delito de violencia doméstica ou de xénero contra o outro membro da parella ou contra os fillos e fillas que convivan con ambos ata a extinción da responsabilidade penal") ou en virtude da opinión da autoridade xudicial.
Lois Toirán foi o encargado de defender a ILP, defendendo a igualdade entre homes e mulleres
Lois Toirán foi o encargado de defender a ILP, defendendo a igualdade entre homes e mulleres "que favorece que as relacións entre os proxenitores en función dos seus fillos e fillas se fundamenten no diálogo, respecto e igualdade". Toirán apostou pola "corresponsabilidade parental", buscando garantir "que ambos membros da parella participen de forma igualitaria no coidado, educación e toma de decisións sobre os menores". E afirmou que a custodia compartida ten beneficios na educación e no benestar dos e das menores.
O pasado mes de xuño o PP apoiou no Congreso unha iniciativa de Ciudadanos en defensa da custodia compartida, aprobada grazas aos votos do PNV
O PP, a través de Paula Prado, anunciou o voto favorable do seu grupo á toma en consideración da ILP, lembrando que a nivel estatal o Partido Popular xa amosou o seu apoio a unha modificación lexislativa neste senso. De feito, o pasado mes de xuño os populares apoiaron no Congreso unha iniciativa de Ciudadanos en defensa da custodia compartida, aprobada grazas aos votos do PNV. Nese debate PSOE e Unidos Podemos votaron en contra, por entender que a imposición da custodia compartida, mesmo en casos nos que a nai non está de acordo, sería prexudicial e mesmo perigoso en moitos casos, sobre todo en parellas nas que se producen situacións de violencia machista. É unhas das razóns polas que o movemento feminista rexeita por completo a cuestión. O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade prepara un proxecto de lei en base á nova doutrina do Tribunal Supremo, que nos últimos anos vén apostando pola custodia compartida como medida "normal e mesmo desexable".
O PSdeG-PSOE, anunciou que ía apoiar a toma en consideración da iniciativa, aínda que advertiu que ao seu grupo o texto lle parecía "manifestamente mellorable"
O PSdeG-PSOE, a través de Patricia Vilán, anunciou que ía apoiar a toma en consideración da iniciativa, como unha forma de fomentar o "necesario" debate sobre esta cuestión, aínda que advertiu que ao seu grupo o texto lle parecía "manifestamente mellorable". Entre outras cuestións, Vilán referiuse á posible inconstitucionalidade da norma, á vista do caso de Valencia, que modificou o seu Dereito Civil para poder regular a custodia compartida, o que motivou a presentación dun recurso de inconstitucionalidade por parte do Estado central, finalmente aceptado. Con todo, a deputada socialista defender que Galicia ten o dereito a lexislar sobre este asunto, por ter un Dereito Civil propio, polo que este debate era tamén unha cuestión "de autogoberno".
Pola contra, o BNG opúxose de forma rotunda á proposta, sinalando Olaia Rodil que a custodia compartida "xa está regulada cando existe un acordo entre as persoas proxenitoras" e que a proposición defendida hoxe "é impositiva e ofrece a imaxe dunha sociedade presuntamente igualitaria”. Rodil subliñou "o modelo que propón a lei impón como solución salomónica a custodia compartida das crianzas sen atender ao contexto histórico e social e aborda a custodia das fillas e fillos de maneira uniforme, á marxe da situación real que atinxe a moitas mulleres e homes”. "Vivimos en pleno século XXI nun contexto de discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo simple feito de selo. Violencia que adquire múltiples e diversas formas e que en moitos casos nin é visíbel, nin se denuncia. Noutros nin sequera se considera violencia de xénero"¨, dixo. "Unha realidade na que os homes, como reflicten os datos, non asumiron aínda a responsabilidade nin se implicaron na práctica o suficiente nos coidados, tampouco mentres existe convivencia na parella", engadiu.
"Desde o BNG cremos que a custodia compartida debe, pois, ser máis un modelo posíbel cando así o acordaren voluntaria e libremente as persoas implicadas e non como norma xeral", afirmou Rodil
"A corresponsabilidade, a implicación de ambas as dúas persoas proxenitoras na crianza dos fillos e a equiparación de dereitos e obrigas debe facerse visíbel desde o comezo e non a golpe de sentenza xudicial” , afirmou Rodil. "Desde o BNG cremos que a custodia compartida debe, pois, ser máis un modelo posíbel cando así o acordaren voluntaria e libremente as persoas implicadas e non como norma xeral", concluíu a deputada, que apostou por "adoptar máis e mellores medidas de co-educación e co-responsabilidade dirixidas ao conxunto da poboación" e "un maior protagonismo á Educación como parte fundamental dunha sociedade que non discrimine e impoña roles por razón de xénero". Así mesmo, o BNG pediu garantir “a mediación, o acompañamento e o asesoramento legal e psicolóxico ao longo de todo o proceso de separación”.
Quinteiro defendeu a negativa de EnMarea "a falar doutra cousa que non sexa dos lumes en Galicia por respecto ás vítimas, ás persoas afectadas e a toda a cidadanía galega"
Pola súa banda En Marea, representada por Paula Quinteiro, empregou a súa intervención para esixir que o Parlamento tratase a situación de emerxencia social que está a vivir Galicia por mor dos incendios rexistrados nos últimos días. Quinteiro defendeu a negativa do seu grupo "a falar doutra cousa que non sexa dos lumes en Galicia por respecto ás vítimas, ás persoas afectadas e a toda a cidadanía galega". Despois de dúas advertencias por non empregar a súa intervención para falar do tema obxecto do debate, o presidente da cámara acabou por retirarlle a palabra. A deputada de En Marea acabou sinalando que "aínda que non queiran falar aquí no Parlamento sobre os lumes en Galicia, non van ter máis remedio que escoitar á rúa e aos milleiros de persoas que berran contra a súa xestión".
Nos últimos días Esquerda Unida si subliñou o seu completo rexeitamento a esta iniciativa
Nas semanas anteriores En Marea non fixara unha posición común. Esquerda Unida si subliñou nos últimos días o seu completo rexeitamento a esta iniciativa. A deputada Eva Solla manifestou que esta medida é “totalmente innecesaria e incorrecta dende o punto de vista xurídico, xa que agocha tras de si o concepto de custodia compartida imposta, xunto con diversos aspectos que afectan aos dereitos das menores e dos menores, e tamén aos dereitos das mulleres”. “Entendemos que os dereitos das mulleres, no marco de violencia estrutural e patriarcal deben ser protexidos, e que o interese superior dos e das menores debe de ser o que prevaleza, sen embargo con esta proposta de ILP, semella que o que se fai prevalecer é o interese dos pais a vivir con estes menores”, dixo Solla, que subliñou que "a custodia compartida é unha opción positiva sempre e cando o acordo sexa mutuo e aceptado libremente entre os cónxuxes, sen imposicións que a convertan en nociva para as relacións e dereitos dos máis vulnerables”.