Os plans de natalidade do Goberno galego volven bater coa realidade. Apenas tres meses despois de que as cifras oficiais constatasen o 2016 como o ano coa peor diferenza entre nacementos e mortes en Galicia dende que hai rexistros, o primeiro avance de datos demográficos deste 2017 fornecido polo Instituto Galego de Estatística, o correspondente ao primeiro trimestre, certifican que a tendencia non se dá invertido, senón todo o contrario. Entre xaneiro e marzo naceron en Galicia 4.391 nenas e nenos, 249 menos que no mesmo período do ano anterior e a cifra máis baixa en dúas décadas.
Unha ollada aos rexistros históricos máis recentes do IGE, que se remontan a 1996, amosa que a cifra máis semellante á deste 2017 se deu, concretamente, no ano 1998, cando no primeiro trimestre se rexistraran 4.398 nacementos. Dende aquela etapa de finais dos 90 a natalidade reactivouse levemente no país -en boa medida, grazas á chegada de persoas migrantes- ata tocar teito a finais da década pasada, en 2009, cando nese inicio do ano os nacementos foran máis de 5.400.
Estes datos rexistráronse nun ano no que a Xunta despregou boa parte das medidas incluídas no seu plan de apoio á natalidade
Estes datos rexistráronse nun ano no que a Xunta despregou boa parte das medidas incluídas no seu plan de apoio á natalidade. Entre elas, unha das máis publicitadas foi a Tarxeta Benvida, o 'cheque bebé' de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida da filla ou fillo cuxa ampliación anunciou recentemente Alberto Núñez Feijóo. Tamén se inclúen nese proxecto as denominadas Casas Niño -un programa semellante ao desaparecido Preescolar na Casa-, o Bono Concilia -subvención para acceder a escolas infantís privadas en caso de non obter praza nas públicas- ou a alcumada como 'caixa finlandesa', unha caixa de agasallos que Xunta e PP deron en equiparar á que é entregada ás familias neste país nórdico, pero que no seu caso ten contidos moito máis amplos e, sobre todo, é o primeiro chanzo dun aplísimo catálogo de axudas á crianza que se estenden ata que o neno ou nena chega á maioría de idade.
Este novo devalo de natalidade prodúcese nun contexto de incremento das defuncións no país durante o mesmo trimestre. Entre xaneiro e marzo, recolle o IGE, faleceron en Galicia 9.194 persoas, case 500 máis que no inicio de 2016, cando morreran 8.714. Esta suba da natalidade deixa o saldo vexetativo -diferenza entre nacementos e mortes- no comezo do ano en -4.803.