A Xunta bota balóns fóra e responsabiliza o Goberno central do expediente aberto a Cuac FM

Parte do equipo que impulsa a emisora e algúns dos seus programas © CUAC FM

A finais de setembro fíxose pública a apertura dun expediente sancionador á radio comunitaria coruñesa Cuac FM, unha multa que podería chegar aos 200 mil euros poñendo en grave risco a continuidade dunha emisora que xa superou os 20 anos de actividade. O expediente foi aberto pola Xunta tras unha inspección realizada en 2015 pola Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. Porén, é competencia do Goberno galego a regulación do espazo radioeléctrico para os servizos de comunicación audiovisual radiofónica. E, como lembran os medios comunitarios dende hai anos, a Lei 7/2010, Xeral da Comunicación Audiovisual non só recolle que "a Administración Xeral do Estado debe garantir en todo caso a dispoñibilidade do dominio público radioeléctrico necesario para a prestación" dos "servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro", senón que prevé que aqueles que "estivesen en funcionamento con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 (...) optarán a licenzas ou autorizacións no ámbito de cobertura no que viñan prestando a súa actividade".

A Xunta asegura que "é escrupulosa no cumprimento da Lei 7/2010 de Comunicación Audiovisual, como non pode ser doutro xeito". Porén, leva sete anos sen aplicar varios aspectos da norma

Hai unhas semanas o BNG preguntou no Parlamento galego polas "razóns do Goberno galego" para a apertura do expediente sancionador e polas "medidas previstas para o cumprimento da lexislación vixente", no referente á concesión de licenzas de emisión. Na súa resposta, a Secretaría Xeral de Medios comeza indicando que se limitou a incoar o expediente sancionador tras recibir a acta da inspección realiza pola Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións dependente do Ministerio. E salienta que "a Xunta de Galicia é escrupulosa no cumprimento da Lei 7/2010, Xeral de Comunicación Audiovisual, como non pode ser doutro xeito".

Porén, á hora de xustificar por que nos últimos sete anos non aplicou esta mesma norma para garantir licenzas de emisión aos medios sen ánimo de lucro, a Xunta afirma que estes servizos "están suxeitos á dispoñibilidade de espectro radioeléctrico" e sinala que dende o Ministerio se lle comunicou "a necesidade de atribuír novas bandas de frecuencias aos servizos móbiles", o que "obrigará a reducir aínda máis as frecuencias destinadas ao servizo de comunicación audiovisual". Un argumento que non ten base no caso da FM, pois o incremento do espectro demandado polos servizos móbiles afecta a outro tipo de emisións, sobre todo da TDT.

A pesar da ausencia das "bases" ás que alude a Xunta, este verán o Goberno de Navarra convocou un concurso público de radio no que, por primeira vez, reservou unha emisora para servizo comunitario sen ánimo de lucro

A Secretaría Xeral de Medios tamén xustifica en razóns externas o feito de non ter convocado un concurso para a asignación de frecuencias ás emisoras comunitarias e di que "ao tratarse dunha competencia compartida é necesario que previamente a Administración Xeral do Estado aprobe as bases para o desenvolvemento dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios sen ánimo de lucro". E asegura que "no momento no que a Administración Xeral do Estado elabore o regulamento básico de prestación deste servizo e remita a planificación radioeléctrica ás Comunidades Autónomas, a Xunta de Galicia estará en condicións de atender as solicitudes das radios comunitarias sen ánimo de lucro".

A pesar da ausencia desas "bases", este verán o Goberno de Navarra convocou un concurso público de radio no que, por primeira vez, reservou unha emisora en Pamplona para servizo comunitario sen ánimo de lucro.

 

Parte do equipo que impulsa a emisora e algúns dos seus programas © CUAC FM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.