Comezou en 2015 como unha iniciativa do Concello de Santiago. Foi un éxito na capital galega e en 2016 estendeuse a unha vintena de municipios con gobernos de todo signo político. Este 25 de novembro serán xa máis de 70 os concellos que se tinxan de negro para simbolizar a reclamación de que "a loita contra a violencia machista se sitúe como prioridade nas axendas políticas". En vésperas do día no que colectivos feministas e entidades públicas volverán reflexionar sobre as vías para facer fronte ás agresións de xénero, esta campaña das institucións locais galegas traspasou fronteiras para espallar a súa mensaxe dende a sede do Parlamento Europeo en Bruxleas.
A través dun convite do Grupo Socialista e mais do Grupo da Esquerda Unitaria Europea a delegación galega puido tomar a palabra ante a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do lexislativo comunitario. A través da edil de Igualdade do Concello de Santiago, Marta Lois, os municipios galegos explicaron qeu no país "cada día" se rexistran unha media de 15 denuncias por violencia machista, un só dos indicadores ante os que a campaña busca "interpelar ao tecido comunitario" para "que se implique". Neste sentido, resalta Lois, resulta fundamental que "os establecementos comerciais funcionen como altofalantes".
Marta Lois: "Estase a converter na campaña galega contra as violencias machistas"
Na súa terceira edición, indica a concelleira, o alto grao de aceptación da iniciativa "vén confirmar que esta se converteu na campaña galega contra as violencias machistas, na medida en que hai compromiso real e efectivo de 72 concellos e 3 deputacións" -todas agás a de Ourense- e "vai máis alá" coa "implicación de numerosas entidades sociais, deportivas e comerciais" que permite que sexan "case 3.000 os establecementos adheridos en toda Galicia" e que se prevea que "cheguen a ser máis de 5.000".
Unha acción de rúa ante a sede da Eurocámara, realizada por Lara Buyo e Ana Corujo, do colectivo Somoslag, culminou a presentación galega á que tamén asistiron a presidenta e mais o vicepresidente da Comisión de Igualdade da institución da UE. A xuízo da lituana Vilija Blonkeviciute resulta especialmente relevante que a campaña En negro contra as violencias machistas parta da Administración local, xa que é a que adoita "ofrecer apoio en casos de violencia machista, tanto para as mulleres como para nenas e nenos". Na campaña non existe participación, cando menos de momento, por parte da Xunta de Galicia.