0 Gardados para despois

"O 'senfogarismo' non é unha cuestión de servizos sociais, é un problema de falta de vivenda"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O sociólogo Albert Sales coordina o programa de atención ás persoas sen fogar de Barcelona. Este venres foi o encargado de abrir a II Xornada sobre a situación das persoas sen fogar en Compostela, que se desenvolve ao longo do día na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Falamos con el sobre a situación que se vive na capital catalá, as políticas desenvolvidas dende o Goberno municipal e sobre a forma de atallar este problema dende a base.

"Barcelona non escapa á realidade de todas as cidades globais, nas que se está producindo unha crise de vivenda sen precedentes"

O Goberno municipal barcelonés leva a cabo unha monitorización exhaustiva das persoas que dormen na rúa. Como é a situación na cidade? Está a aumentar o número de persoas sen fogar?

Barcelona non escapa á realidade de todas as cidades globais, de todas as cidades nas que se está producindo unha crise de vivenda sen precedentes. O que estamos vendo nos últimos anos é un incremento progresivo do número de persoas sen fogar e do número de persoas sen teito. Por unha banda temos un aumento do senfogarismo, das persoas que se ven obrigadas a durmir na rúa: das 640 persoas de 2008 ás 1.026 en 2017, no último reconto. E ao tempo tamén van crecendo os recursos para atender as persoas sen fogar: pasamos de darlles solucións residenciais a unhas 1.600 persoas a ter aloxadas unhas 2.200 máis outras 1.000 en solucións de emerxencia -pensións, hoteis e outros establecementos-. Cada vez temos máis xente en situacións de precariedade habitacional extrema e na rúa.

"Non podemos seguir vendo o senfogarismo como unha cuestión que debe ser atendida polos servizos sociais"

Esta situación está ligada ao contexto de incremento do prezo do alugueiro en Barcelona e ao problema habitacional que existe na cidade? 

Si, e esa é a clave. Non podemos seguir vendo o senfogarismo como unha cuestión que debe ser atendida polos servizos sociais, como unha cuestión reservada a persoas que teñen problemas acumulados que lles fan acabar vivindo na rúa, persoas que non saben xestionar as súas vidas e que polo tanto necesitan que os servizos sociais lles indiquen o camiño. Esta é a visión clásica e xa non serve para explicar o que está pasando. Se temos máis persoas durmindo na rúa é basicamente por tres factores. Primeiro, porque temos unha crise de vivenda sen precedentes; o acceso á vivenda é prohibitivo: en Barcelona non hai vivendas por menos de 800 euros mensuais, e as que custan 800 euros teñen 40 metros cadrados, de xeito que dificilmente hai habitacións por menos de 400 euros mensuais. 

"Persoas que están na rúa ou nos albergues non poden saír deles porque aínda que accedan a un emprego remunerado, teñen salarios de 600 euros e con iso é imposible ter unha vivenda en Barcelona"

Segundo, hai unha presión de fluxos migratorios, internos e externos; por unha banda procede de localidades próximas, de persoas que cando quedan sen nada se desprazan á cidade de maior tamaño, con máis actividade económica, con máis recursos do sistema e que lles garante tamén un anonimato, para non recoñecer  ante os seus veciños que quedaron na rúa. Ademais, temos unhas leis de estranxeiría que condenan as persoas que proceden de países do sur global á exclusión residencial perpetua.

E, terceiro, temos un mercado laboral que non remunera o traballo: persoas que están na rúa ou nos albergues non poden saír deles porque aínda que accedan a un emprego remunerado, teñen salarios de 600 euros e con iso é imposible ter unha vivenda en Barcelona. Se seguimos cargando o peso sobre uns servizos sociais que cada vez atenden máis xente, estámonos trabucando. Necesitamos entender o senfogarismo como un problema de vivenda, porque as persoas sen fogar o que teñen en común entre elas é que non teñen fogar, cada unha con problemáticas distintas, non teñen un único perfil.

"Hai moitísimos casos nos que non temos forma de actuar preventivamente: persoas que están a piques de perder a súa vivenda, ou que xa a perderon hai tempo e que están indo de casa dun amigo a casa dun amigo, pero que nunca pasaron polos servizos sociais"

Supoño que o ideal sería coñecer e vixiar tamén a situación das persoas que, sen vivir na rúa, atópanse nunha situación precaria, a un paso de caer nesta situación por un desafiuzamento ou a perda dunha prestación, non é?

É moi complicado porque require dun traballo interadministrativo que estamos tentando levar a cabo dende o concello. Por unha banda, temos as alertas que nos chegan dos propios servizos sociais. Cando unha persoa se dirixe a eles, a partir de aí hai un expediente e búscanse formas de frear a caída cara a unha situación de senfogarismo, de forma preventiva. Pero hai moitísimos casos nos que non temos forma de actuar preventivamente: persoas que están a piques de perder a súa vivenda, ou que xa a perderon hai tempo e que están indo de casa dun amigo a casa dun amigo, pero que nunca pasaron polos servizos sociais. Pero as fontes de onde xorde o senfogarismo nunha gran cidade son tamén outros sistemas que fallan: o sistema sanitario, o sistema de atención a persoas con problemas de saúde mental e o sistema penitenciario. É inconcibible que saian persoas de prisión sen lugar onde vivir e os servizos sociais non sexan advertidos. No caso do sistema sanitario, estamos recibindo nos albergues persoas que acaban de saír dun hospital e que teñen que realizar os seus procesos de recuperación nun albergue para persoas sen teito. Ten que haber unha coordinación interadministrativa.

"Temos un problema de vivenda, todo o que poidamos facer noutros ámbitos non deixa de ser un parche"

Cal é a prioridade para combater este problema: contar con máis infraestrutura, máis vivenda, con máis persoal, unha mellor coordinación dos recursos existentes... Ou todo a un tempo?

A prioridade é deixar claro a nivel comunicativo e a nivel de decisións políticas que o senfogarismo non é un problema local. O que sabemos deste tema a través dos medios de comunicación é cando molestan a veciñanza, cando hai espazos onde hai persoas durmindo e iso supón unha molestia visual. O que esquecemos é que debaixo disto hai un drama de exclusión residencial. Non temos un problema de espazo público, isto é tan só unha das súas expresións. Temos un problema de vivenda, todo o que poidamos facer noutros ámbitos non deixa de ser un parche. Pero si, necesitamos mellor coordinación; necesitamos mellores infraestruturas para atender a quen xa caeu na rúa; necesitamos centrar a atención na persoa, xerar modelos de atención personalizada; temos a obriga de pensar solucións innovadoras para as persoas que levan moitos anos na rúa, por exemplo os proxectos housing first. Pero sobre todo necesitamos políticas de vivenda; é inconcibible que Barcelona teña só un 2% de parque de vivenda social e que nos últimos 40 anos non puidésemos poñernos á altura das urbes europeas e que agora teñamos que crear este parque nun tempo récord para frear o proceso de destrución da cidade e a crise habitacional.

"O emprego ao que están accedendo as persoas que están na rúa condénaos á precariedade máis absoluta, empregos no proletariado de servizos que non superan os 700 euros mensuais"

Así pois, a vivenda é a base imprescindible para o acceso a outros dereitos, a un emprego, a unhas condicións de benestar?

A vivenda é a base, porque o que necesitan estas persoas é un fogar, porque todas as persoas necesitamos un fogar, que é algo máis que un teito e unha cama. Efectivamente, se non se ten unha vivenda é máis complicado acceder a un emprego. Pero quero tamén quero rachar a idea de que o que necesita a xente é simplemente acompañamento para conseguir un emprego. O emprego non saca a xente da rúa se non vai acompañado doutros factores. Porque o emprego ao que están accedendo as persoas que están na rúa é un emprego que condena á precariedade máis absoluta, empregos no proletariado de servizos que non superan os 700 euros mensuais. Seguen tendo un problema grave de vivenda ou problemas para cubrir as súas necesidades básicas, persoas que se cadra poden pagar unha habitación pero que despois necesitan recorrer a un comedor social, porque o salario non lles dá para nada máis. É necesario que contemos cun verdadeiro sistema de garantía de rendas, porque doutro xeito non estamos solucionando nada. A mellor maneira de previr o senfogarismo é a vivenda e un sistema de garantía de rendas, non o emprego.

"Unha das claves é non identificar as persoas sen fogar como colectivo. Cada vez que políticos ou periodistas falan do colectivo de persoas sen fogar, están dando unha imaxe totalmente distorsionada da realidade e, ademais, están estigmatizándoas"

Como se combate o estigma social asociado ás persoas que viven na rúa? 

Unha das claves é non identificar as persoas sen fogar como colectivo, porque cada vez que políticos ou periodistas falan do colectivo de persoas sen fogar, están dando unha imaxe totalmente distorsionada da realidade e, ademais, están estigmatizándoas. Non son un grupo homoxéneo ou que teña intereses distintos ao do resto da poboación. Sabemos que hai persoas que dormen na rúa que teñen adiccións ou que xeran problemas de seguridade ou molestias á poboación. Pero cantas son, das mil persoas que están na rúa en Barcelona? 20? Polo xeral, as persoas que dormen na rúa tentan pasar desapercibidas, son persoas que por motivos distintos non son capaces de ter acceso a un aloxamento. Falemos da situación, non das persoas. Cando temos un problema no espazo público, falemos dos comportamentos que xeran estas problemáticas, non falemos dos colectivos que levan a cabo estes comportamentos. Trabucámonos, non hai estes supostos colectivos. Claro que hai unha alta prevalencia de adiccións entre a persoas que dormen na rúa, pero eu reto a calquera a que viva na rúa durante unhas semanas sabendo que non ten perspectivas de saír desa situación a que acabe sen algunha adicción. Atrevémonos a culpar estas persoas da súa situación, cando en moitos casos é a falta do dereito á vivenda o que as leva a esa condición.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.