A policía vixía 1.596 agresores machistas en Galicia

Número de homes en seguimento por violencia de xénero en Galicia, en función do indicador de 'risco' avaliado pola Policía. *Datos ata o 30 de outubro Dominio Público Praza Pública

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero púxose en marcha en 2007 co obxectivo de levar a cabo un labor preventivo, realizando predicións de risco e emitindo avisos, alertas e alarmas cando se detecte algunha incidencia que poida poñer en perigo a integridade das vítimas (mulleres maltratadas e os seu fillos e fillas). Neste momento (datos do Ministerio do Interior a 30 de outubro) están activos en Galicia 3.147 casos e na metade deles (1.596) a Policía detectou algún tipo de "risco", polo que procede a realizar algunha modalidade de vixiliancia da situación e da actividade do agresor. 

Entre eses 1.596 casos nos que se aprecia algún tipo de risco hai na actualidade 2 situacións consideradas de risco "extremo", 13 de risco "alto", 255 de risco "medio" e 1.326 de risco "baixo". En función desta estimación de risco, as medidas de protección aplicadas varían. Hai, ademais, outros 1.538 casos nos que non se aprecia risco; para as mulleres nesta situación establécense unhas determinadas "medidas de seguimento", revisándose cada tres meses o nivel de risco.

Nos últimos cinco anos o número de casos en seguimento por parte da Policía en Galicia mantense estable, aínda se se detecta unha tendencia á alza dende o 2014, de xeito que os datos de 2017 (á falta de dous meses) superan xa os rexistros dos tres anos anteriores. Crece sobre todo o número de situacións nas que se aprecia unha situación de risco: 895 en 2013, 884 en 2014, 956 en 2015, 1.345 en 2016 e 1.596 no que levamos de 2017.

Entre eses 1.596 casos nos que se aprecia algún tipo de risco hai na actualidade 2 situacións consideradas de risco "extremo", 13 de risco "alto", 255 de risco "medio" e 1.326 de risco "baixo"

No conxunto de España (agás Cataluña e Euskadi) son 55.319 os homes que nestes momentos están dentro deste Sistema de Seguimento Integral, e en 27 mil destas situacións apréciase algún tipo de risco. Nos últimos dez anos houbo en Galicia outros 21.578 casos de homes que tamén foron postos en vixilancia tras formalizarse unha denuncia por violencia de xénero. Ademais, dende o verán pasado comezaron a aplicarse "Plans de Seguridade Personalizada" (PSP) con medidas de autoprotección para as mulleres vítimas e os e as menores que delas dependen, actuacións complementarias ás outras medidas policiais. Na actualidade son 3.884 en Galicia

As estatísticas do Ministerio tamén amosan un incremento do número de dispositivos electrónicos de seguimento activos en Galicia, 34 no que levamos de ano, fronte aos 29 de todo 2016 ou os 22 de 2015.

 

Incremento das denuncias

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.780 denuncias por violencia de xénero, un 28,1% máis que no mesmo período do ano anterior

Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre do ano 1.780 denuncias por violencia de xénero, un 28,1% máis que no mesmo período do ano anterior (1.315). É o sexto trimestre de ascenso consecutivo. No segundo trimestre un total de 199 denuncias por violencia de xénero remataron nun xuízo, dos que tres de cada catro resultaron cunha sentenza condenatoria. A maior parte das denuncias foron sobresidas (un total de 749, case a metade dos casos). Outras 315 foron elevadas a outro órgano competente.

Durante o segundo trimestre do ano incrementouse tamén nun 53% o número de ordes de protección e medidas de protección e seguridade das vítimas incoadas: 477, fronte ás 311 do mesmo período do 2016. O número de ordes de protección aceptadas polos tribunais foi de 309 (fronte ás 182 pasado ano). A cantidade ordes de protección solicitadas sitúase no seu nivel máximo nos últimos anos. Pola contra, a cifra de ordes aceptadas descende significativamente dende o primeiro trimestre.

A maior parte das denuncias chegan a través dun atestado policial, con denuncia da vítima, aínda que son moitos os casos de denuncias presentados por familiares ou persoas achegadas e, igualmente, as que se producen a través dun parte de lesións.

 

Número de homes en seguimento por violencia de xénero en Galicia, en función do indicador de 'risco' avaliado pola Policía. *Datos ata o 30 de outubro Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.