"Cando unha muller se anima a denunciar pode non ter ningunha garantía"

A manifestación está convocada pola Marcha Mundial das Mulleres © MMM

"A manada somos nós". Este xoves 23 a Marcha Mundial das Mulleres convoca unha cazarolada en Vigo (na farola de Urzaiz) para "facer ruído contra as agresións". "Sairemos á rúa  para reivindicar que estamos fartas de agresións! Que estando xuntas a manada somos nós! Que estamos fartas de que sendo as agredidas se nos cuestione e criminalice! Que non imos ficar caladas fronte a unha xustiza patriarcal e a unha sociedade cómplice da violencia machista!", destácase na convocatoria, que ten como pano de fondo a violación quíntupla sufrida por unha rapaza en Pamplona o pasado verán e o tratamento xudicial e mediático do caso. A manifestación incluirá batukada, pandeiretas, cazarolas e todo o que as e os participantes queiran levar. "Dende aquí reivindicamos que a manada somos nós, as feministas, que nos organizamos para defendernos das violencias e que seguimos tecendo rede para ter a forza suficiente para denuncialas", engaden,

"A manada somos nós, as feministas, que nos organizamos para defendernos das violencias. Seguimos tecendo rede para ter a forza suficiente para denuncialas"

"Nestes días asistimos á revictimización a través de todo tipo de medios dunha moza que sufriu unha violación múltiple. Os medios de comunicación explicitan a violencia estrutural a través do trato que dan do xuízo, mas non é só no caso da violación de San Fermín senón en todos aqueles procesos xudiciais nos que intervén a violencia machista", denuncia a Marcha, que subliña que "moitas (todas) sabemos que denunciar as agresións expón ás agredidas a todo tipo de novas e reiteradas agresións públicas e privadas e é por iso que en moitos casos non se dan os pasos necesarios para levar adiante ditas denuncias".

"Dinnos que temos que denunciar, pero despois estamos a ver o que pasa, como neste caso. Ela denuncia, o tema está clarísimo e mesmo así non vale de nada. O problema é que a violencia sexual está moi integrada na sociedade, tanto no ámbito lúdico coma noutros. Agresións, intimidacións, acosos... non se denuncian porque a sociedade se encarga de consideralo como normal, é algo que se normaliza dende que somos pequenas",  explica María Montenegro (MMM). "Cando unha muller se anima a denunciar pode non ter ningunha garantía. Denuncias e aquí en Vigo rara vez te colle a denuncia unha persoa que teña perspectiva de xénero e nin sequera sentido común. E se isto pasa en Vigo, a situación é moito peor nunha zona rural, onde che poden dicir cousas como 'isto do coitelo non imos poñer'", di. "Nós non podemos dicirlles ás mulleres que denuncien, porque non teñen garantida ningunha seguridade", conclúe.

"Cando unha muller se anima a denunciar pode non ter ningunha garantía. Denuncias e aquí en Vigo rara vez che colle a denuncia unha persoa que teña perspectiva de xénero e nin sequera sentido común"

"En canto unha muller vai á policía a denunciar calquera tipo de agresión ou acoso, debería haber un protocolo de coidado completamente diferente ao que hai", reclama. "Debería haber xente con perspectiva de xénero para falar con elas. Debería haber unhas garantías para que ti poidas falar abertamente, tendo completa confianza na túa seguridade e na das túas crianzas, e na realidade non tes nada diso. Neste caso de Pamplona está a verse que non só non hai garantías senón que a muller é culpabilizada da situación, é cuestionada", di. "A medida que as mulleres nos imos introducindo en espazos onde non estabamos, cuestiónasenos moitísimo máis. Mírase todo dende o lado oposto: somos nós as que nos temos que protexer para que non nos pasen cousas", engade.

María Montenegro salienta como "moi necesarias" as iniciativas de visibilización das agresións sexuais e do acoso xurdidas nos últimos meses, sobre todo a través das redes sociais, os intentos de rachar o silencio que impera na sociedade sobre estes temas. "Está habendo iniciativas moi interesantes. Agora estamos máis en rede, máis apoiadas, máis confiadas", destaca e subliña por exemplo a campaña Primeiro Acoso lanzada hai uns meses por Pontevedra: "Eran impresionantes os testemuños das rapazas e mulleres que participamos nesa iniciativa", di María Montenegro, que subliña igualmente que "tamén houbo comentarios do outro lado, moi desafortunados, que era algo que non esperabamos, de xente que nos negaba que aquilo que nos pasara non era acoso, que o que sentíramos non era acoso. "O que eu sinta ou deixe de sentir decídoo eu, e acoso pode ser dende unha mirada ata o medo a volver andando a casa soa pola noite. Esa é unha violencia exercida sobre min polo feito de ser muller", conclúe.

"Sería unha liberación poder estar tranquila, sen esa carga de autoprotección. E facelo así, en tribo, é algo que empodera e pode cambiar as cousas para as que veñen detrás"

A Marcha Mundial das Mulleres destaca así mesmo o traballo que dende hai un par de anos desenvolve a entidade con asociacións culturais, festivais e organizadores de festas ou calquera tipo de espectáculo público buscando que "combatan todo tipo de violencia". O obxectivo é "que calquera muller que se poida sentir agredida nesa festa vexa que hai unha rede que está alerta ante ese tipo de cousas, e que as organizacións apoien a quen teñen que apoiar: as mulleres que se senten violentadas dalgunha maneira". "O que non podemos é deixar a nosa defensa nas mans de cada unha, que cada unha dependa da súa forza ou da súa sorte. Non debe ser algo individual, debe ser algo grupal. Eu quero poder ir a unha festa e sentirme a gusto alí, e sentir o apoio de toda a organización" di María Montenegro. "Sería unha liberación poder estar tranquila, sen esa carga de autoprotección. E facelo así, en tribo, é algo que empodera e pode cambiar as cousas para as que veñen detrás", remata.

 

A manifestación está convocada pola Marcha Mundial das Mulleres © MMM

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.