O 90% dos novos casos de sida prodúcense por relacións sexuais sen preservativo

Evolución do número de novos contaxios de VIH en Galicia por ano e causa Dominio Público Praza Pública

Este 1 de decembro celébrase o Día Mundial da Loita contra a Sida. Coincidindo con esta conmemoración, a Consellaría de Sanidade vén de publicar un informe que analiza a incidencia actual desta enfermidade en Galicia e a súa evolución nos últimos anos. Afortunadamente, a doenza está cada vez máis controlada e no ano 2016 rexistráronse 119 novos casos de contaxio do virus VIH, a cifra máis baixa dende os anos oitenta, moi por debaixo dos 151 casos de 2015 e 184 de 2014. Con todo, as autoridades sanitarias lembran a importancia de non baixar a garda.

No ano 2016 rexistráronse 119 novos casos de contaxio do virus VIH, a cifra máis baixa dende os anos oitenta

A categoría de transmisión máis frecuente na infección polo VIH na última década foi a das relacións sexuais non protexidas, que supuxo o 77,5 % dos casos (39,9% do total entre homes que teñen sexo con outros homes e outro 37,5% en relacións heterosexuais). O contaxio por intercambio de xiringas entre usuarios de drogas inxectables sumou outro 17% de casos. Con todo, nos últimos anos apenas se produciron infeccións polo uso de xiringas contaminadas (6 de 119 en 2016), representando as relacións heterosexuais sen protección (51 casos) e homosexuais sen protección (59 casos) a práctica totalidade dos contaxios, con porcentaxes que nos últimos 5 anos roldan o 90%.

En total, 4.213 persoas desenvolveron a enfermidade da sida en Galicia dende o ano 1984, 35 no ano 2016. Entre 1994 e 1996 tivo lugar o maior número de casos, con máis de 300 enfermos novos cada ano. Dende o 2007 o número mantense sempre por debaixo de cen cada ano. Ata o 2009 a maior parte dos enfermos contraeran a doeanza polo intercambio de xiringas, pero despois dese ano o maior número de casos prodúcese por relacións sexuais non seguras, heterosexuais en maior medida.

Sanidade advirte de que nos últimos anos aumenta preocupantemente a porcentaxe de rexistros nos que o coñecemento da situación de estar infectado coincide co coñecemento de que xa se é un enfermo de sida

A Consellería de Sanidade advirte de que nos últimos anos aumenta preocupantemente a porcentaxe de rexistros nos que o coñecemento da situación de estar infectado coincide co coñecemento de que xa se é un enfermo de sida (o 54 % entre 2004 e 2016, o 72 % nos últimos 6 anos). "Isto indícanos que, malia os grandes avances na abordaxe da infección polo VIH, hoxe en día unha proporción importante das persoas afectadas non se beneficia das vantaxes do diagnóstico precoz en termos de ganancia en cantidade e calidade de vida, ademais da prevención da transmisión a outras persoas", sinala o Sergas no seu informe. "Así pois, a promoción do diagnóstico precoz entre as persoas con prácticas de risco debe ser unha actividade prioritaria para a prevención e control da infección na nosa contorna", engade.

Entre 1984 a 2015 producíronse en Galicia un total de 3.040 mortes polo VIH. O número de defuncións acadou o seu máximo nos anos 1993 e 1996 (máis de 200 cada ano) para, posteriormente, diminuír nos anos seguintes e estabilizarse en menos de 70 mortes anuais dende 2008. En 2015 foron 44 os falecementos por esta causa.

Entre 1984 a 2015 producíronse en Galicia un total de 3.040 mortes polo VIH

Entre 1984 a 1998 eran maiores as taxas de mortalidade no grupo de persoas de 25 a 34 anos, dende 1999 a 2009 eran maiores no grupo de 35 a 44 anos e dende o ano 2010 as maiores taxas danse nas persoas de 45 a 54 anos, co que é evidente o desprazamento continuado da mortalidade hacia os grupos de maior idade, comezándose a ver nos últimos anos un aumento de mortalidade no grupo de 55 a 64 anos.

Evolución do número de novos contaxios de VIH en Galicia por ano e causa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.