0 Gardados para despois

Un estudo científico alerta de que reabrir a mina de Touro pode extinguir o salmón no Ulla

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A actividade mineira en Touro nos anos 70 e 80, que agora se pretende poñer de novo en marcha, reduciu notablemente o número de salmóns no río Ulla, e tamén o seu tamaño. É a conclusión dun estudo realizado por seis investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo, a Universidade de Swansea (Gales) e o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo do CSIC e que veñen de publicar na revista Environmental Pollution. O equipo analizou os metais pesados presentes nas escamas dos salmóns capturados no Ulla entre 1951 e 2012 para determinar o impactos dos vertidos desta mina a ceo aberto. Para ter un elemento de comparación, analizaron tamén os salmóns capturados no río Miño nas mesmas épocas.

Nas décadas dos 70 e 80 a presenza de cobre nas escamas dos salmóns do Ulla multiplicaban por sete as cantidades atopadas nos peixes despois do peche da mina. O estudo salienta que a acumulación de cobre é máis intensa na fase xuvenil, cando os salmóns están nos treitos altos do río. Un momento, destaca o estudo, no que esta especie é especialmente vulnerable á presenzas de materiais pesados, en especial o cobre, moi prexudicial para o salmón. Isto afectou ao crecemento dos peixes, que descendeu fortemente en comparación cos salmóns do Miño. Ao cesar a actividade da mina, o crecemento recuperouse ata niveis próximos ao incio da actividade.

A investigación salienta igualmente un descenso no número de salmóns no Ulla durante o periodo de actividade da mina de Touro, descenso que aínda non deu recuperado hoxe completamente.

A investigación alerta de que as poboacións de salmón en toda a Península Ibérica "están en situación de risco, que nalgúns casos chega a ser extremo", con escasa resiliencia, poboacións pequenas e poucos grupos de idade. E conclúe que nesta situación a contaminación por metais pesados (coma os que pode deitar no río o proxecto mineiro de Touro) pode facer "moi difícil ou mesmo imposible" a súa recuperación. "Polo tanto, a actual proposta de reapertura da mina de cobre pode poñer a poboación de salmóns do río Ulla ao borde da extinción", remata o texto.

Ao fío desta investigación, ADEGA salienta que esta é "unha razón máis para que a Xunta rexeite a reapertura da mina de Touro e para que protexa as escasas poboacións do salmón atlántico galego, hoxe ao borde da extinción polo deterioro (encoros, minas, verteduras...) do seu hábitat".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.