0 Gardados para despois

Polo Nadal, "arrinca un eucalipto"

Redacción | @prazapublica

O Concello de Mazaricos vén de poñer en marcha un concurso de escaparatismo co título de #ArrincaUnEucalipto, pois a única condición é que os adornos estean elaborados con eucaliptos. O obxectivo é protexer as árbores autóctonas.

Particulares e negocios deben enviar as súas fotos ao 628 899 761 co seu nome debidamente sinalado. O xurado estará composto por representantes das asociacións Eu Son Mazaricos, Asociación Cultural de Antes, Asociación Amas de Casa de Mazaricos-El Hórreo, Gandeiros de Mazaricos e o propio Concello.

O premio serán 250€ para gastar nun establecemento de Mazaricos. O alcalde, Juan José Blanco Riveiro afirma que “pretendemos fomentar que as persoas non estraguen
a flora autóctona neste Nadal, tan necesaria para o correcto desenvolvemento do noso ecosistema”.

Nos últimos anos, entidades como ADEGA veñen desenvolvendo campañas nas semanas previas ás festas, na procura dun "Nadal máis verde". Entre outras cousas, ADEGA pedía que "non se espolie o monte", evitando "arrincar seres vivos para os adornos naturais" e lembra que "especies como o acivro ou a xilbardeira (ruscus) foron comunmente arrincados para este fin". "Mellor que eles fiquen no medio natural e nós lle botemos imaxinación á hora de engalanar a casa por exemplo con materiais reciclados", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.