0 Gardados para despois

O can de palleiro pasa de 9 a 1.275 inscritos pero aínda segue en perigo de extinción

Redacción | @prazapublica

Creado a comezos da década pasada, o Club da Raza Can de Palleiro comezou o seu traballo de rexistro e recuperación desta raza autóctona de Galicia con só nove exemplares rexistrados. A comezos de decembro o club celebrou en Padrón a súa asemblea anual e certificou que xa conta con 1.275 inscritos no seu libro xenealóxico. Porén, a pesar dos progresos, a raza "aínda se considera e perigo de extinción".

O club define o can de palleiro galego como un “can pastor e de garda, polivalente, pois tanto vai coas vacas, arreándoas e gardándoas, como tamén coida da casa. Gardián de proverbial intelixencia, presenta un carácter forte e reservado cos estraños, sendo, ademais, valente e trabador, características que o fan un gran colaborador na condución e garda do gando. Amosa unha gran fidelidade ao seu amo, coa xente da casa tórnase doce e tranquilo”. A asociación salienta “a estabilidade psíquica e equilibrada deste animal, propio dun can pastor, polo que esta característica débese coidar en extremo, fomentando a selección de exemplares equilibrados e suficientemente socializados”.

A raza galega xa conta con exemplares en Noruega, México ou Brasil, onde se empregan en explotacións de vacún

Á reunión anual da asociación en Padrón asistiu a directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, quen salientou que xa hai exemplares de Can de Palleiro en Noruega, México ou Brasil, onde se está a empregar en distintas explotacións de vacún como condutor do rabaño.

O club vén desenvolvendo actuacións como a procura de animais co patrón racial, a realización de estudos de caracterización poboacional da raza, a organización de exposicións, concursos morfolóxicos e escolas de xuíces ou a difusión dos seus valores en feiras, charlas, conferencias, xornadas ou a través dos medios de comunicación.

Vídeo do Club da Raza Can de Palleiro

Club da Raza Can de Palleiro

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.