A Rede Galega de Educación Rural pide unha "moratoria" no recorte de unidades e profesorado

Xuntanza da Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural © NEG

A Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural entregoulle este luns ás consellerías de Educación, Medio Rural e Política Social unha proposta de traballo transversal que pasaría, primeiro, pola creación de equipos interdisciplinares para o deseño dunha política encamiñada á recuperación destas zonas. Estes equipos estarían formados por persoas técnicas expertas en educación e no tecido socioeconómico do rural, e por tres tipos de participantes: uns procedentes das institucións, outros dos grupos de investigación das universidades e do sector profesional, e outros representando a distintas entidades sociais do mundo rural. O obxectivo principal é "neutralizar a perda de servizos públicos de educación, sanidade e dependencia" que está a levar á "perda de poboación e identidade no rural galego".

A proposta fai especial fincapé na educación, como leva anos facendo a Mesa Galega de Educación no Rural. Non é a primeira vez que se destaca que "a maneira máis eficaz de rematar co rural é acabar cos servizos educativos da zona", como dicía Mª Luisa Rey Otero, presidenta da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy, ou que "Un concello sen escola é un concello morto", como salientaba a presidenta da ANPA do CEIP de Manzaneda.

"Nas pequenas escolas hai moitísima inestabilidade: reducen especialistas, reducen profesorado, xuntan nenos de varios niveis nunha mesma aula multigrado"

Por ese motivo suxire a redacción conxunta dun Anteproxecto para un Plan de Educación Específico para o Rural, "que require dun tratamento distinto en canto a planificación, a organización escolar e a dotación de recursos", explica Alicia López, unha das integrantes da Rede. E, de forma inmediata, mentres non se pon en marcha ese plan, reclaman unha "moratoria para que non se sigan reducindo unidades nos centros de ensino do rural", para evitar que se continúen degradando os servizos, unha situación que está forzando a moitos pais e nais a enviar os seus fillos e fillas ás escolas das vilas próximas.

"Os pais, ante esa situación, cren que os seus nenos non van ter unha formación axeitada ou sospeitan que a escola pode pechar en breve, e lévanos para a vila"

"É certo que hai poucos nenos no rural, pero é que eses poucos que hai en vez de retelos estanos botando para fóra, están facendo que vaian para as vilas", critica López. "Nas pequenas escolas hai moitísima inestabilidade: reducen especialistas, reducen profesorado, xuntan nenos de varios niveis nunha mesma aula multigrado. E nesas unidades multigrado fan falla máis profesores, non vale a mesma ratio que para unha aula convencional. Se non tes profesorado suficiente, non podes facer os desdobres que che esixen as especialidades nin podes facer adaptacións curriculares de distintos niveis. Hai nenos con distintos ritmos, ten que haber eses apoios e non os hai", explica. "En moitos sitios de Galicia hai aínda os nenos e nenas suficientes para ter unha pequena escola, pero unha pequena escola que debe ter os recursos suficientes. Ten que haber máis mestres, aínda que sexan itinerantes. As dotacións deben ser feitas con esa flexibilidade e cunha dotación de zona", reclama.

"A realidade hoxe é que os profesores están moi estresados, porque non dan feito todo, e os nenos non teñen a formación específica que necesitan. Os pais, ante esa situación, cren que os seus nenos non van ter unha formación axeitada ou sospeitan que a escola pode pechar en breve, e lévanos para a vila, onde teñen mellor atención. Estas medidas provocan unha redución de matrícula, o que xustifica os recortes", denuncia.

"Hai menos nenos que antes? É certo, pero os que hai hai que mimalos, e hai que promover que volvan outros que marcharon"

Alicia López pide que se promova tamén a permanencia do profesorado, "porque na actualidade unha parte moi importante é xente de paso, que queda aí pouco tempo, o que impide facer un proxecto educativo sólido, de continuidade". "Hai menos nenos que antes? É certo, pero os que hai hai que mimalos, e hai que promover que volvan outros que marcharon", conclúe.

 

Un cento de colectivos por un rural con futuro

A Rede, que aglutina xa a máis de cen entidades e colectivos representativos do tecido socioeconómico rural galego, reclámalle á Xunta "que forneza unha canle de participación á sociedade civil do rural na definición do seu propio presente e futuro proxecto de vida neses territorios". Entre este cento de actores participantes atópanse movementos de renovación pedagóxica, sindicatos docentes e agrarios, profesorado universitario, movementos ecoloxistas, de loita pola igualdade de xénero, colectivos ruralistas, asociacións veciñais, anpas, comunidades de montes en man común, grupos de economía e consumo responsable, cooperativas, colexios profesionais, centros de desenvolvemento rural, entidades culturais e a propia Mesa Galega de Educación no Rural.

A entidade xa lle fixo entrega da súa proposta aos catro grupos parlamentarios e agora vén de iniciar a interlocución directa co Goberno galego para propoñerlle este grupo de traballo interdisciplinar. Con todo, salienta que "levamos anos pedindo entrevista co conselleiro de Educación e nunca nos recibiu, nin Jesús Vázquez nin o actual".

"Os servizos públicos, sobre todo sanidade e educación de calidade, son fundamentais para fixar poboación no rural"

"Queremos que o proxecto sexa o máis horizontal e participado posible. Queremos que participe todo o mundo, non só a xente que vive no rural. Tentamos implicar a toda a cidadanía galega, tamén ás persoas das zonas urbanas, que deben mirar o rural doutra maneira: valoralo, estimalo e respectalo", destaca Alicia López, que engade que "hai que abranguer todos os ámbitos, dende o socioeconómico ao sanitario e educativo". "Os servizos públicos, sobre todo sanidade e educación de calidade, son fundamentais para fixar poboación no rural", subliña.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.