A Xunta denégalles a RISGA a venezolanos por ter unha pensión que levan dous anos sen cobrar

Concentración de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG

Nos últimos meses vense falando con frecuencia nos medios sobre a problemática situación que atravesan centos de venezolanos residentes en Galicia e emigrantes retornados (calcúlase que máis de tres mil) que levan case dous anos sen recibir as súas pensións de xubilación dende Venezuela. A cuestión é máis grave para aqueles que non contan con outros ingresos. As persoas que superan os 65 anos si están recibindo maioritariamente unha pensión por parte do Goberno español, de maior ou menor contía, pero non así aqueles e aquelas que teñen unha idade inferior. E o seu número é importante, pois en Venezuela a idade de xubilación para as mulleres está fixada nos 55 anos e para os homes nos 60. Por iso o colectivo máis afectado son as mulleres entre 55 e 65 e os homes entre 60 e 65, porque non teñen dereito a recibir a pensión non contributiva española.

Moitas destas persoas solicitaron neste tempo acceder á Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA), uns 400 euros ao mes. Porén, están dándose casos nos que a Consellería de Política Social lles está a denegar a axuda argumentando que teñen recoñecida unha pensión que supera os límites económicos establecidos. É dicir, a pensión venezolana que, en efecto, teñen recoñecida en teoría, pero que levan sen cobrar dende decembro de 2015.

Política Social denégalle a axuda "por ter recoñecida unha pensión por importe superior ao da prestación de RISGA que lle correspondería percibir". Na práctica, isto supón que ficará sen ingreso ningún

É a situación de María del Carmen, de 62 anos e residente na Coruña. Leva xa dous anos sen cobrar a pensión venezolana á que ten dereito. Xa anteriormente fora recibindo esta prestación de forma intermitente, pois ás veces pasaba meses sen cobrar, aínda que ata decembro de 2015 o estado venezolano sempre acababa regularizando a situación e pagando os atrasos tempo despois. María del Carmen solicitou a RISGA e foille concedida, cobrándoa sen problema nos últimos meses. Porén, a pasada semana recibiu unha carta da Consellería de Política Social na que se lle notificaba que en xaneiro deixaría de ingresar a axuda "por ter recoñecida unha pensión por importe superior ao da prestación de RISGA que lle correspondería percibir". É dicir, a pensión venezolana que en realidade non está cobrando.

Ademais, nesa carta obríganlle a cambiar de domicilio, argumentando que os 393 euros que paga de alugueiro son excesivos. A familia de María del Carmen sinala que "entende, malia que non o comparte, que nun caso normal de usuario que accede a esta prestación, se lle pida isto", pero din que "tendo en conta que o colectivo de pensionistas de Venezuela vai volver á normalidade nalgún momento non moi lonxano", resúltalles "absurdo que lles obriguen a mudarse de casa para cobrar pouco máis de 400 euros. Semella un chiste".

 

Venezolanos esquecidos tamén polo Goberno galego

Aínda que nos últimos dous anos o conflito político en Venezuela ocupou un amplo espazo na maior parte dos medios de comunicación de Galicia e España, non se falou tanto da situación pola que atravesan milleiros de persoas que non están a recibir as súas pensións. E neste caso só se subliñou a obvia responsabilidade que as autoridades venezolanas teñen na cuestión, pero fíxose menos fincapé no papel que poden ou deberían cumprir as administracións españolas e galegas. Desgraciadamente, a utilización interesada da situación en Venezuela para intervir nos debates políticos internos no Estado español, non achegou solucións aos problemas deste amplo colectivo de pensionistas. 

Parlamento galego e Senado aprobaron senllas mocións instando os gobernos galego e español a apoiar as persoas que se atopan nesta situación

Aínda o pasado mes de outubro o Parlamento galego aprobou -no marco do Debate de Política Xeral- unha proposta de resolución presentada polo PP na que instaba á Xunta "a reforzar o seu apoio aos galegos da diáspora, intensificando os programas de apoio ao retorno e, en particular, dirixíndose ao Gobrno de España para que exhorte o goberno de Venezuela a asumir as súas responsabilidades cos galegos e galegas que residen en Venezuela ou que teñen retornado a Galicia e que teñen dereito a percibir unha pensión de xubilación que o réxime bolivariano rexeita pagar dende xaneiro de 2016". A moción contou cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE e abstención de EnMarea e BNG.

Tamén en outubro o Senado debateu e aprobou unha moción semellante na que, ademais de reclamarlle ao Goberno venezolano "a necesidade de aboarlles, no prazo máis breve posible, aos pensionistas venezolanos residentes en España as cantidades adecuadas, correspondentes ás prestacións do ano 2016 e 2017", instaba ao Goberno español a "promover e participar, a través dos instrumentos da asistencia social, como convenios e acordos coas administracións locais e autonómicas adecuadamente financiados polo Estado para tal fin, a atención ás familias que, como consecuencia desta inxusta situación, están a atravesar unhas circunstancias de precariedade".

 

Concentración de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG
Notificación na que se informa de que xa non poderá seguir cobrando a RISGA Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.