Abertos ao Galego: Mil e unha ideas para agasallos na nosa lingua

Portada do catálogo © Abertos ao Galego

Xa está dispoñible a edición 2017 do Catálogo de Nadal Abertos ao Galego, promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística, con ducias de produtos e servizos de empresas e entidades que posúen un total compromiso polo fomento do idioma, entre elas Praza Pública. Unha fenomenal guía para completar os agasallos destas datas.

"Coa decisión de facermos presentes como consumidoras e consumidores, estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía. A situación da lingua galega necesita estes pequenos xestos para a súa recuperación"

"Consideramos importante recoñecer as empresas que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico", destaca Marcos Maceira, presidente da Mesa, que engade que "é fundamental visibilizar o galego en datas tan especiais. Isto é posible grazas ao compromiso destas empresas co uso do galego na súa actividade cotiá". Maceira conclúe que "coa decisión de facermos presentes como consumidoras e consumidores, estamos a pór en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía. A situación da lingua galega necesita estes pequenos xestos para a súa recuperación".

A publicación inclúe na súa primeira páxina un decálogo "con razóns para apoiarmos un consumo responsábel co galego", no cal se lembra "que todas as decisións que tomamos como consumidoras e consumidores teñen implicacións e que as empresas que apostan polo galego fano dun xeito consciente, cunha aposta polo propio, pola calidade e pola proximidade". "Así, asumir un consumo responsábel co galego é tamén apoiar empresas que asumen a súa responsabilidade social", engádese.

Abertos ao Galego pretende garantir "que aquelas persoas que desexan agasallar en galego poidan dispoñer dun amplo catálogo"

O catálogo inclúe entidades e empresas de todo tipo, que posúen todas elas o certificado Abertos ao Galego, que concede a Mesa tras comprobar que desenvolvan compromisos para a normalización do galego. Abertos ao Galego pretende garantir "que aquelas persoas que desexan agasallar en galego poidan dispoñer dun amplo catálogo con produtos que van desde libros a pezas de vestir, pasando por bonos de masaxes ou produtos de alimentación e moitas máis".

Portada do catálogo © Abertos ao Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.