0 Gardados para despois

Mondoñedo homenaxea 80 anos despois "tres homes bos, asasinados polo seu compromiso social"

Redacción | @prazapublica

O 12 de xaneiro de 1938 foron asasinados en Mondoñedo Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. 80 anos despois os tres recibirán unha homenaxe a través dunha iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte da corporación municipal. Será o vindeiro 13 de xaneiro, co obxectivo de "restaurar a memoria dun tempo histórico que sistematicamente nos foi negado, recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia de Mondoñedo e facer xustiza con estes tres veciños nosos inxustamente asasinados". "Sabemos que a homenaxe chega tarde, que a mesma debeu de realizarse con anterioridade pero non queremos deixar pasar esta efeméride", destacan os seus promotores.

"Os tres homenaxeados foron uns mindonienses bos, asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado", destaca Xulio Rodríguez

O evento comezará ás 12 horas no Parque da Travesía, detrás do Cemiterio Vello, a carón do lugar onde foron asasinados. Aslí tomaran a palabra, entre outros, familiares de Siervo González e Graciano Paz, representantes dos grupos que fan parte da corporación municipal e o cronista oficial de Mondoñedo, rematando cunha actuación musical. De seguido, ás 13 horas, celebrarase unha mesa redonda na Casa da Xuventude, coa participación de persoas que coñecen estudaron a figura dos homenaxeados e o contexto social, cultura e político de Mondoñedo nese momento histórico. A xornada rematará cun xantar de confraternidade, aberto, pero limitado a 50 prazas.

"Os tres homenaxeados foron uns mindonienses bos, asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e democraticamente avanzado", destaca Xulio Rodríguez, que subliña que "hai razóns dabondo para homenaxear estes tres veciños de Mondoñedo e na súa persoa a todos aqueles que na cidade foron vítimas da represión franquista, atendendo ao noso firme convencemento de que a democracia ten unha débeda impagábel con estas persoas".

 

Militantes da CNT

Siervo González Rivas (Mondoñedo 1886-Mondoñedo 1938), foi funcionario municipal (recadador de impostos), directivo da Sociedade de obreiros católicos, presidente da sección local da Confederación Nacional do Traballo e militante do Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, sendo cabeza de lista desta forza política nas eleccións ao congreso de 1933. Logo da sublevación do 18 de xullo de 1936 foi sometido a depuración e expulsado do seu posto. Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro” (Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), foi tesoureiro da Sociedade de obreiros católicos desde 1926 até 1932, directivo do Sindicato de oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega. Manuel Rodríguez Núñez (Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), era comerciante e ocupou responsabilidades directivas na Sociedade de obreiros católicos, de cuxo orfeón fixo parte; militou ao tempo na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión Socialista Galega.

Os tres foron asasinados entre as catro e as cinco da tarde dese 12 de xaneiro, rexistrándose a súa morte a causa de "traumatismo por arma de fogo". Os seus cadáveres foron deixados na Travesa dos Remedios.

“A represión política que se viviu en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano"

O pasado ano Ramón Ermida presentou a súa obra Mortos por amor á terra, destacando que “a represión política que se viviu en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano. Un Mondoñedo que contaba con agrupacións políticas como o PSOE, Izquierda Republicana, Partido Galeguista, Partido Sindicalista e mesmo coa Unión Socialista Galega. Un Mondoñedo cunha importante presenza sindical, na que destacaba a CNT e a UXT que organizaban importantes mobilizacións no primeiro de maio, pero tamén un Mondoñedo vivo culturalmente, como testemuña o xornal nacionalista Galiza, impulsado por Álvaro Cunqueiro, a oficina poética do Noroeste Galego, ou a celebración dos Maios. O Franquismo sen dúbida algunha representou un punto e aparte na historia de Mondoñedo”.

Ermida engadiu que “a proba do nove da dureza da represión franquista son os 8 mindonienses asasinados a consecuencia da súa militancia democrática”, lembrando que 29 veciños da localidade sufriron algún tipo de represión pola súas ideas políticas. O autor destacaba a acción dos grupos paramilitares entre os que salientaba o coñecido como o “coche do cangrexo” ou “coche do centolo”, formado maiormente por falanxistas de Ribadeo e de Viveiro.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.