Esquecidos por Venezuela... e tamén por Galicia e España

Protesta de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG

Máis de tres mil xubilados e xubiladas venezolanas residentes en Galicia, coas súas pensións bloqueadas, non reciben tampouco as prestacións españolas, que só acadan tras reclamalas xudicialmente, con longas esperas. Levan sen recibir as súas pensións de Venezuela dende decembro de 2015 (agás dúas pagas extras de 2015 que cobraron entre xaneiro e marzo do ano pasado) polo incumprimento por parte do Goberno de Caracas do convenio de Seguridade Social entre os dous países -vixente desde maio de 1988- e que garante o pagamento aos cotizantes en Venezuela que residen en España.

As persoas que cotizaron nos dous países teñen unha pensión a prorrata. Na maior parte dos casos a parte que lle correspondía pagar a España é moi pequena, inferior aos 100 euros ao mes, xa que a cotización principal fora realizada en Venezuela. A pesar de que a pensión venezolana leva dous anos sen ser efectiva, o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) español segue pagándolles a súa parte (ínfima) coma se en realidade estas persoas estivesen recibindo de forma normal a prestación dende Caracas e non achega ningún tipo de compensación alegando que existe un dereito recoñecido que é a xubilación outorgada por Venezuela

En todo o Estado español son ao redor de 9 mil persoas as que se atopan nesta situación, residindo en Galicia máis dun terzo dos afectados e afectadas totais. Máis ou menos o 30% de todos eles e elas non están recibindo neste momento ingreso ningún, nin de Venezuela nin de España, polo que están sobrevivindo grazas a aforros, a axuda de familiares ou a solidariedade de Cáritas e outras entidades sociais.

O 30% de todos eles e elas non están recibindo neste momento ingreso ningún, nin de Venezuela nin de España

A Federación de Asociacións de Pensionados e Xubilados de Venezuela en España e a propia Asociación de Pensionados e Xubilados de Venezuela en Galicia (APEJUVEG) levan dous anos reclamando que o INSS modifique o criterio de "pensión recoñecida" polo de "ingreso real". É dicir, que se recoñeza que efectivamente os pensionados e xubilados venezolanos non cobran as súas pensións no exterior. Así, ao certificarse que non reciben as súas prestacións, os xubilados poderían ter acceso ao sistema de axudas establecidas polo Estado español e as diferentes comunidades autónomas: o complemento a salarios mínimos para quen tamén cotizasen en España, a pensión non contributiva para os que non cotizaron no sistema español, a pensión vitalicia de ancianidade para españois retornados, así como acceso a axudas enerxéticas, de alugueiros, de medicamentos, alimentarias ou rendas mínimas de inserción.

Están dándose casos nos que a Consellería de Política Social lles está a denegar a RISGA argumentando que teñen recoñecida unha pensión que supera os límites económicos establecidos

Tamén demandan que o Goberno central e a Xunta de Galicia concedan unha liña de axudas aos xubilados que agora están en risco de pobreza mentres non se regularice a situación. Porén, están dándose casos nos que a Consellería de Política Social lles está a denegar a axuda argumentando que teñen recoñecida unha pensión que supera os límites económicos establecidos. De momento, as deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Santiago outorgaron subvencións específicas para este colectivo para paliar a falta de axudas estatais. E tamén o Concello da Coruña tramitou a concesión de axudas para as persoas que non poden acceder á RISGA. 

 

A vía xudicial: efectiva pero lenta

Das case 400 denuncias interpostas ata o momento só se resolveron unhas 60, ao redor do 15%. Iso si, todas de maneira positiva

De momento a única vía que lles quedou a estas persoas foi a xudicial e nos últimos meses os xulgados galegos recibiron centos de demandas, instando o INSS a desbloquear as compensacións sociais, que hoxe non concede argumentando que xa existe unha pensión outorgada por Venezuela, aínda que esta non sexa efectiva. No último ano a APEJUVEG levou a cabo numerosas charlas informativas en todo o país, xa que unha boa parte das persoas afectadas descoñecían a efectividade deste mecanismo, para o que están contando con asesoramento legal.

A Asociación de Pensionados pregúntase "por que a administración, vendo que todos os ditames xudiciais lles están dando a razón a estas persoas, se empeña en manter un criterio que despois é revogado polos tribunais"

O proceso iníciase cunha apelación administrativa, que logo pasa ao Xulgado do Social, que están fallando en todos os casos a favor dos xubilados e xubilados. O INSS están recorrendo as sentenzas ante o TSXG, que tamén lles está dando a razóns aos e ás pensionistas, estimando integramente a demanda e condenando o Estado español a recoñecer o dereito a percibir unha contía básica (o denominado complemento a mínimos, unha cantidade adicional que se engade ao importe da pensión, na súa modalidade contributiva, cando esta non acada o mínimo fixado legalmente). Os ditames tamén están obrigando a pagarlles aos demandantes o que debería ter percibido desde que Venezuela deixou de cumprir o convenio con España. A Asociación de Pensionados pregúntase de feito "por que a administración, vendo que todos os ditames xudiciais lles están dando a razón a estas persoas, se empeña en manter un criterio que despois é revogado polos tribunais".

Porén, o camiño está a ser lento, por mor do colapso xudicial que se vive en moitas cidades. O prazo mínimo (en Vigo, Ourense...) está a a ser dun ano sendo mesmo superior en Pontevedra e chegando aos dous anos en Santiago de Compostela ou A Coruña, a urbe con máis problemas neste senso. De aí que das case 400 denuncias interpostas ata o momento só se resolveron unhas 60, ao redor do 15%. Iso si, todas de maneira positiva.

Reclama "reforzos de persoal", con novos maxistrados de apoio nos xulgados do social, sobre todo naquelas demarcacións nas que se están producindo máis atrasos

A Asociación de Pensionados, á vista desta situación, reclama que o Goberno aprobe "reforzos de persoal", con novos maxistrados de apoio nos xulgados do social, sobre todo naquelas demarcacións nas que se están producindo máis atrasos. "Estes atrasos afectan ademais a persoas que son maiores, e que non poden agardar dous anos a que chegue unha sentenza, e mentres ir vivindo con prestacións que nalgúns casos son ridículas", sinalan. "Esta semana saíu unha sentenza favorable para unha persoa que estaba cobrando tres euros ao mes", poñen como exemplo.

 

Protesta de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG
Encontro informativo cun grupo de pensionistas afectados en Galicia © APEJUVEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.