0 Gardados para despois

A Garda Civil acha o corpo de Diana Quer onde a levou o asasino confeso

Redacción | @prazapublica

A Garda Civil atopou a primeiras horas deste domingo o corpo de Diana Quer, a moza desaparecida na Pobra do Caramiñal o 22 de agosto de 2016. O achado produciuse nunha nave da parroquia de Asados, en Rianxo, ata a que, segundo transcendeu, os axentes foron conducidos polo presunto asesino da moza, detido o pasado venres en Boiro ao denunciar unha veciña da zona que tentara secuestrala e atacala sexualmente.

A comitiva xudicial encargada dos trámites para ratificar a identidade dos restos mortais abandonou xa o lugar onde o detido, José Enrique Abuín, deu en confesar que enterrara a Diana Quer. Trátase dunha antiga fábrica de mobles abandonada que é un lugar empregado habitualmente por persoas vinculadas ao mundo do narcotráfico. Fontes policiais citadas pola axencia EFE e recollidas por eldiario.es indican que os restos mortais se atoparían nun pozo, o que faría necesaria a intervención do grupo subacuático do Instituto Armado. O presunto asasino pasa este luns a disposición xudicial.

A moza, de orixe madrileña, desapareceu en agosto de 2016 durante o domingo das festas do Carme da Pobra, cando se dirixía de volta á casa que a súa familia ten na vila. Segundo transcendeu daquela, chegara a indicar a través do seu teléfono móbil que un home a convidara a achegarse a el, o que inicialmente levara os investigadores a sospeitar dos feirantes que naqueles días se atopaban na vila do Barbanza. A reconstrución dos feitos sitúa a Abuín na Pobra na noite dos feitos.

O principal avance na investigación chegara tras atopar unha mariscadora o teléfono móbil de Diana Quer na contorna de Taragoña, a onde tamén conduciran os datos de posicionamento do terminal. O corpo foi atopado a escasos cinco quilómetros do lugar.

Arquivo e reapertura do caso

A descrición ofrecida pola moza atacada en Boiro foi clave para conducir a investigación cara ao presunto asasino de Diana Quer, desaparecida na Pobra en agosto de 2016

Malia ás numerosas dilixencias e declaracións recollidas o caso apenas rexistrara avances, o que levou o titular do xulgado de instrución número 1 de Ribeira a arquivar provisionalmente o caso o pasado abril "por non existir indicios dabondo para dirixir o procedemento" cara á acusación "de ningunha persoa determinada". Así e todo, o ruíz resolvera que era "necesaria" a "continuación da investigación" policial, xa que existían abertas "varias liñas de traballo" que, de daren lugar a novos elementos de xuízo, suporían a reapertura.

Eses novos elementos xurdiron e deron lugar á detención do que agora é considerado presunto asasino, a quen os axentes xa situaran entre os sospeitosos e interrogaran, pero que nunca chegara a ser detido. Chegaron coa declaración da moza que denunciou o devandito intento de secuestro en Boiro. A descrición ofrecida pola rapaza agredida permitiu á Garda Civil identificar o vehículo do sospeitoso, que foi prendido xunto á súa esposa e trasladado á comandancia da Garda Civil na Coruña. A muller foi posta en liberdade tras mudar a versión que ofrecera hai un ano sobre a noite da desaparición de Diana Quer e recoñecer, ao contrario do que asegurara inicialmente, que non se atopaba co seu marido na noite da desaparición.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.