O Colexio de Xornalistas pide tratar o asasinato de Diana Quer como violencia machista e "non sumar dor" á familia

Sala de prensa da Delegación do Goberno en Galicia durante unha comparecencia sobre o caso Diana Quer CC-BY-SA Praza Pública

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia manexa dende hai anos varios documentos con recomendacións para informar sobre os casos de violencia de xénero. O Código Deontolóxico Galego, a Guía práctica para o tratamento informativo da violencia contra a muller ou a fundacional Declaración de Compostela son guieiros que a entidade profesional se viu obrigada a lembrar en múltiplas ocasións durante os últimos anos e que vén de poñer sobre a mesa ante o tratamento xeral do asasinato de Diana Quer.

A Xunta de Goberno do CPXG "lembra" que "a violencia de xénero non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico", senón que o fai "en todos os tipos de violencia dirixidos cara ás mulleres polo simple feito" de o seren. Así, subliñan, e "sen prexuízo" das conclusións ás que cheguen as pescudas policiais e xudiciais, "é necesario que os medios traten o caso como un novo episodio de violencia machista". Ou, o que é o mesmo, como "unha violación dos dereitos humanos e un atentado contra a liberdade e dignidade das persoas", encadrándoo nun "contexto ideolóxico e social" concreto e no "combate" do "supremacismo patriarcal, polo que o rol feminino estivo e está supeditado ao masculino".

O CPXG lembra as recomendacións deontolóxicas de abordar a violencia de xénero dende o "combate" das súas causas

O Colexio creo necesario "facer un chamado" a que "se sigan en todas as informacións" as recomendacións dos devanditos documentos, así como as achegas do Foro sobre Comunicación e Xénero e as conclusións da xornada O papel dos medios na información de xénero. Estes documentos forman parte dunha "apelación á ética e á responsabilidade do conxunto da profesión xornalística galega" para "que non sume máis dor á dor" da familia de Diana Quer e "para que poidamos loitar dende os medios de comunicación contra a lacra social da violencia de xénero, combatendo as súas causas e incentivando a toma de conciencia social".

A entidade profesional insta a controlar os comentarios que xustifican as agresións de xénero e lamenta que algunhas informacións "poidan levar á identificación" de familiares menores de idade da vítima e do asasino confeso

Neste sentido, o CPXG insta a coidar o "tratamento no corpo das informacións", pero sen perder de vista "os comentarios presentes en numerosos medios dixitais", que se ben "non son responsabilidade directa" da redacción de cada cabeceira, dende elas si "cómpre introducir mecanismos de filtración e control que impidan a publicación de opinións" que dean en "xustificar" as agresións de xénero. "Unha información non pode tratar dunha maneira ética e responsábel esta lacra se comparte espazo con comentarios deste tipo".

Ao tempo, no Colexio "preocupa" tamén a difusión de informacións nas que prolifera o "material das redes sociais" ou doutros datos que "poden levar á identificación" de dúas menores de idade, "unha delas familias da vítima e outra, do presunto homicida". "A privacidade e a propia imaxe deben ser respectadas en todos os casos, pero máis aínda cando se trata de menores, que precisan de especial protección". Ao tratarse de "persoas non implicadas directamente nos feitos noticiosos, é preferíbel non informar en absoluto delas" ou, de facelo, seguir as recomendacións profesionais ao respecto.

Este chamado público do Colexio Profesional de Xornalistas chega apenas vinte e catro horas despois doutra apelación no mesmo sentido por parte dos responsables da investigación do caso. Na comparecencia pública para informar ao respecto, os Gardas Civís que dirixiron a investigación reclamaron autocrítica aos medios de comunicación, denunciaron "graves filtracións" que puxeron en risco as pescudas e advertiron de que "hai titulares" sobre este asasinato que "poden supor dano de por vida" á familia de Diana Quer.

Vista da Pobra do Caramiñal, na contorna onde desapareceu Diana Quer Dominio Público Luis Miguel Bugallo Sánchez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.