0 Gardados para despois

O asasino confeso de Diana Quer era o "principal sospeitoso" dende hai máis dun ano

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


José Enrique Abuín Gey, coñecido como o Chicle, converteuse xa en novembro de 2016 no "principal sospeitoso" da morte da moza madrileña Diana Quer, desaparecida na madrugada do 22 de agosto de 2016 na Pobra do Caramiñal, tal e como informou este martes na Coruña o coronel xefe da Unidade Operativa (UCO), Manuel Sánchez Corbí.

Antes, o delegado do Goberno central en Galicia, Santiago Villanueva, anunciara que as probas de ADN confirmaran de madrugada que o corpo achado no fondo dun pozo nunha nave industrial en Rianxo era o da rapaza desaparecida durante máis de 14 meses.  

En rolda de prensa para informar do operativo, Corbí insistiu varias veces no perfil do asasino confeso da rapaza madrileña, ao que definiu como "profesional do delito" e moi "espabilado" á hora de non facilitar as probas que supuxesen a súa detención, malia que os investigadores da Garda Civil levaban varios meses "case seguros" de que el era a persoa que buscaban. Foi obxecto de seguimentos e vixilancia, do que o agora detido se decatou, pero non puido ser detido por esa falta de probas e ante a coartada que tanto a súa muller como os seus cuñados lle proporcionaran. Abuín aclaráralle á familia que non tiña nada que ver co caso pero que, ante os seus antecedentes, mellor protexelo. Crérono. 

A Garda Civil define o asasino confeso como un "profesional do delito" que non facilitou as probas necesarias para detelo antes

Con todo, foi hai xa máis dun ano cando se converteu no principal sospeitoso para a Garda Civil, ao coincidir o percorrido que o seu móbil fai na noite da desaparición "co que fai o de Diana Quer". Ese espazo de tempo, entre as 2:42 horas e as 2:58, foi clave, sobre todo cando nese último momento no que o teléfono da rapaza permanece operativo a ubicación é a mesma que a do Chicle

Nave de Asados (Rianxo) no que foi achado o corpo de Diana Quer / © Google

A partir dese novembro de 2016 empezouse co seguimento do agora detido, que chegou a solicitar un contacto "informal" cun axente da garda civil para preguntarlle por que o seguían. "Quería saber", aclarou Corbí, "pero cometeu un erro". Asegurou que o día da desaparición de Diana Quer se atopaba coa súa dona nas festas da Pobra, polo que "estábase situando no lugar do delito". Só uns días despois, cando declarou como testemuña, tanto el como a súa muller dixeron que foran roubar gasolina. Os seus cuñados insistiron nesa mesma versión. 

Ao decatarse de que estaba a ser seguido, Abuín pediu un encontro "informal" coa Garda Civil e preguntou por que razón era vixiado

As sospeitas e datos fóronse acumulando, relataron os investigadores, pero non había "elementos de proba" que permitisen tampouco reimpulsar un caso que fora arquivado provisionalmente en abril de 2017. Ese era o obxectivo principal da Garda Civil: apañar as probas necesarias que permitisen ao xuíz reabrilo e aplicar dilixencias que afondasen nas pescudas. O xulgado de Ribeira ven de declarar a reapertura da causa. 

O asasino confeso chegou a entregar ás forzas de seguridade un móbil que non era o que buscaban para logo entregar o seu, pero baleirado de calquera dato que o implicase. Todo iso despois de que o seu vehículo tamén fose identificado no percorrido investigado. 

Ante as críticas e preguntas sobre por que Abuín non fora detido antes, a Garda Civil insistiu en que non tiñan as probas, así como na preparación delicitiva do Chicle para evitar achegalas. "En España non hai detención preventiva; só había sospeitas e o xuíz entendeu que había que arquivar o caso", aclarou Corbí, que cre que "non tería cambiado nada ou non moito" no caso de que a causa seguise aberta. "Se o tivéramos detido naquel novembro e a familia seguise coa mesma coartada, todo sería igual", insistiu, para advertir de que "ningunha policía" podería ter feito máis. "Polo menos a Garda Civil, non", dixo. 

Os investigadores deféndense das críticas por non ter detido antes a Abuín: "Só había sospeitas, non tiñamos probas"

O desbloqueo de máis datos telefónicos, no mes de xullo de 2017, estreitou aínda máis o cerco sobre Abuín ao facilitar ubicacións exactas do seu coche, ata que en novembro pasado os investigadores, tal e como recoñeceron, xa non tiñan "ningunha dúbida" de que o Chicle era o autor da morte de Diana Quer, polo que só quedaba aclarar se o delito fora cometido en solitario ou con máis persoas, algo que foi descartado posteriormente. O perfil delitivo e unha pasada agresión sexual á cuñada dirixían todos os indicios cara a el. 

O obxectivo durante os últimos meses, tal e como aclara a UCO, foi "convencer o xuíz para reabrir as dilixencias" polo que se elaboraron completos informes sobre as investigacións ata que a denuncia doutra moza por unha agresión na noite de Nadal acelerou todo. Así o explicou o coronel Francisco Javier Jambrina, xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, que detallou o episodio e aclarou que, "ao contrario do que se dixo nos medios, non foi unha casualidade senón un obstáculo" no proceso da investigacións que obrigou a acelerar todo. 

A denuncia da rapaza na noite de Nadal acelerou o caso e unha "grave filtración en prensa" obrigou os axentes a "precipitarse"

"Non nos agardabamos que intentase outro feito así", dixo Jambrina, que advertiu que "unha grave filtración en prensa" -en referencia á nova de que esa nova agresión podería estar vinculada co caso de Diana Quer- obrigou os investigadores a "precipitarse". "Comprometeunos", engadiu quen tamén aclarou que, malia non estar comprobado, todo fai indicar que o modus operandi con esta última vítima foi semellante ao empregado con Diana Quer, aínda que con fatais consecuencias no caso da moza madrileña.  A Garda Civil xa anunciou que investigará outros casos de violación na zona por se o agora encarcerado puidese ter algo que ver. 

A partir da súa detención, o asasino confeso fala de morte accidental e de que o corpo fora tirado á ría, en Taragoña. "Imposible porque o corpo aboiaría", din os axentes. Tempo despois, e logo de que tanto a súa muller como os seus cuñados muden a versión, tiren abaixo a súa coartada e recoñezan que non estiveron con el na noite da desaparición, Abuín pide declarar e indica o lugar onde agochou o cadáver, que apareceu lastrado cuns ladrillos e nun pozo con auga duns dez metros de profundidade. 

Con todo, Abuín non aclara nin como a matou, insiste na morte accidental -teoría que a Garda Civil non comparte á falta das probas- e tampouco se sabe se houbo violación. "Será a autopsia a que determine iso", remataron uns garda civís, que foron moi críticos co tratamento que boa parte da prensa lle deu ao caso e que recoñeceron que a decisión de ofrecer unha rolda de prensa con tantos detalles xurdiu do "moi mediático" do caso e da necesidade de desmentir "demasiadas informacións que non se correspondían coa realidade". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Os investigadores piden autocrítica á prensa: "Hai titulares que poden supor dano de por vida á familia"

O tratamento mediático do caso de Diana Quer foi polémico desde os seus inicios. Diferentes programas de televisión e titulares ou crónicas de prensa foron criticados ou postos en dúbida nos últimos meses. Os investigadores da Garda Civil non quixeron obviar o tema este luns na rolda, ante unhas quince cámaras de diferentes canles. 

"A prensa debería ser crítica coa prensa; poderíase escribir unha tese doutoral: o tratamento mediático do caso Diana"

"A prensa debería ser crítica coa prensa; e creo que así é", respondeu o coronel Sánchez Corbí cando foi cuestionado sobre as súas críticas a algúns medios de comunicación que ofreceron información da desaparición da rapaza madrileña. "Eu poría enriba da mesa un debate do que até se podería escribir unha tese doutoral para o xornalista que queira doutorarse: o tratamento mediático do caso Diana", espetou, tras lembrar que as forzas de seguridade teñen, "por desgraza, máis casos semellantes que atender". "Pero a nivel mediático, queremos rematar aquí", engadiu. 

A Garda Civil asume que non é "normal" unha comparecencia así pero xustifícaa porque "houbo demasiada información que non se correspondía coa realidade"

De feito, Corbí advertiu ao inicio da rolda que non era "normal" comparecer para ofrecer detalles dunha operación, pero explicouno por ser "o caso máis mediático" que el tratara nunca desde que chegou á Garda Civil e porque "a maioría da información foi pouco acertada". "Houbo demasiada información que non se correspondía coa realidade", insistiu, mentres ao contrario, minutos antes, o delegado do Goberno, Santiago Villanueva, daba as "grazas" aos medios por "non difundir datos que podían dificultar a operación". 

Non é a opinión do coronel Jambrina, que asegurou que a "grave filtración en prensa" que informou da vinculación da agresión da noite de Nadal co caso Diana Quer "comprometeu" a operación policial e "obrigou" os axentes a "precipitarse". 

O delegado do Goberno deu as "grazas" aos medios por non difundir datos comprometidos pero a Garda Civil criticou unha "grave filtración" que "comprometeu" o operativo

"Pensen que a vítima ten familia; agora que todo pasou, xa é moito máis dfícil velo", dixera antes o coronel Corbí, que foi moi crítico co tratamento mediático e que lembrou que "hai titulares de prensa que ese día son un titular, a portada dun xornal, pero que á familia pódenlle supor un dano de por vida"

Con todo, advertiu de que o devandito tratamento "non está regulado". "Creo na autorregulación de cadaquén na súa profesión. Nós non imos poder regulalo", insistiu, logo de destacar que eles non van difundir datos que o detido puidese contar nunha conversa informal. "Non podemos entrar en detalles porque nós si que temos limitacións", dixo. 

"Hai titulares de prensa que son a portada dun xornal, pero que á familia pódenlle supor un dano de por vida"

Ademais, Corbí insistiu en deixar claro que moitos dos rumores que se difundiron non tiñan sentido, aínda que sen citalos expresamente. "Rapidamente descartamos que alguén da súa familia tivese algo que ver", aclarou, para engadir que tamén se fixo unha "profunda" análise das redes sociais e mensaxes de Diana Quer que "non" lles dixo "nada" extraordinario. "Fora un descoñecido quen a abordara", rematou, para gabar de novo o comportamento da familia da falecida cos axentes da Garda Civil. 

Precisamente, o pai da falecida emitiu un comunicado no que apelou á ética profesional para que "a dignidade e intimidade" da filla "e de toda a familia sexa respectada, e evitar que a dor sexa aínda maior".