O xuíz confirma a prisión incomunicada e sen fianza para o asasino confeso de Diana Quer

Xulgados de Ribeira © Google

O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira vén de ratificar a prisión provisional incomunicada e sen fianza ditada o pasado luns para José Enrique Abuín, quen confesou ser o autor da morte de Diana Quer pero que este xoves se acolleu ao seu dereito a non declarar ante o xuíz. Tamén este xoves estaba citada a declarar a esposa de Abuín, que foi posta en liberdade pero en calidade de investigada, antiga figura da imputación.

A súa esposa continúa imputada pero foi posta en liberdade tras declarar este xoves nos xulgados de Ribeira

Segundo fontes oficiais da administración de xustiza, Abuín está a ser investigado no caso da morte de Diana Quer polos presuntos delitos de homicidio ou asasinato, detención ilegal e contra a liberdade sexual. Polos feitos sucedidos o 25 de decembro que permitiron a súa detención, Abuín tamén está a ser investigado por outro xulgado polos presuntos delitos de detención ilegal, roubo con violencia e intimidación, lesións e contra a liberdade sexual. Abuín rexeitou prestar declaración en ningunha das dúas causas e os dous xulgados acordaron a prisión provisional incomunicada e sen fianza, pero establecendo que a incomunicación finalice este mesmo venres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.