0 Gardados para despois

Ames plantará 4.200 árbores caducifolias para loitar contra o lume

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Concello de Ames plantará nos vindeiros meses ao redor de 4.200 árbores caducifolias -castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras- para loitar contra o lume. A actuación, que ocupa un total de 14 hectáreas e 235 parcelas de todo o termo municipal, ten un custo de 51.000 euros, busca "crear unha barreira natural contra o lume" e tamén "mellorar a calidade do chan" e darlle "un forte impulso ao aumento da biodiversidade que sofre unha forte merma nos terreos de monocultivo de coníferas e eucaliptais". O pleno municipal aprobou a pasada semana esta medida, que dá continuidade ao proxecto piloto iniciado o pasado ano, no que xa se plantaran un milleiro de árbores en 37 leiras da parroquia de Piñeiro. 

O plan foille tamén enviado á FEGAMP e ao Parlamento Galego "para que se teña en conta de cara ao estudio dunha nova política municipal forestal", destaca o Goberno municipal amesán

O plan foille tamén enviado á FEGAMP e ao Parlamento Galego "para que se teña en conta de cara ao estudio dunha nova política municipal forestal", destaca o Goberno municipal amesán. O alcalde, José Miñones, salienta “a importancia da aposta que realiza o Concello de Ames con este plan de prevención, priorizando estes traballos sobre as labores de extinción” e criticou que “a Consellería de Medio Rural non participase na consecución desta iniciativa para estendela a outros concellos galegos”.

De igual xeito, o concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destacou que o plan permitirá obter "aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita" e, igualmente, "beneficios medioambientais como o incremento da diversidade, equilibrio de hábitat; protección do solo, fixación do carbono atmosférico, protección fronte a especies invasoras". García explica que tamén se pretende "reverter a percepción negativa que adoita ter a execución das obrigas legais de medidas preventivas relacionadas coa propiedade de terreos de carácter forestal" e "facilitar a mobilización de condutas que incidan na xestión sostible do medio, incidindo en recuperar actitudes motivadas en relación co entorno máis inmediato”.

O alcalde, José Miñones, criticou que “a Consellería de Medio Rural non participase na consecución desta iniciativa para estendela a outros concellos galegos”

Ames é un concello cada vez máis habitado (30.835 persoas no Padrón de 2017), pero cunha poboación moi dispersa e, ademais, moi afectado polos incendios nas últimas décadas. Como detallou a investigación España en Llamas da Fundación Civio, entre os anos 2001 e 2014 Ames sufriu 389 incendios de máis dunha hectárea, que arrasaron 1.110 hectáreas de terreo, sendo o 67º concello galego con máis incendios importantes e o 94º no conxunto de España. No ano 2016, a revisión do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais estruturou o termo municipal en 59 ámbitos de protección de núcleos de poboación e 45 ámbitos de protección a vivendas, edificacións e infraestruturas illadas. Estes ámbitos están protexidos por unha faixa que os circunda de 50 metros onde a biomasa debe ser xestionada. O novo plan pretende levar a cabo a plantación de frondosas caducifolias en toda a rede de faixas de protección contra os incendios forestais en todo o Concello.

Dos 59 ámbitos que figuran no devandito Plan seleccionáronse 10 ámbitos nos que se prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias, parcelas tipificadas como de perigo alto o moi alto así como a distancia ou distancias onde segundo a lexislación vixente sexa preciso a eliminación de arborado. O pasado inverno plantáronse un total de 815 árbores na parroquia de Piñeiro, grazas aos 37 convenios asinados entre 33 propietarios implicados e o Concello de Ames, cun financiamento do 80% por parte da Administración local nas actuacións de limpeza, tala e plantación, cunha porcentaxe de éxito no crecemento das árbores do 97,2%. As plantacións desenvolveranse ao longo dos meses de xaneiro e febreiro, tal e como aconteceu o ano pasado.

O concelleiro de Medio Ambiente, Javier García, destacou que o plan permitirá obter "aproveitamentos non madeireiros como os cogomelos ou a froita" e, igualmente, "beneficios medioambientais"

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de Prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece as redes de faixas secundarias de xestión de biomasa como unha das medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume. Con posterioridade, a lei 7/2012 de Montes de Galicia reduciu a anchura das faixas de protección, pero mantívose o concepto de faixa secundaria e os criterios de xestión de biomasa xa establecidos. O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do Concello de Ames nace "coa finalidade de poñer en mans dos veciños, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo ca prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade", destaca o Goberno local.

Despois dos terribles incendios sufridos en Galicia o pasado outono, a Xunta comezou a barallar a posibilidade de desfacer o cambio lexislativo que levou a cabo en 2012, recuperando as barreiras de protección que foran aprobadas en 2007. O Concello de Ames adianta que no caso de que se modifique a lei e aumenten os metros de xestión de biomasa, "iso implicaría un incremento do número de árbores plantados co conseguinte aumento en 10.000 euros a contía que tería que achega o Concello". "Neste caso ampliaríase en 8,3 o número de hectáreas a traballar e en 2.490 o número de árbores a plantar", aclara.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.