O lindano: o pesticida canceríxeno sobre o que pisan os habitantes da Louriña

Pintada nunha das vivendas de protección oficial construídas sobre o depósito de lindano © Plataforma Anti Lindano A Louriña

O lindano era o principio activo de boa parte dos insecticidas que se comercializaron durante décadas, ata finais dos setenta, cando se prohibiu o seu uso agrícola por ser canceríxeno. Entre 1947 e 1964 a empresa Zeltia fabricou lindano e outros pesticidas nunha planta do polígono de Torneiros, no Porriño. Durante ese tempo foron vertidos alí máis de 1.000 toneladas de residuos. O lugar nunca foi descontaminado e, de feito, sobre o predio que ocupaba a fábrica construíronse vivendas de protección oficial, un parque infantil, un centro da terceira idade ou unha pista deportiva, que cubriron e ocultaron os terreos contaminados; mesmo unha zona verde, coñecida popularmente como "o Parque do Lindano". As décadas foron pasando e así chegamos a 2017, cun problema silenciado pero non resolto, e cunha comarca contaminada que camiña sobre lindano.

"Permitiuse e mesmo incentivouse que os veciños levasen o lindano, estendendo o problema", denuncian os veciños

"Levábano en carros de bois, espallándoo por todas as parroquias do Porriño e tamén por outros concellos da comarca". Os residuos do lindano "compactaban moi ben" e foron empregados por autoridades e veciñanza como grava en camiños particulares e firme baixo o asfalto de estradas. "Permitiuse e mesmo incentivouse que os veciños levasen o lindano, estendendo o problema", denuncian os veciños. O problema soterrouse, pero como un mal recordo que se quixo agochar e esquecer, agroma necesariamente.

O pasado verán, a apertura de gabias para a instalación de tubaxes de saneamento nos barrios de Contrasto e Pereira deixou ao descuberto parte desta grava tóxica que durante décadas se estendeu por toda a comarca. Ao contacto con estas boliñas brancas, con cheiro a insecticida, algúns veciños e veciñas sufriron irritacións na pel e mareos. Ante a alarma xerada en todo o concello, a Xunta ordeou o peche de sete pozos particulares na parroquia de Torneiros e recomendou “non consumir alimentos cultivados na zona afectada". Os mesmos pozos dos que os habitantes desta zona levan décadas bebendo. Máis de catro meses despois, Xunta e Concello aseguran que a situación en Contrasto volveu á normalidade, pero a veciñanza deste lugar denuncia que o lindano aínda cobre o chan, chegando coas chuvias das últimas semanas aos regatos e aos ríos. 

A Consellería de Medioambiente prometeu presentar ao longo do mes de xaneiro un proxecto para retirar os restos do pesticida. Porén, os habitantes do lugar amósanse xustificadamente escépticos. En 1998 houbo unhas importantes protestas no Porriño por esta cuestión; a poboación era consciente do perigo que supuña o lindano acumulado e da contaminación que xeraba nas terras e nos ríos. As protestas foron acaladas pola Xunta e o Goberno local a través dunha actuación de saneamento que se limitou a retirar a capa máis superficial, sometendo as inferiores a un proceso de impermeabilización e selado. O lindano foi soterrado, pero non encapsulado, e a veciñanza denuncia que seguiu filtrándose ata os acuíferos e correntes de auga. ADEGA lembra que de xeito continuado dende 2010 nalgúns puntos do río Louro -nos concellos do Porriño e Tui- atópanse concentracións de lindano que chegan a multiplicar por 10 o nivel máximo admisible, segundo as medicións efectuadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

"Falas cos veciños e todo coincide. Hai estudos que asocian diferentes tipos de cancro, leucemia ou insuficiencias renais cunha exposición lenta e continuada ao lindano", denuncia Patricia Sío, voceira da Plataforma

Este outono conformouse a Plataforma Antilindano da Louriña, que levou a cabo charlas informativas en distintos puntos da comarca, púxose en contacto con forzas políticas que denunciaron a situación no Parlamento galego e no Congreso e tamén con plataformas sociais semellantes que levan anos loitando contra problemas similares noutros puntos do Estado: Huesca, Soria, Palencia, Navarra, e sobre todo Biscaia. Javier Vázquez, membro de Ecoloxistas en Acción de Barakaldo e responsable das accións sobre o lindano no Estado, estivo en novembro no Porriño e alertou á poboación de que o lindano é unha substancia canceríxena, de degradación moi lenta e que numerosos estudios científicos teñen amosado como se acumula no organismo humano por inhalación, inxestión e a través da pel.

"Leo toda esta situación como unha cuestión de clase, conflito capital-vida. A xente traballadora levaba a morte á porta da súa casa e agora xa temos pozos e ríos contaminados", sinala Sío

"Falas cos veciños e todo coincide. Hai estudos que asocian diferentes tipos de cancro, leucemia ou insuficiencias renais cunha exposición lenta e continuada ao lindano", denuncia Patricia Sío, voceira da Plataforma, que engade que nestes décadas "nunca se desenvolveron protocolos de actuación para as persoas afectadas polo pesticida". Camiñan ás escuras, sen información, con moitas sospeitas e pouca certidumes. A situación lembra á que se vivía na comarca de Ferrolterra na década dos 80 e 90, cando moitos traballadores e extraballadores dos estaleiros sufrían enfermidades pulmonares e todo o mundo comezaba a sospeitar que esta maior incidencia destas doenzas non podía ser casual. Era o amianto. "Leo toda esta situación como unha cuestión de clase, de conflito capital-vida. A xente traballadora levaba a morte á porta da súa casa e agora temos pozos e ríos contaminados", sinala Sío.

A Plataforma reclama que os distintos gobernos tomen en serio o problema. "Hai que saber onde está o lindano e retiralo. E iso ten que facelo a administración, porque é a súa responsabilidade e é quen ten a capacidade para facelo". Demanda igualmente que "a zona cero" do vertido, o coñecido dende hai anos como Parque do Lindano sexa pechado ata que se elimine todo risco para a saúde. A Plataforma acusa a Xunta e Concello de "pasarse a responsabilidade dunha administración a outra, alegando ocultación de información ou falta de competencias na materia, mentres as semanas pasan sen unha solución clara e definitiva a este veleno".

A Plataforma acusa a Xunta e Concello de "pasarse a responsabilidade dunha administración a outra, alegando ocultación de información ou falta de competencias na materia, mentres as semanas pasan sen unha solución clara e definitiva a este veleno"

A Fiscalía abriu xa unha investigación penal polo vertido de toneladas de residuos de lindano no Porriño, atendendo a denuncia presentada polo grupo municipal de Esquerda Unida-Son. Tamén En Marea elevou unha pregunta ao Goberno galego no Parlamento, a través de Eva Solla. "Nunca houbo unha política de prevención por parte da Xunta a pesar de que que en 2012 a Confederación Hidrográfica Miño-Sil explicaba que as augas do río Louro estaban afectadas por esta mesma contaminación", denunciou Solla, que acusou o conselleiro de Sanidade de "abandonar as veciñas e veciños do Porriño que poden estar afectadas por este un canceríxeno de tipo 1".

A deputada acusou ao Goberno galego de ignorar o problema e de actuar de forma improvisada: "A única recomendación que recibiron foi non consumir auga e non ducharse" -dixo- "e mentres en Aragón utilizan traxes de protección especial para recoller o lindano, en Porriño as veciñas poden tocalo coas mans", engadiu Solla, que alertou de que "a consellería non informou as sanitarias do que deben facer para atender casos de persoas afectadas por lindano. Non hai un protocolo". No Congreso, Alexandra Fernández demandou "un plan de descontaminación do terreo", que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil leve a cabo medicións e que "prevaleza o principio de precaución para o uso de auga de ríos e acuíferos contaminados".

Alértase de que os efectos tóxicos do lindano poden afectar a toda a comarca, especialmente aos concellos de Mos e Ponteareas, ademais do Porriño

De igual xeito, aínda que o Goberno galego busca tamén minimizar o problema a través da súa redución á parroquia de Torneiros ou ao Concello do Porriño, dende a Plataforma Antilindano da Louriña alértase de que os efectos tóxicos do lindano poden afectar a toda a comarca, especialmente aos concellos de Mos e Ponteareas, e mesmo a Tui, ben a través da existencia de vertidos e depósitos incontrolados deste material contaminante, ben a través da rede de ríos e augas subterráneas, que levou o problema xa ata o río Miño. De igual xeito, o grupo ecoloxista ADENCO remitiu escritos ao Concello de Ponteareas e á Consellería de Medio Ambiente solicitando información sobre posibles aterramentos con materiais tóxicos en canteiras da localidade. "O que pense que este é un problema localizado ou que afecta só ao concello do Porriño está moi equivocado. Este é un problema moito máis global e esperamos que as autoridades actúen o máis rapidamente posible para atallalo", sinala a este respecto a bióloga Marina Alcalde, que colabora coa Plataforma.

O lindano almacenouse durante décadas no Porriño © Plataforma Anti Lindano A Louriña
Imaxe do lindano que apareceu no Porriño © Plataforma Anti Lindano A Louriña
Asemblea informativa sobre os efectos do Lindano © Plataforma Anti Lindano A Louriña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.