A Eurocámara frea a pesca con descargas eléctricas na UE

Barco preparado para a pesca eléctrica © Fishing News International and Pulse Fishing EU

O pleno do Parlamento Europeo votou este pasado martes a favor de prohibir totalmente, mesmo sen excepcións, a pesca de arrastre a través de descargas eléctricas na Unión Europea, permitida a tal hora unicamente nalgunhas zonas do Mar do Norte e para un limitado número de barcos, nomeadamente dos Países Baixos. 

A Eurocámara aprobou unha  proposta de Regulamento sobre a conservación dos recursos pesqueiros e a protección dos ecosistemas mariños con medidas técnicas que incorpora emendas relativas á prohibición total da pesca con impulsos eléctricos. Son as novas normas sobre os métodos de pesca, as limitacións e os tamaños permitidos para as capturas nas diferentes zonas.  O pleno da Eurocámara aprobou unha emenda na que reclama o veto total á pesca eléctrica co voto a favor de 402 eurodeputados, en contra de 232 e 40 abstencións. 

A Eurocámara aprobou (con 402 votos a favor e 232 en contra) prohibir totalmente a pesca eléctrica na UE

A posibilidade de permitir o método que emprega impulsos eléctricos para arrastrar os peixes dos leitos mariños creara polémica logo de que a Comisión de Pesca aceptase que se sometese á decisión do pleno a posibilidade, que ergueu as voces de grupos ecoloxistas, mariñeiros e expertos, que advirten dos graves prexuízos do modelo. A proposta da Comisión Europea de 2006 optaba por permitir o uso destas descargas eléctricas pero ambientalistas e organizacións de pescadores advertiron de que se empregaran informes científicos terxiversados e que non se tiveran en conta aqueles que advertían dos seus riscos. 

Segundo aseguran, esta técnica provoca que os exemplares se fracturen, queimen e sangren polas convulsións provocadas polas descargas, ademais de provocar unha alta porcentaxe de descartes, ata dez veces máis. A pesca eléctrica consiste en colocar nas grandes redes de arrastre electrodos, que "pasan polos fondos mariños e emiten corrente ao sedimento, provocando convulsións nos organismos, forzándoos a saír e sendo capturados de xeito máis doado", advirten as asociacións contrarias. Péscase máis, con menos combustible e menos esforzo, pero dánase o medio ambiente no mar e prexudícase a pesca artesanal.

A eurodeputada galega Lídia Senra, unha das responsábeis para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) na Comisión de Pesca do Parlamento, amosou a súa satisfacción polo posicionamento da Eurocámara, reiterando que “este tipo de pesca é un ataque á pesca artesanal, costeira e de baixo impacto, unha práctica totalmente incompatíbel coa sustentabilidade pola que debe avogar a Política Pesqueira Común”.

A aprobación desta emenda fixa a postura da Eurocámara pero serán os Estados, no Consello e na Comisión, os que decidirán finalmente

Con todo, Senra chamou a atención sobre o feito de que, aínda que se conseguiu que saíran aprobadas as emendas para manter a prohibición, "non se pode dar por finalizada esta loita". "Nestes momentos a frota holandesa segue facendo uso das excepcións que lle permiten empregar descargas eléctricas para capturar o peixe", asegura. 

Ademais, a aprobación desta emenda a favor da prohibición da pesca eléctrica fixa unha postura de cara a futuras negociacións, pero serán os diferentes Estados, no Consello Europeo e na Comisión, os que deberán decidir de vez que facer cunha técnica para a que todos, contrarios e a favor, esixen máis estudos rigorosos e independentes sobre o seu impacto. 

Pleno da Eurocámara en 2018, en Estrasburgo Dominio Público Parlamento Europeo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.