0 Gardados para despois

Flores para Maruxa e Coralia, mulleres represaliadas

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"As dúas en punto" ás dúas en punto. Durante moitos anos cada día a esa precisa hora Maruxa e Coralia collíanse de ganchete e paseaban pola Alameda de Compostela. Saudaban, rían e brincaban cos outros paseantes mentres lucían vestidos e panos de vivas cores. "Vestíanse de luz e forza", lembrou ás dúas da tarde deste mércores a poeta Luz Fandiño ao pé da estatua que as lembra no mesmo lugar polo que tanto pasearon. Facíao convidada pola Lila de Lilith e pol'As dúas, libraría e local de hostalería que adoitan transcender as súas respectivas actividades profesionais para internárense na vida cidadá e na defensa de múltiples iniciativas sociais, a comezar polos dereitos das mulleres. Setenta e seis anos despois de que o golpe de Estado franquista provocase o estourido da Guerra Civil propiciaron a convocatoria dunha "mullerenaxe", unha homenaxe concibida por mulleres e aberta a toda a veciñanza da capital para lembrar que as irmás Fandiño, as Marías, eran moito máis que dúas alegres paseantes.

Porque por tras dos panos e dos vestidos de cores houbo case todo menos ledicia. Recordouno Luz Fandiño coa lírica que a acompaña aínda que non recite. Na súa ampla familia, de doce fillos e fillas, existía un "compromiso ideolóxico indubidable". Os seus nove irmáns e o seu pai eran militantes da CNT na "época de esperanza" da II República. Puñan así en práctica o seu "soño revolucionario" ata que foi "afogado polo golpe fascista" e o aparello de represión que estendeu, no caso galego, inmediatamente despois da sublevación do 18 de xullo. Os varóns da casa fuxiron e elas, Maruxa e Coralia, "tiveron que vivir nos seus corpos a represión". O "acoso" dos falanxistas, as ameazas continuas, as humillacións en forma de aceite de ricino ou de cortado forzoso do cabelo "cebáronse nelas". E elas víronse abocadas a "adaptarse, e é moito dicir, á represión, á marxinación e á fame".

"O acoso dos falanxistas, a represión, a marxinación e a fame cebáronse nelas"

Neses anos nos que "toda Galiza semellaba un campo de concentración" ás Marías negáronselles os dereitos e elas, dalgún xeito, "tolearon". Dende unha tolería que era tamén desafío á moral hipócrita da ditadura convertéronse en mulleres "ledas e riseiras", luz no medio dunha "Compostela escura" que se estendía dende a súa casa na rúa do Espírito Santo, no barrio cuxa asociación de veciños leva actualmente o seu nome, ata o mesmo centro da Alameda.

Esa mesma luz riseira foi a que destilou a "mullerenaxe" deste mércores, onde a memoria da represión franquista estivo tamén acompañada de símbolos e cantos á esperanza. Os símbolos foron as flores lilas e vermellas que depositaron ao pé da estatua das Marías as persoas presentes no acto, entre as que se atopaban a profesora Encarna Otero, estudosa da historia de Maruxa e Coralia, a escritora Marilar Aleixandre, a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, ou o líder local da formación nacionalista, Rubén Cela. Os cantos puxéronos Uxía Senlle e Sonia Lebedynski e boa parte das voces das e dos asistentes. Ao remate, "as dúas en punto" quedaron onde sempre, no seu paseo de memoria.

"Mullerenaxe" ás Marías, na Alameda de Compostela

Luz Fandiño lembra a Maruxa e Coralia

Flores ao pé das Marías, na homenaxe que recibiron en 2012

Uxía Senlle e Sonia Lebedynski puxéronlle música ao acto

A homenaxe realízase ao carón da estatua de Maruxa e Coralia

Vista do acto de homenaxe

"Mullerenaxe" ás Marías na Alameda de Compostela

A libraría Lila de Lilith e As Dúas impulsaron unha lembranza ás irmás Fandiño no septuaxésimo sexto aniversario do golpe de Estado que provocou o estourido da Guerra Civil

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.