O Parlamento inclúe os 179 presos galegos na súa declaración en recordo das vítimas do nazismo

Pleno do Parlamento, este mércores © Parlamento de Galicia

Este 27 de xaneiro celebrarase o Día Internacional de conmemoración anual en memoria das vítimas do Holocausto. A xeito de homenaxe, o Parlamento galego aprobou unha declaración institucional en lembranza dos millóns de vítimas do nazismo, entre as que inclúe -como solicitara a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica- os 179 galegos que foron recluídos nos campos de concentración. O texto aprobado pola cámara salienta que o Holocausto, resultado "dun programa de persecución, encarceramento e exterminio levado a cabo polo nazismo que asasinou a máis de seis millóns de persoas" tivo a súa orixe "no intento de eliminación da disidencia política e ideolóxica e derivou nun xenocidio que contou coa colaboración da Ditadura franquista e que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista".

A Declaración lembra en particular "os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano"

A declaración subliña que "en particular, este Parlamento quere lembrar os máis de 10.000 republicanos españois que terminaron deportados nos campos nazis pola colaboración do ditador Francisco Franco co nazismo alemán e o fascismo italiano". E lembra que "preto de 200 deles eran orixinarios de Galicia e morreron alí ou foron liberados pero nunca puideron regresar porque a ditadura franquista, que lles retirara previamente a nacionalidade, lles negou o dereito a regresaren ao seu país de orixe". O texto condena "todas as manifestacións de intolerancia relixiosa, incitación, acoso ou violencia contra as persoas ou comunidades baseadas na orixe étnica ou nas crenzas relixiosas, teñan lugar onde teñan lugar". 

A entidade "celebra" a declaración institucional e sinala que "senta un precedente" para que as institucións recorden as vítimas da ditadura

Hai un mes a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) presentou unha proposta para incluír nesta homenaxe aos galegos que sufriran directamente a represión do nazismo, un total de 179, dos que 122 faleceron nos propios campos de concentración. A entidade "celebra" a declaración institucional e sinala que "senta un precedente" para que as institucións recorden as vítimas da ditadura. A ARMH, que solicitaba un acto de conmemoración "no que se lean os nomes de todos e cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subir nos trens da morte", anuncia que asistirá ao acto que se celebrará no Parlamento dentro dalgúns días "con algúns familiares de deportados galegos"

A ARMH iniciou unha campaña de procura de familiares de deportados galegos para recoller os seus testemuños e achegar información a unha exposición sobre os deportados que se inaugurará dentro de dúas semanas en Coruña. A entidade espera que "se institucionalice un acto que debe servir para asentar unha cultura dos dereitos humanos e facer xustiza a quen sufriron a terrible persecución dos exércitos de Franco, Hitler e Mussolini en España e foron deportados para que Franco deixase de preocuparse polos republicanos españois que estaban nos campos de refuxiados franceses, preto da fronteira".

 

Placa conmemorativa en Mauthausen CC-BY-NC-SA parolealvento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.